Presentación do 26º Entroido do Verán | Concello de Redondela

Redondela celebra o 26º Entroido de Verán ao ritmo de The Rapants e Carlos Jean

12 Agosto 2025

  • A programación aposta polo talento galego cos concertos de The Rapants e Brais das Hortas, ademais dos picadiscos Rodri Vegas, Samu Pexe, Borja Rúa, Olalla Gonzálezz e Kike Varela.
  • A Gala Drag contará co showman e actor vigués Carlos Veleiro, que será o mestre de cerimonias desta edición na que se repartirán 1.800 euros en premios.
  • A programación infantil e familiar incluirá inchables con auga, xincana e festa da escuma.
  • A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, destaca que a intención do Concello redondelán é ofrecer unha programación ampla e variada para todos os públicos “por iso os nenos e nenas teñen os seus propios espazos con actividades específicas”.

Redondela quenta motores para o 26º Entroido de Verán, unha das citas máis agardadas da programación estival da provincia. Será o sábado 23 de agosto e ofrecerá un intenso programa de actividades para públicos de todas as idades.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, destaca que a intención do Concello de Redondela é ofrecer unha programación “que teña en conta tanto ao público infantil e familiar como á mocidade e público adulto, por iso os nenos e nenas teñen o seu propio espazo con actividades específicas e actuacións pensadas para eles”.

Desde as concellarías de Turismo e Cultura, que dirixe Rita Pérez Táboas, faise unha aposta polos grupos locais e galegos co concerto de Brais das Horas, para o público infantil ás 20.30 na Praza da Torre. As actividades no recinto da feira comezarán ás 19.00 horas coa sesión DJ a cargo de Kike Varela, Olalla Gonzálezz e Borja Rúa.

Ás 21.30 comezará a xa tradicional Gala Drag. O actor e showman Carlos Veleiro será o mestre de cerimonias desta edición. Veleiro manifestou na presentación que para el é “unha honra” e destacou o feito de que Redondela sexa “un referente na defensa da igualdade e da inclusión” e convidou a todo o mundo a participar no Entroido de verán “que é un pedazo de invento”.

Haberá 1.800 euros en premios repartidos nun primeiro premio de 1.000 euros, o segundo dotado con 500 euros e o terceiro con 300 euros. O xurado terá en conta a orixinalidade, creatividade e elaboración das fantasías.

Finalizada a gala comezarán os concertos. Os primeiros en subir ao escenario ás 23.00 horas serán os muradáns The Rapants, un improvisado anglicismo para Os Rapantes, coa súa “máquina do bo rollo” para facer que o público o pase moi ben e baile. Un grupo “do máis alto nivel en Galicia”, apunta a concelleira Rita Pérez Táboas, que defende “a nosa identidade lingüística e o espírito retranqueiro galego”.

Ás 0.30 horas será a quenda do músico e DJ Carlos Jean, que será encargado de facer vibrar ao público no campo da feira ata as 02.00. Os Djs Samu Pexe e Rodri Vegas serán os encargados de pechar a festa cunha sesión que comezará ás 02.00 e rematará ás 04.00 horas.

O Concello de Redondela volve apostar polas actividades dedicadas aos máis pequenos. O Entroido de Verán ofrecerá xogos e espectáculos para toda a familia en diferentes localizacións no centro da vila.

A pista da Xunqueira e a praza de Ponteareas acollerán inchables con auga desde as 18.00 ata as 21.00 horas. Na praza de Ponteareas haberá ademais unha xincana con inchables, e na pista da Xunqueira celebrarase a festa da escuma ás 21.00 horas. Na Praza da Torre, ás 20.30 horas, terá lugar o concerto de Brais das Hortas, que porá a cantar e bailar a grandes e pequenos.

Estas actividades ofrécense en tres espazos diferentes repartidos pola vila “para evitar aglomeracións e que o público infantil e familiar poida rotar polos diferentes recintos”, explica a alcaldesa, Digna Rivas.

Como en anos anteriores as empresas de transporte público ofrecen liñas especiais de ida e volta a Redondela desde Vigo, Pontevedra e O Porriño. Os autobuses sairán con destino a Redondela desde os diferentes puntos a partir das 18.00 horas, e haberá transporte de volta até as 06.00 horas.

Está pasando!