Proxección de 'Rien à foutre' en Pontevedra

mar13mai20:30Proxección de 'Rien à foutre' en PontevedraCineclube Pontevedra20:30 Teatro Principal de Pontevedra - Pontevedra

Detalles do Evento

O Teatro Principal de Pontevedra acolle o martes 13 de maio, ás 20:30 horas, a proxección do filme ‘Rien à foutre’ (Julie Lecoustre e Emmanuel Marre, 2021, Bélxica, 110 min., VOSE, Lingua orixinal: francés e inglés), organizada polo Cineclube Pontevedra.

Cassandre (Adèle Exarchopoulos) é azafata de voo nunha compañía low-cost. Sempre disposta a facer horas extra, vive ao día, sumando voos e festas, fiel ao seu alcume de Tinder: Carpe Diem. Logo de ter un incidente no traballo vese na obriga de volver á casa xunto á súa familia e enfrontarse a aquilo que estaba a evitar.

‘Rien à foutre’ é unha historia contemporánea sobre a soidade e a incerteza nunha época en que a tecnoloxía deixa relacións cada vez máis distantes e un estado perpetuo de insatisfacción.

Mellor Filme no Festival de Xixón 2021 (Sección Retueyos)



Durante o mes de maio poderanse ver no Cineclube Pontevedra dúas recentes estreas ‘Misericordia’ (2024) e ‘A historia de Souleymane’ (2024), os últimos traballos dos franceses Alain Guiraudie e Boris Lojkine, respectivamente.

O primeiro foi presentado en Cannes e gañou na Seminci o premio a Mellor Filme e Mellor Guión. O de Lojkine fíxose co premio do Xurado na sección Un Certain Regard de Cannes, onde tamén gañou o premio ao Mellor Actor.

Ademais, proxectarase o filme belga ‘Rien à foutre’ (2021), ópera prima de Julie Lecoustre e Emmanuel Marre protagonizada por Adèle Exarchopoulos.

Os luns continúa o ciclo dedicado a Leon Hirszman que comezou en abril e que se completará neste mes de maio cunha sesión de curtametraxes conformada polos dous primeiros traballos do brasileiro e mais por dúas pezas centradas na samba, e coa proxección de ‘S. Bernardo’ (1972), considerado un dos mellores filmes latinoamericanos de todos os tempos.

Queda pendente a recolocación do filme ‘ABC da greve’, que non se puido proxectar en abril por causa do apagamento.



Todas as sesións terán lugar ás 20:30 horas no Teatro Principal de Pontevedra.

Cineclube Pontevedra é unha asociación sen ánimo de lucro cuxo funcionamento e financiamento depende fundamentalmente das achegas económicas que realizan periodicamente as súas socias e socios, cara a quen están dirixidas as súas actividades.

Podes escoller a opción que máis se adapte ás túas preferencias: 70 euros anuais, 25 trimestrais ou 3 euros por pases soltos.

As persoas que desexen asociarse poden facelo calquera día en que haxa proxección ou ben a través do blog da asociación.

Hora

(Martes) 20:30

Localización

Teatro Principal de Pontevedra

Rúa Paio Gómez Charino, 6, 36002 Pontevedra

Está pasando!