Presentación de La Road Pontevedra Clásica Evaristo Portela | © Concello de Pontevedra

Conta atrás para unha nova edición de La Road Pontevedra Clásica Evaristo Portela

27 Setembro 2024

O vindeiro 6 de outubro a comarca de Pontevedra vivirá unha xornada coa bicicleta como protagonista a través dunha proba cicloturista de 112 quilómetros


O Concello de Pontevedra acolleu a presentación da proba cicloturista La Road Pontevedra Clásica Evaristo Portela, cita deportiva que se celebrará o vindeiro 6 de outubro e que terá na Boa Vila o seu epicentro loxístico e organizativo.

A proba dispón dunha única distancia que será de 112 quilómetros con 1.850 metros de desnivel positivo. O obxectivo da mesma é que todos os afeccionados á bicicleta de estrada poidan gozar dun roteiro incrible e superen o reto de finalizala.

Doutra banda, cómpre sinalar que esta cita rende homenaxe a Evaristo Portela, mito do ciclismo pontevedrés, e que en palabras dos seus organizadores, Global DXT, «tanto deu ao ciclo, tanto como deportista como na súa función de director técnico». O Concello de Pontevedra colabora para que a cita poida saír adiante e sexa un rotundo éxito.



A edil de Deportes Anabel Gulías quixo agradecer a implicación doutras institucións (Deputación de Pontevedra) así como da Federación Galego de Ciclismo á hora de poñer en marcha esta proba homenaxe, amais das empresas privadas que a fan posíbel. «Ás portas dun evento tan grande como será o Europeo de Ciclocrós, seguir traballando en sacar adiante e seguir visibilizando o ciclismo en distintos eidos é unha mostra do noso compromiso co deporte a todos os niveis, é un obxectivo irrenunciábel», comentou. «Eventos deste tipo axudan a colocar a Pontevedra como un referente deportivo e un referente para o ciclismo».

A caravana ciclista partirá o domingo 6 de outubro ás 9.00 horas desde a Praza da Ferraría de Pontevedra.

As inscricións permanecerán abertas até o domingo 29 para facilitar a participación de todas as persoas posíbel, e que percorrerán os concellos de Pontevedra, Marín, Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro.

Está pasando!