O programa municipal Apego abre as súas inscricións para as actividades deste outono

25 Setembro 2024

Trátase de actividades dirixidas a pais e nais coas que coñecerán recursos que sirven para activar ou enriquecer a lingua que se fala en familia coas crianzas, amais de promover espazos de socialización en galego


Xa está aberto o programa de actividades do programa Apego para este outono en apuntate.pontevedra.gal. As actividades van dirixidas ás nais e pais, para darlles a coñecer recursos que sirvan para activar ou enriquecer a lingua que se fala en familia coas crianzas, e tamén para promover espazos de socialización en galego para as familias con nenas e nenos até 6 anos; consonte os obxectivos do programa Apego.

As actividades están dirixidas a pais e nais con crianzas de 0 a 6 anos; e teñen como finalidade darlles ferramentas e recursos para posibilitar ou mellorar o uso da lingua galega na crianza. As actividades levan a referencia das idades para as que están recomendados os contidos.

O programa deste outono está cheo de propostas novidosas. Só repiten dúas sesións de ‘Prende no colo’, con Luís Prego e Samuel Soto, para aprender arrolos e cantigas para bebés. Todas as demais propostas do outono son novidades no Apego de Pontevedra: ‘O pozo do encanto’, con Lydia Botana e Fabaloba; ‘Tralará. Contos, obxectos e música’, con Marta Ortiz; o ‘Cuco veu por acá e machou por alá’, con Percubebés; ‘Café Dorothé’ con Sonsoles Penadique; ‘A galiña dos ovos de conto’, de Pedras de Papel, ‘Pelica de burra’, con Vero Rilo e Luís Iglesias.

Tamén se inclúen cinco novas propostas para achegarse a oficios tradicionais con obradoiros que unen as explicacións, contos, debuxos e música de Ab Origine e Polo Correo do Vento, acompañados pola música de Marcelo Dobode. Cada sesión constará dunha pequena explicación de carácter antropolóxico sobre o tema da sesión, un conto, unha sesión guiada de debuxo e un pequeno obradoiro para practicar os oficios que as familias irán coñecendo e experimentando: gaiteiros e pandeireteiras; mariñeiros, mariscadoras e redeiras, ferreiros e labregas e muiñeiros.

Todas actividades son de balde, mais cómpre inscribirse previamente en apuntate.pontevedra.gal. As prazas son limitadas. Para sumarse ao programa Apego cómpre solicitar cita a través do formulario do web apego.gal ou no teléfono 986 863 157 do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra.



PROGRAMA APEGO NO OUTONO 2024

MÉRCORES 25 DE SETEMBRO | Cova dos Libros

  • ‘Prende no colo’, con Luís Prego e Samuel Soto
  • Para familias con crianzas de 0 a 3 anos
  • De 17.15 a 18.00 h e de 18.30 a 19.15 h
  • Dúas sesións musicais para aprender cantigas, cantos de berce, xogos de dedos, recitados e outras pezas pensadas para iniciar as crianzas na linguaxe, no ritmo e na melodía a partir de temas tradicionais galegos.

SÁBADO 28 DE SETEMBRO | Parque da Casa Verde (Salcedo)

  • ‘Gaiteiros, pandeireteiras e músicos’, con Polo Correo do Vento, Ab Origine e Marcelo Dobode
  • Para familias con crianzas a partir de 3 anos
  • De 17.00 a 18.30 h
  • Achegamento en familia ao mundo da música a través dunha sesión que inclúe: charla explicativa, contacontos, obradoiro de debuxo guiado, obradoiro de artesanía e música en directo.

SÁBADO 5 DE OUTUBRO | Ermida de San Cibrán (Tomeza)

  • ‘Canteiros’, con Polo Correo do Vento, Ab Origine e Marcelo Dobode
  • Para familias con crianzas a partir de 3 anos
  • De 11.30 a 13.00 h
  • Achegamento en familia ao oficio da cantaría a través dunha sesión que inclúe: charla explicativa, contacontos, obradoiro de debuxo guiado, obradoiro de artesanía e música.

MÉRCORES 16 DE OUTUBRO | Pazo da Cultura

  • ‘O pozo do encanto’, con Lydia Botana e Fabaloba
  • Para familias con crianzas de 3 a 6 anos
  • De 17.30 a 18.30 h
  • Sesión de narración oral acompañada de música e kamishibai (teatro de papel xaponés). Con rimas, cancións e mostra de moitos recursos para a crianza en galego.

VENRES 18 DE OUTUBRO na Cova dos Libros

  • ‘Tralará. Contos, obxectos e música’, con Marta Ortiz
  • Para familias con crianzas de 0 a 3 anos
  • De 17.30 a 18.10 h e de 18.30 a 19.10 h
  • Dúas sesións de contos co ritmo no corpo, con cantos e refráns, retrousos e rimas, contos versados e xogos de palabras.

MÉRCORES 23 DE OUTUBRO | Pazo da Cultura

  • ‘O cuco, veu por acá e marchou por alá’, con Percubebés
  • Para familias con crianzas de 0 a 3 anos
  • De 17.30 a 18.15 h e de 18.30 a 19.15 h
  • Dous obradoiros musicais para descubrir pequenas cantigas infantís e experimentar con diversos instrumentos de percusión da man de Marcelo Dobode e Beatriz Martínez.

SÁBADO 26 DE OUTUBRO | Centro Social de San Roque (Pontevedra)

  • ‘Mariñeiros, mariscadoras e redeiras’, con Polo Correo do Vento, Ab Origine e Marcelo Dobode
  • Para familias con crianzas a partir de 3 anos
  • De 11.30 a 13.00 h
  • Achegamento en familia aos oficios relacionados co mar a través dunha sesión que inclúe: charla explicativa, contacontos, obradoiro de debuxo guiado, obradoiro de artesanía e música.

MÉRCORES 6 DE NOVEMBRO | Pazo da Cultura

  • ‘Comerá o bebé?’, con Cris de Caldas e Xabi do Camiño
  • Para familias con crianzas de 0 a 3 anos
  • De 17.30 a 18.05 h e de 18.30 a 19.05 h
  • Sesión de contos, poemas, xogos de mans e música da nosa tradición oral atravesados polo fío condutor da comida.

SÁBADO 9 DE NOVEMBRO | Centro Sur (Pontevedra)

  • ‘Ferreiros’, con Polo Correo do Vento, Ab Origine e Marcelo Dobode
  • Para familias con crianzas a partir de 3 anos
  • De 11.30 a 13.00 h
  • Achegamento en familia ao oficio dos ferreiros a través dunha sesión que inclúe: charla explicativa, contacontos, obradoiro de debuxo guiado, obradoiro de artesanía e música en directo.

VENRES 15 DE NOVEMBRO | Cova dos Libros

  • ‘Café Dorothé’, con Sonsoles Penadique
  • Para familias con crianzas de 2 a 6 anos
  • De 17.30 a 18.20 h
  • Obradoiro musical para cantar, bailar, xogar e aprendermos sobre as lindas cancións da nosa tradición recollidas pola musicóloga Dorothé Schubarth durante as súas viaxes polas aldeas galegas.

VENRES 22 DE NOVEMBRO | Cova dos Libros

  • ‘A galiña dos ovos de conto’, con Pedras de Papel
  • Para familias con crianzas de 3 a 6 anos
  • De 17.30 a 18.30 h
  • Obradoiro creativo que axunta narración oral e arte plástica a través da creación de personaxes de conto con pasta de papel reciclada.

VENRES 29 DE NOVEMBRO | Cova dos Libros

  • ‘Pelica de Burra’, con Vero Rilo e Luís Iglesias
  • Para familias con crianzas de 0 a 3 anos
  • De 17.30 a 18.00 h e 18.30 a 19.00 h
  • Obradoiro de narración oral e música para aprender xogos de colo, arrolos, igualdade e moito conto!

SÁBADO 30 DE NOVEMBRO | Centro Social do Gorgullón (Pontevedra)

  • ‘Labregas, segadoras e muiñeiros’, con Polo Correo do Vento, Ab Origine e Marcelo Dobode
  • Para familias con crianzas a partir de 3 anos
  • De 11.30 a 13.00 h
  • Achegamento en familia aos oficios relacionados co campo a través dunha sesión que inclúe: charla explicativa, contacontos, obradoiro de debuxo guiado, obradoiro de artesanía e música en directo.

Está pasando!