A Estación Fitopatolóxica de Areeiro lanza unha ruta turística para promocionar o centro de investigación e o xardín botánico dependente da Deputación de Pontevedra

9 Febreiro 2022

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro é un centro de investigación e xardín botánico dependente da Deputación de Pontevedra que acaba de obter o selo Observer de turismo científico en recoñecemento ao seu enorme potencial na preservación da biodiversidade.  A institución lanza a nova Ruta da Ciencia Areeiro co obxectivo de achegarlle os valores medioambientais e científicos á cidadanía, así como poñer en valor o patrimonio vexetal existente na finca.

A nova Ruta da Ciencia Areeiro é un proxecto piloto que busca achegarlle os valores medioambientais e científicos á cidadanía.

A EFA creouse a finais de 1980 como unha liña do daquela Servizo Agrario, coa intención de cubrir o baleiro existente no sector agrario en materia de fitopatoloxía. Hoxe é un moderno centro dedicado á investigación práctica e ao diagnóstico en materia de fitopatoloxía forestal e agraria. Ao mesmo tempo, traballa na introdución e conservación de especies froiteiras e ornamentais; tamén na área da análise edafolóxica (do solo) para mellorar a fertilización.

Areeiro xoga un papel fundamental en materia de biodiversidade, pero, ademais, agora será un importante reclamo turístico grazas ao selo Observer Science Tourism, do que tamén goza na provincia o castelo de Soutomaior. “Somos un destino de ciencia certificado e este título permitiranos dar a coñecer a EFA ao público xeral para que a sociedade tome conciencia do importante papel que xoga”, valorou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, tras recoller a acreditación como destino turístico científico.

As visitas da nova Ruta da Ciencia Areeiro estarán conducidas por unha persoa especialista que lle amosará ao público os distintos lugares de interese da Estación, coma o Xardín Pedro Mansilla, o Insectario ou o Xardín das Aromáticas. O percorrido versará sobre a investigación botánica en Galicia, a camelia ou a relación entre a tecnoloxía e os cultivos de árbores froiteiras. Tamén se falará das plantacións de té, das feixoas, dos fentos ou das plantas aromáticas, coas que se fará unha pequena actividade na horta.

  • Ademais do público xeral, tamén poderá realizar os percorridos persoal do eido científico, para o que se realizará un itinerario máis específico.
  • As rutas guiadas serán os martes, xoves e dous sábados ao mes (alternos), ás 12:00 e ás 14:00 horas, do 7 de decembro de 2021 ao 31 de maio de 2022. Sempre serán concertadas.
  • A participación na actividade é de balde.
  • As persoas interesadas en reservar deben escribir previamente en observersciencetourism.com
Está pasando!