Sés, Cristina Botana, María Reimóndez e Laura M. Castro; participantes de dous novos faladoiros sobre o futuro e as utopías na antiga igrexa de Santa Clara

18 Abril 2023

O Concello de Pontevedra promove esta nova actividade que forma parte do proxecto, ‘Do Desequilibrio aos Soños compartidos. Construción de narrativas de futuro sostibles’ no que tamén se inclúe a exposición ‘Xardín Utopía’


O Local Social pontevedrés do Gorgullón acolle desde o pasado mes de novembro as xornadas de traballo do proxecto ‘Do Desequilibrio aos Soños compartidos. Construción de narrativas de futuro sostibles’, promovido desde as áreas de Montes e Cultura do Concello de Pontevedra.

Neste tempo, un grupo interxeracional de 12 persoas estivo traballando ao redor da emerxencia climática e a necesidade de elaborar relatos utópicos para inspirar o necesario cambio cultural que esixe a crise ecosocial.

O proxecto terá como peche as xornadas de ‘Pontevedra Utópica. Do Desequilibrio aos soños compartidos’, entre o 27 e o 29 de abril. Nelas participarán a cantautora Sés, a arquitecta Cristina Botana, a escritora María Reimóndez e a enxeñeira informática Laura M. Castro. Ademais, representarase a obra ‘As Fillas Bravas e o Mito de Casandra’.

As actividades das xornadas levaranse ao cabo no Convento de Santa Clara os días 27 e 28 de abril, e na Praza da Curtidoira, o día 29 de abril.

Como prefacio a estas xornadas, do 27 de marzo ao 30 de abril, diversos centros sociais de Pontevedra foron acollendo a exposición ‘Xardín Utopía.’ A entrada é de balde e pódese visitar nos horarios habituais de cada espazo:

  • Centro Leste (Praza da Citara, 1): semana do 27 de marzo ao 2 de abril
  • Centro Social do Burgo (Av. da Coruña, 62): semana do 10 ao 16 de abril
  • Centro Social Gorgullón (Rúa Curtidoira, 1): semana do 17 ao 30 de abril


‘Diálogo para imaxinar outros futuros’

O futuro será o que sexamos capaces de imaxinar. E que son capaces de imaxinar unha cantautora e unha arquitecta? E unha enxeñeira informática e unha escritora?

Os días 27 e 28 de abril conxugaranse dous Diálogos Utópicos no Convento de Santa Clara. No primeiro destes diálogos, a cantautora Sés e a arquitecta Cristina Botana conversarán sobre o papel da música e o urbanismo na construción de narrativas de futuro máis ou menos utópicas e sobre as interseccións posibles ou desexables entre ambas disciplinas. A conversa terá como título ‘Banda sonora para unha nova forma de habitar o mundo’.

No segundo dos Diálogos Utópicos, a enxeñeira informática Laura M. Castro e a escritora e activista María Reimóndez falarán sobre as distintas formas de elaborar relatos e realidades utópicas, da literatura ao mundo virtual e volta na palestra ‘Construíndo relatos, construíndo realidades’.

As conversas contarán tamén coa participación de Iseo a Moura, do colectivo Narración Oral Galega (NOGA), que introducirá e pechará os diálogos con historias que nos permitan buscar no pasado elementos a recuperar para un futuro.

A entrada será de balde até completar aforo, en horario de 20:00 a 21:30 horas.


‘As Fillas Bravas e o mito de Casandra’ | © As Fillas Bravas

Teatro e ritmo de pandeiretas para pechas as xornadas

As xornadas rematarán o sábado 29 de abril cunha representación teatral sobre cambio climático na praza da Curtidoira da man de As Fillas Bravas.

As Fillas Bravas representarán desde ás 13:00 horas, ‘As Fillas Bravas e o mito de Casandra’, unha obra na que tres mulleres maiores tratan de entender o cambio climático e facerlle fronte aplicando os saberes e a experiencia dunha vida longa no rural. Ao mesmo tempo, é unha obra con perspectiva de xénero á procura de personaxes femininas empoderadas, colocando o foco nunha muller afirmativa, autónoma, creativa e implicada na colectividade.

A entrada será de balde até completar aforo, en horario de 13:00 a 14:00 horas.

Está pasando!