Encontro de Entruidos na Casa do Pobo da Pedreira | Concello de Soutomaior

Despois dunha intensa fin de semana de Entruido, chegan A Fiada e o Enterro da Sardiña, dúas citas importantes por celebrar en Soutomaior

3 Marzo 2025

A fin de semana comezou pisando forte en Soutomaior co desfile, o venres, das pequenas e pequenos do CEIP Manuel Padín Truiteiro que encheron de luz e de cor as rúas de Arcade. Nun desfile, onde grazas ao obradoiro que o antropólogo Rafa Quintía ofreceu neste centro, tamén saíron un grupo de Entruidos coas súas máscaras feitas para a ocasión.

O sábado 1 de marzo toda a actividade estivo centrada na Casa do Pobo da Pedreira, onde tivo lugar o Encontro de Entruidos coa sesión vermú protagonizada por ‘Fanfarria Furruxa’ e a procesión do Galo.

A continuación, tivo lugar o Xantar Veciñal do Galo con arroz, o grande protagonista, unha cita, onde dende o concello convidaron a todas as asociacións a participar neste punto reencontro e de unión do pobo.


Xantar Veciñal do Galo con arroz | Concello de Soutomaior

Tralo xantar, ao que asistiron máis dun cento de persoas, tivo lugar unha divertida e amena verbena protagonizada polo “Dúo Marema”.

O domingo, 2 de marzo, as pequenas e pequenos foron os grandes protagonistas coa súa Festa infantil: ‘Quiquiriquí o galo corre aquí’, unha cita que se celebrou na carpa de Entruido, instalada na Alameda de Talo Río, e onde as quiricas e quiricos fixeron moitos xogos populares e onde puideron desfrutar, cantar e bailar grazas ao gran espectáculo de ‘Barafunda no galiñeiro’.


Festa infantil na Alameda Talo Río | Concello de Soutomaior

Aínda quedan por diante dúas citas importantes para o Entruido en Soutomaior. Unha será mañá martes, 4 de marzo, martes de Entruido e virá marcada pola Fiada.

A Fiada estará amenizada con música e baile tradicional coa participación de gaitas, pandeiretas, bailadores/as,… Unha cita onde participarán as Pandereteiras de Ghargahmala, Aboal, de Toutón, de San Vicente, da Hermida, e moitas máis.

Todo aquel que queira unirse está convidado a participar nesta Fiada do martes de Entruido que se celebrará de 20:30 a 00:00h.



E para rematar o Entruido, o Concello de Soutomaior volve a recuperar o Enterro da Sardiña, unha cita que terá lugar este mércores, 5 de marzo, mércores de cinza, e que sairá ás 19:30 horas da Praza de Cima de Vila.

O percorrido será dende a Praza, pasando pola rúa Xosé Solla para finalizar no campo da petanca onde se despedirá á sardiña.

Un evento no que colaborarán a Banda de Música Artística de Arcade, a Asociación da Xesteira, a Asociación Moreira a Tope e a Asociación Cultural Miúdos.


Está pasando!