Presentación do Entroido en Poio 2023 | © Concello de Poio

Todo listo para que Poio volva gozar do Entroido de referencia da bisbarra de Pontevedra

4 Febreiro 2023

O Entroido de Poio volve este mes de febreiro por todo o alto “para ser unha vez máis unha das citas de referencia na bisbarra dentro destas emblemáticas celebracións e contar cunha gran participación”. Así o aseguraron este xoves o alcalde, Luciano Sobral, e a concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez (BNG), durante o acto de presentación do programa, no que estiveron acompañados pola edil nacionalista Marga Caldas e representantes dos colectivos que, tal e como recoñeceu a propia Rodríguez Alonso, “coa súa implicación, esforzo e traballo fan posible que o noso Entroido conte cun dos calendarios máis amplos e variados de toda a provincia de Pontevedra”.

Será o 19 de febreiro cando se dea o pistoletazo de saída á festa, co Desfile de Entroido. “Sen dúbida é unha edición moi especial, por recuperar a normalidade tras as suspensións e restricións de 2021 e 2022, por mor da pandemia, e tamén porque retomamos o percorrido tradicional da comitiva”, explicou a titular de Cultura. Así, tal e como xa se tiña anunciado, a saída dos e das participantes será ás 17.00 horas desde a Praza da Granxa de Campelo, con chegada á Seca. Será alí onde se faga a entrega de premios aos gañadores e gañadoras de todas as categorías (adulto e infantil) e subcategorías (individual, parellas e grupo, ademais dos premios especiais para choqueiro e animación), en función das puntuacións que outorguen os e as integrantes do xurado. Neste sentido, Raquel Rodríguez recordou que nesta edición as contías dos premios increméntanse en máis do 40%, ata realizar un reparto de máis de 6.000 euros en total. A entrega dos galardóns estará amenizada polo Grupo Fussion. A edil nacionalista lembrou, asemade, que o prazo de inscrición para o concurso ficará aberto desde o vindeiro luns, 6 de febreiro, ata o mércores 15. Se ben tanto os individuais como as parellas terán opción de anotarse ‘in situ’ en Campelo o día do desfile, entre as 15.30 e as 16.00 horas, a anotación previa é indispensable para os grupos. “Despois de dous anos sen Entroido estamos convencidos de que a veciñanza responderá e contaremos cunha gran participación”, augurou.

Este ano, a programación tamén inclúe actividades específicas para as crianza. Así, o luns 20 haberá un obradoiro infantil na sede da Comunidade de Montes Rega dos Agros, desde as 16.30 horas, organizado polo Ateneo Corredoira, que tamén ofrecerá unha festa de disfraces para cativos e cativas o martes 21, ás 17.30, no mesmo emprazamento. O sábado 25, será a Asociación de Veciños de Campelo a que ofreza unha festa para nenos e nenas no seu local social, desde as 17.00 horas. Ese mesmo día, a partires das 20.00 horas, no mesmo emprazamento terá lugar unha das novidades da programación, como é  o Entroido na Veciñanza, organizado pola Asociación de Mulleres Arela, mentres que o venres 3 de haberá unha sesión infantil de Entroido, amenizada con música, en Lourido, desde as 18.00 horas, como preludio ao Enterro do Berberecho.



Os enterros, un clásico do Entroido poiense

Se hai algo que caracteriza e distingue ao Entroido de Poio son os enterros, organizados e impulsados desde hai moitos anos polo tecido asociativo, en colaboración co Concello. A primeira destas pintorescas despedidas será o Mércores de Cinza, 22 de febreiro, co Enterro do Mexillón do Ateneo Corredoira. A saída do cortexo fúnebre sairá do porto da Canteira e chegará ata a Praza da Chousa, para a súa posterior incineración. O cadáver do mexillón contará cun acompañamento musical a cargo de grupos como Os Caneos, As Sonecas, Os 100tolos e a Batucada Os Queimatasas.

Xa en marzo, o venres 3, chegará o momento de despedir ao Berberecho de Lourido, grazas á Asociación de Veciños. Ademais de contar tamén con grupos como os anteriormente citados, a organización repartirá premios para os mellores disfraces, así como chocolate quente e churros entre as e os asistentes. Un día máis tarde, o sábado 4, dirá adeus o galo Fodorico Agusto Bastante, da Asociación Ronsel, un dos grandes símbolos do Entroido, con saída do cortexo fúnebre desde O Sartal ata a Praza do Mosteiro. Alí terá lugar tamén a Festa Choqueira (21.30 horas), na que  Ronsel ofrecerá caldo popular e haberá unha actuación do Dúo Prisma. O Enterro do Galo Bruxo de Samieira, organizado pola SCD Samieira, porá o broche de ouro á programación o sábado 18 de marzo na Praza Alfredo Romay. Todos os sepelios darán comezo ás 20.30 horas.

“Percibimos a través da veciñanza e do tecido social de Poio que xa hai moitas gañas de volver a gozar do noso Entroido por todo o alto e confiamos en que esta programación faga que os disfraces, as máscaras e a diversión sexan protagonistas durante todo un mes”, finalizou Raquel Rodríguez. Tanto a concelleira como o alcalde Sobral tamén quixeron poñer en valor o traballo de difusión e as ideas achegadas polas asociacións colaboradoras durante a pandemia, para impulsar iniciativas alternativas que “mantivesen vivo o espírito desta celebración tan especial”.

Ese espírito xa se respira desde este xoves, coa exposición de imaxes doutras edicións do Entroido que se pode atopar en diferentes locais municipais, como a Casa Consistorial, a Casa Rosada, o Local Social de Campelo ou o Centro Cultural Xaime Illa de Raxó.

Está pasando!