Bamio recupera parte da súa memoria como pobo a través dun conto sobre a tradición oleira

1 Marzo 2024

  • A Concellería de Cultura do Concello de Vilagarcía vén de financiar a publicación de “María e a roda que non para”, traballo en forma de conto que recolle a tradición oleira de Bamio e que contribúe a recuperar a memoria colectiva da parroquia vilagarciá
  • A obra baséase nos estudos de campo e nas investigacións realizadas a través do proxecto Louceir@s de Bamio, no que traballan dende hai anos a Asociación de Mulleres Rurais de Bamio e docentes da Universidade de Vigo, como a vilagarciá Beatriz Comendador Rey
  • Ela e Andrea Mouriño son as autoras dos textos do conto que ilustra Sónia Borges

“María e a roda que non para” presentouse este martes no Concello de Vilagarcía nun acto presidido pola concelleira de Cultura, Sonia Outón, no que participaron Beatriz Comendador e a representante das mulleres rurais, Isabel Rodríguez. A edil felicitou ás responsables dunha iniciativa que destaca tanto polo rigor dos contidos como pola calidade da forma, e agradeceulles o traballo realizado para “recuperar a historia de Bamio, que tamén é a historia de Vilagarcía, e que por iso temos a obriga de difundir para que a xente a coñeza, a valore e se sinta orgullosa dela”.

Con esta intención divulgativa e de conservación da historia dun pobo, o Concello distribuirá os 500 exemplares desta edición entre os centros educativos do municipio, a biblioteca pública, as axencias de lectura municipais e o colectivo de mulleres de Bamio. Aínda que a publicación está orientada ao público escolar, “que será o garante desta memoria de cara ao futuro”, os contidos e os textos están elaborados nunha linguaxe atractiva e recomendable tamén para o público adulto.

Guía de traballo para futuros proxectos de investigación

A maiores do que relata, “María e a roda que non para” ten unha segunda lectura: de forma amena e a través das pistas que vai seguindo a nena protagonista, o conto expón un proceso de coñecemento, un método de traballo e de investigación que se pode aplicar a calquera outro proxecto, mesmo incluso dende os centros escolares, para continuar recuperando outros aspectos da memoria colectiva dun pobo, animou Comendador. A arqueóloga e doutora en Xeografía e Historia apuntou que a intención futura de Louceir@as é elaborar unidades didácticas que completen o libro e que sirvan de guía para o traballo nos centros educativos.

Malia ter sido unha actividade moi común en Bamio e que perdurou durante case tres séculos, a cultura do barro e a elaboración de louza é descoñecida pola inmensa maioría da poboación da zona, incluso da mesma parroquia, segundo explicou Comendador Rey, coordinadora da publicación e integrante do Grupo de Innovación Docente en Educación Patrimonial da Universidade de Vigo. Esta circunstancia foi a que propiciou en 2016 o nacemento de Louceir@s de Bamio, un proxecto autocolaborativo e autofinanciado, que ten como obxectivo recuperar a memoria compartida da parroquia para conservar e revitalizar aspectos que, como a tradición oleira, teñen conformado a súa cultura e mesmo a súa paisaxe.

A importancia da memoria oral plasmada nas testemuñas dos veciños

Para o desenvolvemento do proxecto levouse a cabo un intenso traballo de investigación a través de documentos históricos, arqueolóxicos e testemuñas orais de veciños da zona. Precisamente neste último apartado destacan as conversas mantidas con Albino Miguéns, Carmen García e Vicente Fernández, tres veciños xa finados que merecen unha das dedicatorias que inclúe o conto.

A maiores desta publicación -que tamén ten a súa versión dixital-, o traballo realizado durante estes anos a través do proxecto Louceir@s de Bamio tamén dou como resultado a creación dun pequeno museo, ou sala de exposicións.

Emprazado no centro socio cultural da parroquia, nel exhíbense as vinte pezas completas de louza elaborada nos antigos obradoiros de Bamio (chocolateiras, xerras, cuncas…) e unha cantidade inxente de diversos fragmentos. Tamén alí se recollen carteis e outros elementos de diagnose colectiva, como comentarios e testemuñas de distintas persoas que contan o que eles lembran ou lle contaron sobre a tradición oleira.

Unha cultura que modelou unha paisaxe digna de musealizar

Esta tradición modelou incluso a paisaxe de Bamio, con enclaves moi concretos relacionados coas distintas fases do proceso. Beatriz Comendador explicou que á praia do Campanario chegaban as embarcacións que traían a materia prima, o barro procedente das barreiras de Dena e Vilalonga. E tamén era o lugar de onde saía a louza para venderse nos mercados de Pontevedra ou Vilagarcía, que moitas veces se transportaba vía marítima. O colectivo tamén ten identificado o lugar no que se procesaba o barro, na zona da Laxe, onde recuperaron a antiga pía na que se amasaba. E teñen constancia da existencia de restos de varios fornos onde traballaban e cocían as pezas. O único á vista na actualidade é o da Granxa, que conserva a grella.

“O museo é a propia paisaxe de Bamio”, expuxo a arqueóloga, que lanzou a idea de que no futuro se realice algunha intervención arqueolóxica para poñer ao descuberto outros vestixios que permitan crear un eco-museo mediante o trazado dunha ruta que una e explique eses enclaves e os procesos que neles se realizaban. A actual zona expositiva converteríase en punto de encontro onde os visitantes poderían ver as pezas recuperadas e complementar información sobre a tradición oleira.

Pola súa banda, Isabel Rodríguez, fixo un chamamento á poboación de Vilagarcía, e máis especialmente á de Bamio, a implicarse no coñecemento da tradición oleira, característica da zona e compartida por moitos pobos da Ría de Arousa e da desembocadura do Ulla. “Temos que darlle valor ao noso, e queremos que máis xente de Bamio colabore neste proxecto”, concluíu.

Está pasando!