Presentación da Festa dos Libros | © Concello de Pontevedra

As letras en todas as súas formas volverán tomar as rúas de Pontevedra nunha nova edición da Festa dos Libros

30 Xuño 2023

  • A cita, organizada polo Concello de Pontevedra, contará coa presencia de trece librarías da Boa Vila: Aviones de Papel, Cao, Clip, Cronopios, D-Lectum, El Naranjo, El Pueblo, Escolma, Espazo Lector Nobel, La Nube de Papel, Metáfora, Libraría Paz e Seijas
  • De novo, a Praza da Ferraría será a sede dun evento que se desenvolverá entre o 7 e o 9 de xullo, perfilándose como a primeira cita festiva e cultural do verán

A cidade de Pontevedra acollerá o venres 7, sábado 8 e domingo 9 de xullo a sexta edición da Festa dos Libros, organizada polo Concello de Pontevedra en colaboración con trece librarías da cidade: Aviones de Papel, Cao, Clip, Cronopios, D-Lectum, El Naranjo, El Pueblo, Escolma, Espazo Lector Nobel, La Nube de Papel, Metáfora, Libraría Paz e Seijas.

Como en anteriores edicións, a Festa dos Libros permanecerá aberta na praza da Ferraría de 11.00 a 14.00 horas e de 18.00 a 22.30 horas —agás o domingo que pechará media hora antes— e, ademais dos postos de venda, reunirá a máis de 100 autores e autoras que participarán en 92 actividades, tales como presentacións, contacontos, charlas, mesas redondas, obradoiros, recitais, sinaturas…

O Concello de Pontevedra busca sacar os libros á rúa como unha forma de fomento da lectura e da creación, así como apoiar o sector da cultura e do libro como un motor fundamental de desenvolvemento e dinamización da cidade.


Presentación da Festa dos Libros | © Concello de Pontevedra

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, participou na presentación desta cita, acompañado con varios dos representantes e donos das nomeadas librarías, lembrando que esta Festa dos Libros é «un referente en toda Galiza e parte do Estado, unha festa na que coinciden autores, libreiros e lectores. Estamos moi orgullosos de ser a cidade que máis librarías ten por habitante en todo o país».

«Imos da man dos libreiros e libreiras, axentes imprescindíbeis desta cidade, e facemos esta cita no espazo máis céntrico que temos, dándolle a importancia que merece», sinalou o rexedor. «Sei que esta é unha data reservada para autores e editoriais, e este non será doutra maneira».

O concelleiro de Cultura e Festas, Demetrio Gómez lembra que o programa se abrirá os tres días con actividades pensadas para os máis pequenos e pequenas da casa: un contacontos ilustrado sobre María Casares a cargo de Polo Correo do Vento, que estará acompañado polo músico Marcelo Dobode (venres 7, ás 11.30 horas); ‘Constelacións literarias, música, poesía e astronomía’ con Estíbaliz Espinosa acompañada pola pianista Isabel Gómez Alonso (sábado 8, ás 11.30 horas); un contacontos con sorpresa, ‘Caca, cu, peido, pis… in English’, de Irene Alonso Gasalla (domingo 9, ás 11.00 h); e o contacontos ‘Queda sitio na vasoira?’ de Patasdepeixe Editorial con Iria Pinheiro (domingo 9, ás 11.45 horas).

«Quero agradecerlle a todas as librarías implicadas nesta Festa do libro a súa participación, pois sería imposíbel sen elas. Non podo ler hoxe todos os autores, ilustradoras e demais que estarán presentes, pois falamos de máis dun cento», indicou o edil. «Non se nos escapa, ou é case imposíbel que se escape, ningún autor ou autora galego que teña unha novidade no mercado literario do país. Só dicir que haberá máis de noventa actividades entre a que me prestaría destacar a actividade de Kalandraka Editora».

Entre as novidades deste ano destaca un acto conmemorativo do 25 aniversario da editorial pontevedresa Kalandraka Editora, que celebrará o venres ás 12.30 horas un maratón de lectura e ilustración onde destacadas ilustradoras e ilustradores dalgúns dos contos máis coñecidos debuxarán en directo escenas e personaxes dos seus libros, que soarán nas voces de autoras, autores, representantes do eido cultural da cidade, lectoras e lectores. Tamén a esa mesma hora o sábado, volverá un dos espazos fixos da programación da Festa dos Libros: Enfiando lecturas, promovido pola Libraría Paz. Desta volta participarán Xosé Cabido (co ensaio ‘A vontade de cambiar: homes masculinidade e amor’), Branca Novoneyra (coa obra de poesía ‘As cunchas baleiras’), Eli García (coa banda deseñada ‘O grande aviario’) e Ismael Ramos (e o seu libro de narrativa ‘A parte fácil’).

E o domingo, a carpa da Ferraría acollerá unha sesión de Os vermús de Pinto e Maragota. Neste vermú literario pola diversidade María Reimóndez e Lois Diéguez conversarán sobre as súas obras ‘Multitudes’ e ‘As voces amadas’, respectivamente.

Programación vespertina

A programación vespertina desenvolverase a modo de faladoiros e conversas entre destacados escritores e escritoras do panorama galego e estatal que presentarán as súas novidades editoriais. Os relatos autobiográficos sobre a familia serán o tema da conversa entre Marcos Giralt Torrente (Premio Nacional de Narrativa en 2011, fillo do pintor Juan Giralt e neto de Gonzalo Torrente Ballester) e a xornalista, escritora e guionista Laura Ferrero. ‘Algún día seré recuerdo’ e ‘Los astronautas’ son os títulos das súas respectivas obras que presentarán o venres ás 18.15 horas.

De seguido, terá lugar outra das seccións fixas da Festa, a dedicada ao recoñecemento da Traxectoria destacada. Nesta ocasión a persoa homenaxeada será a pontevedresa Fina Casalderrey, candidata española ao Premio Hans Christian Andersen, o máis alto recoñecemento internacional que se concede a un autor vivo de libros para cativada e rapazada, tamén coñecido como o Nobel da Literatura Infantil e Xuvenil. A escritora e xornalista Eva Mejuto repasará con ela a súa traxectoria.

Ás 20.15 horas, ‘Do amor e outros demos’ centrará o faladoiro entre Alejandro Gándara (Premio Nadal, Herralde e Anagrama), que tras cinco anos de silencio volve con ‘Primer amor’, e Mercedes Corbillón, unha das libreiras máis reputadas de Galicia grazas ao seu traballo na libraría Cronopios, que debuta coa novela ‘A beleza debe morrer’.

‘Pontevedra como materia prima para a creación literaria’ será o título da conversa entre Fina Casalderrey (‘A muller xabaril’) e Xosé Monteagudo (‘Vémonos mañá’) o sábado ás 18.15 horas e, a continuación, o autor homenaxeado este ano nas Letras Galegas será o protagonista na mesa redonda con Malores Villanueva (‘Francisco Fernández del Riego, un loitador pola idea de Galicia’), Ramón Nicolás (‘Francisco Fernández del Riego. Vida e obra dun obreiro do galleguismo’), Antón Mascato (‘Francisco Fernández del Riego. O home que valía por mil e De Compostela ao exilio interior. Francisco Fernández del Riego’), acompañado polo ilustrador Pepe Carreiro, e Beatriz Liz de Cea (Don Paco, letras para a arte galega). Ás 20.15 horas tomarán o relevo Arantza Portabales (‘O home que matou a Antía Morgad’e) e Ulises Bértolo (‘La dama del Norte’) dialogando sobre os seus últimos apaixonantes thrillers.

O domingo, ás 18.00 horas, será a quenda da presentación de ‘Alguén nos lembrará. Antoloxía de relatos LGBTIQA+’, e media hora máis tarde, en colaboración con AVANTE LGTB+ Pontevedra, botarase unha mirada ás novas voces da literatura queer galega con Nee Barros (‘Nom estamos quebrades’), Sica Romero (‘Avelaíñas eléctricas’) e Diana Kurich (‘Feitas ao sisel’). Ás 19.15 horas, Bob Pop, un dos xornalistas culturais e de sociedade máis seguidos do momento polo seu traballo en televisión, radio e medios escritos, falará ‘Do divino e do marrán’ na presentación do seu libro ‘Días simétricos’ e, a continuación, Eva Mejuto e Yolanda Castaño charlarán sobre Literatura de Premio, non en balde, veñen de recibir diferentes galardóns literarios neste último ano. Ademais destes escritores e escritoras, outros moitos estarán na Festa dos Libros asinando exemplares dos seus libros nos postos das librarías.

Recitais e música

Como peche a cada unha das tres xornadas da Festa dos Libros haberá unha actividade especial. Así, o venres, o trío Muzikanti Balishnik encherá a Ferraría de músicas do leste de Europa.

O sábado, fará o propio o grupo lucense das Lupercais, cun recital poético sobre a obra ‘Unha antoloxía posible’ con voces emerxentes da nova poesía galega e con nomes consagrados pola crítica e os lectores como Abraham Pérez, Luís López Alonso, Antom Fortes, Miguel Ángel Curiel e Genaro da Silva. E o domingo, máis poesía, co recital ‘Tres voces, tantos mundos’, con Laura Cesarco Eglin, Andrea Nunes Brións e Lara Dopazo Ruibal.

Fóra da carpa

Complementando o programa, celebraranse outras dúas actividades fóra da carpa. A primeira delas será unha observación solar na praza da Ferraría da man da asociación astronómica Sirio, que terá lugar o sábado entre as 12.00 e as 14.00 horas. As persoas interesadas en participar empregarán un telescopio especial que lles permitirá ver o Sol con seguridade, ademais de apreciar detalles na superficie da nosa estrela.

Á súa vez, o domingo de 12.00 a 13.30 horas, levarase a cabo un Cafeciño & Draw, para botar un anaquiño tomando un café e debuxando xunto coas ilustradoras María Montes, Paula Cheshire, Eli García, Rena Ortega e Nuria Figueiredo. Limitado a 20 persoas e con punto de encontro no posto da Librería Seijas, organizadora da actividade.


Está pasando!