Rutas guiadas ‘Recoñecer Bueu 2025’

sáb26abr10:00Rutas guiadas ‘Recoñecer Bueu 2025’Concello de Bueu e A Illa dos Ratos10:00 Concello de Bueu - Bueu

Detalles do Evento

Concello de Bueu e a Asociación A Illa dos Ratos organizan esta primavera o programa de rutas ‘Recoñecer Bueu 2025’, na que se desenvolverán diversos percorridos que pretenden poñer en valor a historia e a cultura dalgúns espazos da vila.

O programa comezará o próximo 26 de abril cunha ruta titulada ‘Intermareal de Agrelo’, e continuarán o 11 de maio con ‘Massó, a orixe’ e o 15 de xuño con ‘Ermelo, berce do Morrazo’. Todas elas arrancarán ás 10 horas da mañá e precisan inscrición previa de balde no teléfono 611 080 853, cun límite de 35 persoas por ruta.



A ‘Intermareal de Agrelo’ será guiada por Lucía Sotelo, oceanógrafa da asociación, e percorrerá o entorno natural no que se atopan as praias de Loureiro, Agrelo e Portomaior, o cal se caracteriza por unha gran biodiversidade e riqueza natural. Nesta ruta visitaranse as pozas da zona intermareal da praia de Agrelo para observar a flora e a fauna mariña que vive nelas e que ten que adaptarse cada día ás condicións cambiantes que se producen cando sobe e baixa a marea. Trátase dunha ruta moi interactiva na que se poderán ver e tocar diferentes especies como os ourizos, os tomates de mar ou algunha estrelamar.

‘Massó, a orixe’ contará a historia da conserveira Massó dende a chegada de Salvador Massó Palau a Bueu en 1816, pasando polo resto da familia Massó, con especial atención a evolución da súas actividades industriais, primeiro de salgadura no «Almacén do Rei» e logo da conserva en «La Perfección» e na moderna fábrica de Bueu inaugurada en 1926, ata o peche das fábricas e fin da saga. Tamén haberá tempo para curiosidades e anécdotas: como era o día a día das traballadoras, as súas ocupacións e preocupacións e a importancia que tivo a actividade conserveira para a súa incorporación ao mundo laboral.

Na de Ermelo poñerase en valor a importancia histórica deste núcleo a través dunha viaxe no tempo, e partirase do Concilio II de Braga, onde xa se falaba deste lugar como o “berce do Morrazo”. Tras varios séculos de existencia foi entrando en declive debido a diversas circunstancias como o escaso número de habitantes que residían neste lugar, a marcha dos monxes beneditinos que atendían o mosteiro, ou a eclosión das outras parroquias da nosa contorna.

A Asociación A Illa dos Ratos leva dende o 2016 organizando rutas, e de feito xa conta con máis de 800 percorridos e supera as 23.000 persoas asistentes entre os tres concellos do Morrazo.

Hora

(Sábado) 10:00

Localización

Concello de Bueu

Está pasando!