As Xornadas Internacionais de Estudos Transatlánticos ‘Facedoras de Cultura’ terán lugar no Museo de Pontevedra do 8 ao 10 de xullo

24 Xuño 2025

O Museo de Pontevedra e o Instituto de Historia do CSIC organizan as Xornadas Internacionais de Estudos Transatlánticos ‘Facedoras de Cultura’ que terán lugar do 8 ao 10 de xullo de 2025 no Edificio Castelao.

Desde unha perspectiva ampla, con especial interese nas artes visuais e sonoras, poñerase a atención no papel fundamental que as mulleres desenvolveron nas relacións culturais producidas entre España e o continente americano ao longo do século xx.

O programa das xornadas, deseñado polo proxecto de I+D+i ‘Facedoras de Cultura: conexións e intercambios artísticos transatlánticos no século xx’, baixo a dirección de Carmen Gaitán Salinas, articúlase en tres liñas temáticas: o espazo transatlántico como contorna de mobilidade e intercambio durante o século xx, a experiencia de mulleres vinculadas a Galicia e a valoración de creacións de artesanía ou prácticas artísticas en soportes non convencionais.

Dirixido a:

Público xeral con intereses culturais, históricos ou artísticos. Profesionais da creación artística e da xestión cultural ou museística. Comunidade académica, tanto alumnado coma persoal docente e investigador con especial interese nos estudos transatlánticos e de xénero.

Formato:

Presencial. As intervencións gravaranse en vídeo e poñeranse á disposición das persoas interesadas no sitio web do encontro.

Organizan:

Museo de Pontevedra e proxecto de investigación I+D+i «Facedoras de Cultura: conexións e intercambios artísticos transatlánticos no século xx» (PID2022-142633OA-I00) financiado por MCIU/AEI/10.13039/501100011033/ e por «FEDER Una manera de hacer Europa».

Está pasando!