Presentación do Enterro do Galo Fodorico | © Concello de Poio

Festa choqueira, premios e degustación de produtos típicos para despedir ao Galo Fodorico este sábado en Poio

3 Marzo 2023

Este sábado, día 4 de marzo, a programación de Entroido de Poio vivirá un dos seus momentos máis emotivos, coa despedida de Fodorico Augusto Bastante. Será entón cando teña lugar o Enterro do Galo, unha iniciativa organizada pola Asociación Veciñal e Cultural Ronsel e o Concello, a través da Concellería de Cultura. A edil responsable da área, a nacionalista Raquel Rodríguez, acompañada por responsables do colectivo local, pola concelleira Marga Caldas e polo alcalde, Luciano Sobral, deu a coñecer este xoves os detalles do que sen dúbida é un dos eventos estrela destas datas de referencia na bisbarra de Pontevedra.

Á despedida do galo, que será pasto das lapas na Praza do Mosteiro de San Xoán, engádeselle a Festa Choqueira, nunha edición que “resulta moi especial, ao poder retomar a normalidade despois de dous anos de ausencia pola pandemia da COVID-19”, tal e como recoñeceu Rodríguez Alonso. Deste xeito, ás 20.00 horas na antiga escola unitaria do Sartal levaranse a cabo as inscricións dos e das participantes no concurso, que contará con categorías individual, por parellas e grupo. Ademais, tamén haberá un certame específico para os mellores Viúvos e Viúvas, pensado para as crianza. Repartiranse agasallos entre os e as participantes neste apartado, ademais dunha sorpresa para quen resulte gañador ou gañadora.

Para poder optar aos premios, deberase cubrir todo o percorrido do cortexo fúnebre, que partirá do Sartal ás 20.30 horas, ata chegar ás inmediacións do Mosteiro, onde se procederá á súa queima. A gastronomía volverá ter marcado protagonismo, xa que, para facer máis asimilable a perda de Fodorico Agusto Bastante, haberá unha degustación de produtos típicos do Entroido, como orella, costela ou chourizos. Non faltará tampouco o sorteo de dous galos .O grupo Prisma será o encargado de amenizar a velada durante esta Festa Choqueira. Habilitarase unha carpa para acoller “unha cita que é moi importante, porque supón dicirlle adeus dunha das figuras máis representativas do noso Entroido”, tal e como lembrou a edil de Cultura. Cómpre lembrar que no Desfile deste ano, o Galo Fodorico foi ataviado cun disfrace que fai referencia á inflación e á suba de prezos e do custe da vida que a sociedade padece desde hai un ano.

Tanto a Concellería de Cultura como a Asociación Ronsel tamén expresan o seu agradecemento á Asociación de Empresarios EnPoio, que colabora nesta edición achegando os premios que se lle darán ás persoas gañadoras nas diferentes categorías do concurso. Serán os responsables da asociación os encargados de prender o lume no que arderá Fodorico. Todas as e os gañadores recibirán produtos e agasallos que proveñen do comercio local, que “foi un dos sectores máis afectados pola pandemia e pola inflación que denuncia o noso galo máis emblemático”. Raquel Rodríguez pon en valor tanto a implicación de EnPoio como o “esforzo e dedicación” de Ronsel, unha asociación grazas á cal “o Enterro do Galo Fodorico xa é un clásico, como o demostran os 30 anos que se levaba celebrando ata a chegada da pandemia en 2020, primeiro da man da Asociación Todos contra o Lume e desde hai máis dunha década con Ronsel”. Precisamente, este colectivo tamén foi un dos que colaboraron activamente co Concello á hora de promover iniciativas e actividades alternativas nas edicións marcadas polas restricións por mor da pandemia da COVID-19.

Os últimos enterros do Entroido

Un día antes de dicir adeus a Fodorico, o venres 3, serán os veciños de Lourido os que despidan ao Berberecho, cun enterro que se celebrará ás 20.30 horas no parque de Costa Xiráldez. Previamente, ás 18.00 horas, haberá unha festa infantil. A iniciativa está organizada pola Asociación de Veciños e contará tamén con degustación de chocolate en entrega de premios aos mellores disfraces. Por último, o día 18 de marzo terá lugar o Enterro do Galo Bruxo de Samieira, a cargo da SCD Samieira, no que será o colofón desta extensa e completa programación de Entroido.


Está pasando!