Rosana Martínez Boullosa e Charo Bouzón presentan ‘Enredadas’ | Concello de Soutomaior

Soutomaior pon en marcha a cuarta edición do programa ‘Enredadas’ no que participan oito asociacións locais

19 Xaneiro 2026

  • A risoterapia, pilates, ximnasia de mantemento, alimentación saudable, iniciación a cestería e a elaboración de xabóns serán as protagonistas desta nova edición de Enredadas.
  • Actividades, todas elas de balde, que se desenvolven en colaboración con oito asociacións do concello de Soutomaior, dentro das asociacións de mulleres ou asociacións veciñais con vogalía de muller, como parte do Programa de dinamización comunitaria.

Esta mañá a concelleira de Igualdade e de Benestar Social de Soutomaior, Rosana Martínez Boullosa, e a concelleira de asociacións, Charo Bouzón, presentaron unha nova edición de ‘Enredadas’.

Esta cuarta edición do programa, ao abeiro da oficina CIM, está impulsada polo Concello de Soutomaior dende a concellaría de Igualdade e de Benestar Social e conta coa subvención da Deputación de Pontevedra. Unha edición na que este ano se sumaron dúas asociacións do concello chegando ás oito asociacións participantes.

Durante os meses de febreiro a maio, un conxunto de iniciativas e actividades grupais dirixidas a mulleres de máis de 18 anos e realizadas en colaboración con distintas asociacións veciñais daranse cita no concello.

Os obxectivos de ‘Enredadas’ van desde afastar da soidade a estas mulleres ata traballar o seu autocoñecemento, a autoestima, a asertividade… así como fomentar o aumento do seu grao de empoderamento e a creación ou afianzamento das redes de apoio entre elas.

Todas estas sesións terán un transfondo lúdico e traballaranse todos estes conceptos a través de xogos e dinámicas, actividades, exercicios de relaxación, entre outros. En canto á colaboración coas asociacións veciñais, por unha banda inténtase fomentar a vida nos distintos barrios do concello, e por outra facilitar o desprazamento ás mulleres participantes.

As actividades, todas elas de balde, comezarán, na meirande parte, na primeira quincena de febreiro, e serán de carácter semanal.

Así, do 4 de febreiro ao 8 de abril impartirase todos os mércores en horario de 17:00 a 18:30 horas un obradoiro de risoterapia, en colaboración coa Asociación de Veciños de Romariz.

O día 2 de febreiro comezarán as clases de pilates en colaboración coa Asociación de Veciños de Moreira que se desenvolverá ata o 25 de maio.

Do 2 de febreiro ao 25 de maio será a quenda do obradoiro de ximnasia de mantemento en colaboración coa asociación O Carballo das Chans.

Do 6 de febreiro ao 20 de marzo aterrará o obradoiro de alimentación saudable e cociña de aproveitamento en colaboración coa Asociación Oito de Decembro.

Dende o día 3 de febreiro ata o 14 de abril a Asociación Veciñal Pozovello contará co obradoiro de iniciación á cestería.

A elaboración de xabóns reciclando aceite usado será, do 2 de febreiro ao 20 de abril, a protagonista do obradoiro que se impartirá coa Asociación de Mulleres Marroquís.

As veciñas de Alxán elixiron, un ano máis, dende o 5 de febreiro ao 26 de marzo o obradoiro de cociña saudable e as Mulleres Rurais Anduriña contarán co obradoiro de alimentación saudable e cociña de aproveitamento do 5 de febreiro ao 26 de marzo.

As mulleres interesadas en formar parte destas iniciativas poden inscribirse poñéndose en contacto de xeito directo coa Asociación que imparte a actividade elixida e que colabora cunha nova edición de ‘Enredadas’.

Está pasando!