Nava Castro e Silvia Fernández Táboas, cos participantes da 3ª residencia de artistas Artistea | Concello de Ponteareas

A 3ª residencia de artistas Artistea rende homenaxe ao Corpus Christi de Ponteareas

9 Xuño 2025

A alcaldesa de Ponteareas Nava Castro e a concelleira de emprendemento Silvia Fernández Táboas, deron a benvida aos participantes da 3ª residencia de artistas Artistea.

As e os seis artistas participantes nesta edición, chegados dende Ponteareas e tamén desde diferentes puntos de Galicia e Bilbao, comezan así 14 días de creación arredor do Corpus Christi e da arte efémera.

A alcaldesa explicou que “tedes por diante varios días para mergullarvos na nosa tradición e na vida local para dar forma a proxectos únicos. Non podemos estar máis contentos de que esteades aquí e moi ilusionados por apoiarvos nos vosos traballos. Agardamos que Ponteareas vos inspire na vosa creación artística e nos ofrezades esa nova perspectiva das celebracións do Corpus”.

A concelleira detallou que “agardamos que esta experiencia vos sirva para coñecervos e que intercambiedes experiencias e vivencias. Estas residencias fortalecen as redes creativas e o vínculo da arte coa nosa vila. Queremos seguir ofrecendo espazos de investigación, expresión e diálogo entre artistas e comunidade”.

Os creadores e creadoras participantes nesta terceira edición comporán as obras ‘Flux Bloom’; ‘Cai na agua e rompe, cai no panallo e non rompe’; ‘Natureza e lembranzas’, ‘Sementes do tempo’ e ‘Bágoas de Arxila’.

Artistea é unha iniciativa do goberno de Ponteareas co obxectivo de promover a investigación, creación e produción artística ao redor de Ponteareas e o seu patrimonio humano, cultural e natural.

Tamén busca contribuír a fortalecer o contexto cultural de Ponteareas e a comarca do Condado, promovendo proxectos creativos de interese social vinculados á comunidade e fomentar valores de protección e difusión do patrimonio natural e cultural da vila a través da arte.

Potenciar o apoio á creación artística entre a mocidade e os e as artistas emerxentes, promovendo o establecemento de redes creativas e colaborativas amplas é outra das intencións.

A residencia Artistea é pioneira no territorio galego pola súa titularidade 100% municipal, así como polo seu carácter inclusivo e con vontade integradora entre as artes e a comunidade.

Está pasando!