‘A vueltas con Lorca’ | © Sergio Parra

Xa á venda as entradas para ‘A vueltas con Lorca’ de Carmelo Gómez e ‘O Charco de Ulises’ do CGAC no Pazo da Cultura de Pontevedra

7 Novembro 2021

O vindeiro sábado 13 de novembro Pontevedra homenaxea a Federico García Lorca da man do actor Carmelo Gómez. De preto, ao vivo e xunto ao pianista e cómplice Mikhaiil Studyonov, teatro poético e música únense esa noite en A vueltas con Lorca que chega dentro do ciclo Ponteatro e da man do programa Inaem – Platea ao que pertence o Concello de Pontevedra e que permite que compañías locais, xiren por todo o estado.

‘A vueltas con Lorca’ é unha festa de teatro da man do actor Carmelo Gómez, é un xogo para romper a falar en imaxes, é teatro de proximidade. É unha invitación para deixarse prender polas palabras de Federico, un conto para querelo. Carmelo baila en verso e prosa sobre ese fío de amor e morte á chaira, sen imposturas. Enlazado ao piano de Mikhail Studyonov, exponse ás verdades sinxelas de Federico e aos seus enigmas, e mergúllanos nas súas alegrías e soidades… Carmelo xoga sobre os fragmentos como os nenos que saltan de pedra en pedra para cruzar o río. E así, entre valse e valse, vaise pechando ‘A vueltas con Lorca’, ou talvez non, quizá sempre apareza un fío do que tirar para seguir descubrindo ao Poeta desde a nosa memoria e a dos que virán…

As entradas están xa á venda en Ataquilla.com a un prezo de 18€ + gastos (12€ + gastos para estudantes, parados e xubilados) e de non esgotarse, o mesmo día do espectáculo, dúas horas antes na billeteira do Auditorio do Pazo da Cultura.


‘O charco de Ulises’ | © CDG

Unha semana despois –o 20 de novembro ás 21h. – o Pazo da Cultura recibe da man da AGADIC a produción do Centro Dramático Galego, dirixida por Marián Bañobre e Santi Cortegoso, con Fran Alonso e Inés Salvado encabezando o elenco: ‘O charco de Ulises’.

‘O charco de Ulises’ é unha versión libre da Odisea traspasada a un contexto atlántico. Do mar ao océano. De Ítaca a Galicia. De Troia a Buenos Aires. Do Mediterráneo ao Atlántico. Ulises está considerado, na cultura occidental, o primeiro emigrante; o primeiro ser humano que experimentou a nostalxia pola súa terra. En Galicia temos dúas palabras máis para chamarlle a isto: saudade e morriña. Un sentimento complexo, consecuencia dun fenómeno complexo. A peza transcorre en paralelo co desenvolvemento argumental da obra de Homero: a viaxe de Telémaco na procura de seu pai (visitando a Néstor, a Menelao e Helena…) e a de Ulises polas diferentes illas nas que se atopa con personaxes fantásticos (Calipso, Circe, Nausícaa, Polifemo, o canto das sereas…).

Vaise pegando e separando do mito orixinal, xerando un diálogo co clásico para xogar con el, para traizoalo en moitas ocasións e, sobre todo, para tratar o fenómeno da emigración galega cun marcado compoñente poético. E tamén para darlle unha nova dimensión ás personaxes femininas que aparecen na Odisea. Os deuses condenaron a Ulises a permanecer errante durante dez anos como castigo por argallar a trampa do cabalo para destruír Troia. O curioso é que este castigo se desenvolve entre banquetes pantagruélicos, orxías luxuriosas con fermosas ninfas, aventuras inesquecibles, coñecemento de culturas exóticas, salóns de tango nas noites de Buenos Aires…

As entradas a un prezo de 12€ + gastos (10€ + gastos para estudantes, parados e xubilados) están xa á venda online en Ataquilla.com e de non esgotarse o propio día do espectáculo dende dúas horas antes do inicio na billeteira do Principal.

Está pasando!