‘Sesións San Simón’ | © Olalla Lojo

Sinsal publica as ‘Sesións San Simón’, as gravacións en cilindro fonográfico nas que participaron as artistas da pasada edición do festival

9 Febreiro 2024

  • Os rexistros, realizados polo experto Aleks Kolkowski, pódense escoitar a través da páxina web da promotora do Sinsal
  • O cineasta vigués Álex Cancelo tamén recolleu en vídeo as gravacións, cuxas primeiras pezas amosan a participación de Hatis Noit, Fillas de Cassandra ou Ana Lua Caiano nesta proposta, aberta ao público durante a celebración do evento

Xa están dispoñibles en aberto as primeiras Sesións San Simón, as gravacións en cilindro fonográfico realizadas durante a pasada edición do festival Sinsal SON Estrella Galicia polo experto Aleks Kolkowski. Os primeiros audios, que se acompañan ademais dunha peza audiovisual, pódense escoitar a través da páxina web da promotora do evento, Sinsalaudio.

As Sesións San Simón forman parte das actividades paralelas do Sinsal, que cada verán se celebra na illa de San Simón. Nelas participan de xeito activo as bandas e solistas que conforman o cartel secreto do festival, e consisten no rexistro dunha canción, de dous minutos, nun cilindro de cera. As sesións, realizadas en distintos espazos do arquipélago, son abertas para o público asistente.

Ademais do rexistro da canción, Sinsal recolle tamén esta gravación en vídeo da man do cineasta vigués Álex Cancelo. As piezas audiovisuais pódense visualizar a través do web www.sinsalaudio.es, na que xa están dispoñibles as sesións nas que participaron Hatis Noit, Fillas de Cassandra, Ana Lua Caiano, Duo Ruut, Dal:um, Leenalchi ou AGD7.


Sesións San Simón | © Olalla Lojo

Sinsal 2024

O Festival Sinsal SON Estrella Galicia 2024 celebrará a súa nova edición na illa de San Simón os días 26, 27 e 28 de xullo. O evento cultural do cartel secreto, que o público só descubre ao desembarcar, volverá ofrecer unha programación musical caracterizada pola diversidade de estilos musicais e orixes das bandas e solistas que convivirán no corazón da Ría de Vigo a última fin de semana de xullo. Alén das actuacións, durante o festival sucédense numerosas actividades paralelas divulgativas, á fin de dar a coñecer a historia e o patrimonio cultural e natural de San Simón; ademais de propostas vinculadas á sostibilidade ambiental e concienciación, ou á recuperación dos arquivos sonoros, que se traducen en iniciativas recollidas como as Sesións San Simón.


Está pasando!