Proxección de 'El Sur' en Pontevedra

mar12mar20:30Proxección de 'El Sur' en PontevedraCineclube Pontevedra20:30 Teatro Principal de Pontevedra - Pontevedra

Detalles do Evento

O martes 12 de marzo, ás 20:30 horas no Teatro Principal de Pontevedra, proxectarase o filme ‘El Sur’ (Víctor Erice, 1983, España, 93 min., VO, Lingua orixinal: español), organizado polo Cineclube Pontevedra.

“A Gaivota” é unha casa grande situada nas aforas dunha cidade do norte de España. Nela viven Agustín, médico e rabdomante, a súa muller, mestra represaliada polo franquismo, e a súa filla Estrella. A nena, desde a súa infancia, sospeita que o seu pai oculta un segredo.

Mellor Filme no Festival de Chicago 1983.

Nomeado a Mellor Filme en Cannes 1983.



VÍCTOR ERICE NOS MARTES DO CINECLUBE PONTEVEDRA

Co gallo do seu regreso á longametraxe e ás salas de cinema logo de máis de 30 anos, o Cineclube Pontevedra dedícalle os tres martes de marzo ao cineasta vasco Víctor Erice, recuperando en copias restauradas as dúas obras mestras coas que se deu a coñecer (‘El espíritu de la colmena’ e ‘El Sur’) e proxectando o seu último traballo, ‘Cerrar los ojos’, todo un acontecemento para a cinefilia, que vén de ser aclamado en Cannes, Nova York ou Toronto e que foi estreado en salas o pasado mes de setembro.

OS LUNS DE FILMOTECA

Por outra banda, como froito da xa habitual colaboración entre a Agadic e algúns cineclubes galegos, botan a andar os Luns de Filmoteca: dous luns ao mes que se estenderán ata o mes de novembro para achegarlle ao público pontevedrés unha selección dos filmes programados pola Filmoteca de Galicia. Serán, no caso de marzo, dous filmes portugueses dirixidos por mulleres: o primeiro, unha verdadeira alfaia do cinema luso, ‘O movimento das coisas’ (1985), magnífico retrato dunha aldea nas beiras do río Limia e única longametraxe da directora Manuela Serra, que non foi estreada comercialmente ata o 2021 e que recuperamos en copia restaurada; o segundo, ‘Alma viva’ (2022), é tamén unha primeira obra, dirixida por Cristèle Alves e localizada neste caso nunha aldea de Trás-os-Montes.



CINEMA NO SALÓN DO LIBRO

Por último, no marco do XXV Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, terán lugar tres matinés de cinema familiar das que se poderá gozar os domingos 3, 10 e 17 de marzo ás 12:00 horas no Teatro Principal.

Neste caso, o acceso é libre e de balde até completar cabida. Os filmes que se proxectarán son, respectivamente: ‘Mironins’ (Mikel Mas Bilbao e Txesco Montalt, 2021), un divertido achegamento para as crianzas máis pequenas da casa ao imaxinario do pintor catalán Joan Miró; ‘A viaxe de Ernest e Celestine’ (Jean-Christophe Roger e Julien Chheng, 2022), baseado na serie de libros infantís da autora e ilustradora belga Gabrielle Vincent; e o clásico de Miyazaki ‘Nicky, a aprendiz de bruxa’ (1989).

Hora

(Martes) 20:30

Localización

Teatro Principal de Pontevedra

Rúa Paio Gómez Charino, 6, 36002 Pontevedra

Está pasando!