Sinsalaudio e MUTA despedirán o ano con ‘MUTASons’, unha xornada sonora con artistas vigueses vinculadas á música experimental e electrónica

23 Decembro 2025

  • A iniciativa, impulsada pola promotora musical e polo espazo mutante para eventos en Vigo, ofrecerá cinco horas de música con directos e propostas híbridas, gravación de podcast e as entradas xa están á venda a través da plataforma Woutick.
  • Phonotoner, Wabii & Yung Denzo Djs, AKAZIE, Marco Maril, Marta Verde, Juanma LoDo, Arkestra Djs, Fon_os e DJ Viktor Flores participarán no evento, no que tamén se presentará ‘Mydriasis’, unha investigación multisensorial realizada por Mateo Mena e Anna Matveinen.

A promotora musical Sinsalaudio e o espazo mutante para eventos MUTA unen forzas e propoñen na tarde do 30 de decembro unha reunión sonora con artistas locais para despedir o ano.

A iniciativa, coñecida como ‘MUTASons’, desenvolverase entre as 17.00 e as 22.00 horas do martes 30 no recinto da rúa Joaquín Loriga.

‘MUTASons’ é un encontro sonoro que nace para reunir á escena vinculada á creación contemporánea, particularmente da música experimental e sonora, para despedir o ano. Artistas, DJs e proxectos vinculados á escena participarán nunha xornada que tamén conta coa implicación do creador Fon Román.

Ao longo de cinco horas, sucederanse os DJ sets, directos e propostas híbridas, dando boa conta da ampla e rica diversidade musical que se vive e escoita na rexión, e que se move entre a electrónica, a experimentación sonora e a cultura club.

Entre as participantes, estarán DJs como Phonotoner, Wabii & Yung Denzo Djs, AKAZIE, Arkestra Djs (BFlecha e Mwëslee) e Viktor Flores; e haberá dous ‘live’ da man de Marco Maril e Fon_os.

Tamén haberá espazo para dar conta de novos proxectos, como ‘Mydriasis’, unha investigación multisensorial realizada por Mateo Mena e Anna Matveinen, ou LivePixel, a innovadora proposta na que conflúen Marta Verde e Juanma LoDo e na que se mesturan ata nos seus propios nomes artísticos (pasando a ser, no escenario, Marta LoDo e Juanma Verde). Ademais, Sinsalaudio gravará un podcast con entrevistas e que dará conta do que foi, musicalmente, o ano 2025 para a escena viguesa experimental.

As entradas do ‘MUTASons’ xa están á venda a través da plataforma web Woutick desde 10 euros (máis gastos de xestión) e inclúen unha consumición. A capacidade da galería é limitada.

A programación do ‘MUTASons’ (30 de decembro, MUTA, Rúa de Joaquín Loriga, 9, Vigo) é a seguinte:

  • 17.00 horas – Phonotoner and Sinsalaudio Djs (Podcast)
  • 17.30 horas – Wabii & Yung Denzo Djs (dj set)
  • 18.00 horas – Mateo Mena e Anna Matveinen: Presentación da Investigación multisensorial ‘Mydriasis’.
  • 18.20 horas – ⁠AKAZIE (dj set)
  • 19.00 horas – Marco Maril (live)
  • 19.30 horas – TBC
  • 20.00 horas – LivePixel, con Marta LoDo e Juanma Verde (live)
  • 20.30 horas – Arkestra Djs (dj set)
  • 21.00 horas – Fon_os (live)
  • 21.30 horas – DJ Viktor Flores (dj set)
Está pasando!