Fotograma de ‘Bos tempos, marabillosos tempos’

Proxección de ‘Bos tempos, marabillosos tempos’ e ‘Diálogo árabe-israelí’ en Pontevedra

xov12xuñ19:00Proxección de ‘Bos tempos, marabillosos tempos’ e ‘Diálogo árabe-israelí’ en PontevedraCICLO ‘CINE, ARTE E GUERRA’19:00 Edificio Castelao. Museo de Pontevedra - Pontevedra

Detalles do Evento

Dentro do ciclo ‘Cine, Arte e Guerra’ da Bienal de Pontevedra, o xoves 12 de xuño, ás 19:00 horas, o Edificio Castelao do Museo de Pontevedra, acolle unha sesión dobre con dous filmes de Lionel Rogosin, ‘Bos tempos, marabillosos tempos’ (Reino Unido e Estados Unidos, 1965, 73′, b/n) e ‘Diálogo árabe-israelí’ (Estados Unidos, 1974, 40’, cor).

Para ‘Bos tempos, marabillosos tempos’, Rogosin visitou doce países en dous anos para recoller dos seus arquivos imaxes de atrocidades de guerra. Estas escenas intercálanse cun luxoso e intranscendente cóctel en Londres e deixan ao descuberto a indiferenza de Occidente ante esta violencia.

En ‘Diálogo árabe-israelí’, un poeta palestino e un xornalista israelí debaten as posibles saídas a un conflito que leva enfrontando as súas comunidades durante décadas sen que se advirta un fin próximo ás tensións territoriais coas que conviven cada día.

CICLO ‘CINE, ARTE E GUERRA’

O Festival Internacional de Cinema de Pontevedra Novos Cinemas en colaboración coa Deputación de Pontevedra, participa na posta en marcha do ciclo ‘Cine, Arte e Guerra’, unha das actividades paralelas da 32ª Bienal de Pontevedra, a través da súa sección expandida Fóra de Campo.

Conformado por seis sesións, o ciclo combina xéneros (ficción, documental e animación) e formatos (longametraxes e mediometraxes), cunha coidada selección que busca reflectir a diversidade xeográfica e histórica do cinema que ten abordado o fenómeno bélico. Desde a mirada documental máis comprometida ata o simbolismo poético da animación, os filmes afondan en temas como o trauma, a memoria, a represión, a resistencia, o espolio artístico ou a devastación do territorio.

Inspirado polo adagio latino ‘Dulce bellum inexpertis’, que Erasmo de Rotterdam popularizou para lembrar que só quen non coñece a guerra a pode idealizar, o programa propón unha ollada crítica sobre a guerra como realidade transhistórica e transxeográfica, presente en todas as civilizacións e épocas, e tamén sobre o cinema como ferramenta para pensar, sentir e cuestionar esa realidade.

Entre as obras programadas destacan Jan Němec, Claudio Poli, Jean-Pierre Melville ou Peter Watkins, e títulos senlleiros na traxectoria de directores emblemáticos como Lionel Rogosin ou Hayao Miyazaki, entre outros.

O ciclo arranca o próximo xoves 29 de maio ás 23:00 horas coa proxección de ‘Diamantes da noite’ (1964), do cineasta checoslovaco Jan Němec, no xardín do Palacete das Mendoza.

As sesións continuarán durante os meses de xuño e xullo no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra, sempre ás 19:00 horas, agás a inaugural:

  • 5 de xuño: ‘Hitler vs. Picasso e outros artistas modernos’, de Claudio Poli (2018)
  • 12 de xuño: ‘Bos tempos, marabillosos tempos’ (1965) e ‘Diálogo árabe-israelí’ (1974), de Lionel Rogosin
  • 3 de xullo: ‘O silencio do mar’, de Jean-Pierre Melville (1949)
  • 9 de xullo: ‘Nausicaä do Val do Vento’, de Hayao Miyazaki (1984)
  • 17 de xullo: ‘Culloden’ (1964) e ‘O xogo da guerra’ (1965), de Peter Watkins

Esta proposta forma parte de Fóra de Campo, a liña de programación de Novos Cinemas que expande o espírito do festival máis alá das súas datas oficiais. Trátase dun ámbito desde o que se impulsa a colaboración con outras iniciativas culturais e se fomenta o diálogo do cinema co presente e co territorio.

A programación insírese na Bienal de Pontevedra 2025, que se celebrará do 21 de xuño ao 30 de setembro baixo o lema ‘Volver a ser humanos. Ante a dor dos demais’, reunindo a 60 artistas de 28 nacionalidades arredor da creación contemporánea como vía para afrontar os conflitos e imaxinar futuros posibles.

Hora

(Xoves) 19:00

Localización

Edificio Castelao. Museo de Pontevedra

Rúa Padre Amoedo Carballo, 3. 36002 Pontevedra

Está pasando!