This is a repeating event

IV Salón Lérez Up en Pontevedra

dom14setConsultarIV Salón Lérez Up en PontevedraSalón do videoxogo e da cultura friki(Consultar: domingo) Recinto Feiral de Pontevedra - Pontevedra

Detalles do Evento

Pontevedra prepárase para acoller a cuarta edición da Lérez Up, o Salón do videoxogo e da cultura friki da cidade, que se celebrará os días 13 e 14 de setembro de 2025 no Recinto Feiral.

Organizado en colaboración co Concello de Pontevedra e Gaming Troop, este evento consolidouse como un punto de encontro interxeracional para familias, mocidade e persoas adultas apaixonadas polos videoxogos, o cosplay, a cultura xaponesa e o lecer alternativo.

A Lérez Up regresa con novas actividades como obradoiros, charlas, competicións e espazos pensados para todo tipo de públicos, e o fai acompañada dun cartel moi especial deseñado pola artista pontevedresa Paula Cheshire, creadora dos cómics Meigatas e El Duelo. A ilustración, que xa se pode ver nas redes sociais do evento, inclúe pequenos guiños do que se poderá atopar ao longo desa fin de semana.

Entre as actividades xa confirmadas para este 2025, destaca o torneo nacional de Smash Bros Ultimate, cuxas inscricións xa están abertas. Esta competición, que se converteu nun clásico dentro do salón, logrou atraer en edicións anteriores a xogadores de toda España e Portugal.

Agárdase repetir ese nivel de participación nesta nova convocatoria, consolidando o torneo como unha das propostas máis esperadas por todos os competidores.

Tamén se abrirán prazas para os stands de artistas, un dos espazos máis concorridos da Lérez Up. Dirixido a ilustradores, artesáns e creadores que desexen mostrar e vender o seu traballo, este espazo xerou un enorme interese en convocatorias anteriores, chegando a triplicar a cantidade de solicitudes respecto ás mesas dispoñibles. As bases para solicitar mesa xa están publicadas na páxina web oficial do evento.

Ademais dos espazos para artistas, haberá tamén unha zona destinada a postos comerciais, onde empresas e negocios locais poderán ofrecer os seus produtos ao público. Esta área comercial ofrece unha oportunidade para conectar cun público amplo e consolidado en edicións anteriores.

concurso de cosplay contará cun xurado profesional de excepción: Skullcaramel, recoñecida cosplayer asturiana, e a madrileña Puchiluh, serán as encargadas de valorar as caracterizacións e actuacións das persoas participantes. A cita volverá encher o salón de actos con máis de 300 persoas para admirar os traxes feitos a man e as interpretacións en escena, o que o converte nunha das actividades con máis seguimento da fin de semana.

Entre as actuacións destacadas, o compositor e produtor galego Yell0 volverá subirse ao escenario da Lérez Up cun novo concerto en directo. A súa proposta, que xa foi un éxito en edicións anteriores, combina música electrónica con reinterpretacións de bandas sonoras de videoxogos, ofrecendo un espectáculo pensado tanto para o público máis afeccionado como para quen busca unha experiencia diferente dentro do Salón.

A programación deste 2025 volverá incluír unha zona indie dedicada a estudos e desenvolvedores de videoxogos independentes. Este espazo permitirá aos equipos presentar os seus proxectos ao público asistente, recibir opinións, xerar comunidade e establecer contactos con outros profesionais do sector.

A Lérez Up continúa medrando e mellorando ano tras ano, consolidándose como un referente en Pontevedra para as persoas amantes dos videoxogos e da cultura friki. A nova edición, prevista para os días 13 e 14 de setembro, promete ser unha oportunidade única para gozar dunha fi n de semana chea de actividades, sorpresas e un ambiente para todas as idades no Recinto Feiral de Pontevedra.

Todas as novidades e actualizacións sobre a Lérez Up estarán dispoñibles en gamingtroop.es/lerezup/ e nas redes sociais de Gaming Troop.

Hora

Consultar (Domingo)

Localización

Recinto Feiral de Pontevedra

Alexandre Bóveda, s/n. 36005 Pontevedra

Está pasando!