Proxección de 'O ceo vermello' en Pontevedra

mar24set20:30Proxección de 'O ceo vermello' en PontevedraCineclube Pontevedra20:30 Teatro Principal de Pontevedra - Pontevedra

Detalles do Evento

O martes 24 de setembro, ás 20:30 horas no Teatro Principal de Pontevedra, proxectarase o filme ‘O ceo vermello’ (Roter Himmel, Christian Petzold, 2023, Alemaña, 102 min., VOSE, +16), nunha nova sesión organizada polo Cineclube Pontevedra.

Lingua orixinal: alemán

Ao chegaren á casa onde van pasar o verán, Leon e Felix sorpréndense pola presencia de Nadja, unha misteriosa moza que está aloxada alí convidada pola familia de Felix. Nadja distrae a Leon, que busca concentración para rematar a súa novela, e coa súa brutal honestidade obrígao a enfrontarse ao seu carácter cáustico e egocéntrico.

A medida que se achegan entre eles, os bosques secos que os rodean comezan a acenderse. A tensión medra coa chegada dun aposto socorrista e o editor de Leon.

Oso de Prata – Gran Premio do Xurado na Berlinale 2023



SETEMBRO 2024

A programación do cineclube regresa ao Teatro Principal o día 9 de setembro cunha selección de cinco filmes que se proxectarán repartidos en dous luns e tres martes do mes.

O director brasileiro Kleber Mendoça Filho (Recife, 1968) será o protagonista dos luns de filmoteca, que acollerán o estimulante wéstern distópico ‘Bacurau’ (2019), ambientado no Sertão pernambucano e dirixido a canda Juliano Dornelles, e ‘Retratos fantasma’ (2023), un auténtico agasallo para a cinefilia que retrata, a través da mirada íntima do cineasta, a súa relación co cinema e a evolución da sétima arte na cidade de Recife.

Pola súa banda, as sesións dos martes ofrecerán tres filmes estreados durante o 2024: o drama en clave de thriller ambientado nas aulas ‘Sala de profesores’ (2023), do director turco-alemán Ilker Çatak; a delicadísima reflexión arredor da relación home-natureza que propón Ryūsuke Hamaguchi (gañador do Oscar por ‘Drive My Car’) en ‘O mal non existe’ (2023); e a extraordinaria ‘O ceo vermello’ (2023), que confirma a Christian Petzold como un dos mellores directores alemáns do noso tempo.

Todos os filmes poderán verse en versión orixinal con subtítulos en español. As sesións comezan ás 20:30 horas, mais as portas do Teatro Principal estarán abertas desde as 20:00 horas.

As cotas para asociarse ao cineclube mantéñense en 70 euros anuais, 25 trimestrais ou 3 euros por pases soltos. Tanto as cotas anuais coma as trimestrais permiten o acceso de balde a todas as proxeccións que se realicen mentres estiveren vixente.

As persoas que desexen asociarse ao cineclube poden facelo calquera día en que haxa proxección ou ben a través do blog da asociación.

Hora

(Martes) 20:30

Localización

Teatro Principal de Pontevedra

Rúa Paio Gómez Charino, 6, 36002 Pontevedra

Está pasando!