Paloma Sánchez-Garnica inaugura a quinta edición de ‘Vilagarcía, Cidade de Libro’

10 Xuño 2025

  • A gañadora do Premio Planeta 2024, Paloma Sánchez-Garnica inaugura a quinta edición de ‘Vilagarcía, Cidade de Libro’.
  • A feira esténdese ata o vindeiro domingo con un gran número de actividades para todos os públicos.
  • O calendario comeza xa pola mañá, cunha sesión do Literatour para os rapaces do C.E.I.P A Escardia, e continúa pola tarde coa apertura da feira (18:00h), as firmas e as “Conversas ao Solpor”.

‘Vilagarcía, Cidade de Libro’ está organizada polas concellerías de Xuventude, dirixida por Álvaro Carou, e Cultura, por Sonia Outón. Durante a presentación, os concelleiros sinalaron a importancia da lectura para “fomentar a capacidade crítica” e definiron esta proposta como “un referente en Galicia, que vai máis alá dunha feira ao unir editoriais, librarías, autores e lectores”.

Pola mañá, o parque Miguel Hernández acolle a xincana literaria Literatour para os máis pequenos. Nesta edición cobra un especial protagonismo o labor das cantareiras e a poesía popular oral, a quen se lle dedicou o Día das Letras Galegas 2025.

Pola tarde, a partir das 17:30 horas as rúas de Vilagarcía convértense no escenario do show ‘Tecedoras de néboa’, da compañía Nelson Quinteiro. Trátase dun espectáculo no que mulleres protagonistas de ficción emerxen da brétema para contar historias “tecidas cos fíos que unen o pasado e o presente”.

A feira propiamente dita inaugúrase ás 18:00 horas, coa apertura das casetas de exposición, presentación e venda de libros. Permanecerá aberta ata as 21:00 horas. A tarde estará repleta de actividades, comezando coa firma de libros de Sánchez-Garnica e Rober Caggiao. Ao mesmo tempo, volve o Club das Cazadoras de Misterios impartido por Corticata e dirixido ao público infantil.

Xa ás 18:30 horas, Caggiao presentará ‘La Dama de Anboto’, a súa nova novela, unha historia de intriga da man da inspectora Bibiana Galdós. Por último, a partir das 19:30 horas, comezan as ‘Conversas ao Solpor’, que se inaugurarán da man da escritora madrileña. Paloma Sánchez-Garnica falará do libro que lle valeu o premio literario, titulado ‘Victoria’, e do proceso creativo detrás das súas novelas.

Está pasando!