‘O que non se ve’ | Et Suseia Danza

O Auditorio de Marín presenta as súas novas citas culturais con protagonismo do humor, a danza e a música

2 Novembro 2026

  • Mikel Bermejo abre este venres o ciclo ‘Éche unha Risa!’ con máis do 70% do aforo vendido.
  • O sábado 7 de novembro chega ‘O que non se ve’, de Et Suseia Danza.
  • Hoxe comeza a recollida de entradas para o concerto de Amancio Prada.

O Auditorio de Marín prepara un mes de novembro con propostas de humor, danza, teatro e música, combinando espectáculos de venda de entradas con actuacións de acceso libre. A programación máis inmediata traerá esta fin de semana o monólogo ‘Eureka!’, de Mikel Bermejo, e a peza de danza ‘O que non se ve’, de Et Suseia Danza.

Toda a información actualizada e os enlaces directos á venda de entradas poden consultarse en auditorio.concellodemarin.es.

MIKEL BERMEJO ESTREA O CICLO ‘ÉCHE UNHA RISA!’

O venres 6 de novembro, ás 20.30 horas, Mikel Bermejo abrirá ‘Éche unha Risa!’, o ciclo impulsado polo Concello para achegar ao Auditorio destacados nomes do humor.

En ‘Eureka!’, o cómico ofrece a súa particular visión dos temas máis candentes da actualidade, nun percorrido humorístico polas marabillas, contradicións e loucuras da vida moderna.

O espectáculo está recomendado a partir dos 14 anos e conta xa con máis do 70% do aforo vendido.

As entradas poden adquirirse ao prezo de 13,30 euros en nemoentradas.com

DANZA PARA VISIVILIZAR A FORZA DAS MULLERES

O sábado 7 de novembro, ás 20.00 horas, será a quenda de Et Suseia Danza, que presentará ‘O que non se ve’.

A compañía combina danza tradicional e contemporánea nunha proposta que busca visibilizar a forza e a loita das mulleres na sociedade actual, explorando o que existe baixo as vestimentas tradicionais e no interior das mulleres do noso país.

O espectáculo forma parte do Ciclo Teatro Galego e está cofinanciado pola Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGAT), da que forma parte o Auditorio de Marín.

As entradas están dispoñibles por só 4 euros en Ataquilla.com.

TRES PROPOSTAS DE ACCESO LIBRE DURANTE NOVEMBRO

A programación continuará o domingo 15 de novembro, ás 19.00 horas, coa actuación da Big Band da Estrada, da Fundación Cultural da Estrada, nun concerto aberto ao público.

O venres 20 de novembro, ás 19.00 horas, o grupo de teatro da UNED levará ao escenario distintas pezas traballadas ao longo do ano na súa aula de teatro.

Intepretarán as seguintes obras:

  • ‘Cafe de tarde’: un café con leite, un bolero de fondo e corenta anos de amizade. Marica calcula cada paso; Tula vive coma un ciclón. Pero hoxe, unha cita inesperada romperá todos os seus horarios. Unha comedia emocionante que che lembrará que o único erro na vida é quedarse esperando.
  • ‘Por las que callan’: unha obra creada para dar visibilidade á violencia de xénero e especialmente á violencia vicaria.
  • ‘El secreto’: reencontro dunha nai e a súa fi lla despois de varios anos separadas e sen apenas comunicación. Nese contexto, ábrese un diálogo sinceiro e fundamental para recoñecerse.
  • ‘Despertar a un nuevo día’: unha entrega apaixoada á vivencia da Verdade e a Xustiza nunha sociedade en crise que comeza a despertar nun mundo máis humano.

Ao día seguinte, o sábado 21 de novembro, a Banda de Música de Marín ofrecerá o seu tradicional concerto na honra de Santa Cecilia.

Estas tres citas terán entrada libre ata completar o aforo.

DESDE HOXE, ENTRADAS PARA AMANCIO PRADA NO ATENEO

O mes pecharase co concerto de Amancio Prada, o venres 27 de novembro ás 20.00 horas, fi nanciado pola Xunta de Galicia.

Desde hoxe, as persoas interesadas poden recoller as entradas no local do Ateneo Santa Cecilia, na Rúa do Forno, número 42, baixo, en horario de 18.00 a 20.30 horas.

Entregarase unha entrada por persoa e será imprescindible presentar o DNI para a súa recollida.

‘BENQUERER’ ABRIRÁ A PROGRAMACIÓN DE DECEMBRO

A actividade terá continuidade o venres 4 de decembro, ás 20.00 horas, con ‘BenQuerer’, unha proposta na que Fran Sieira baila acompañado pola música en directo de Caamaño&Ameixeiras.

A peza combina danza e música nunha experiencia íntima e emocional arredor da vida cotiá, dos cambios e da vulnerabilidade. As entradas xa están á venda en Ataquilla.

Esta actuación tamén forma parte do Ciclo Teatro Galego e está cofinanciada pola AGADIC, a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios.

O Concello anima á cidadanía a consultar a programación e planificar a súa asistencia, aproveitando unha oferta que permite desfrutar de diferentes disciplinas culturais no propio municipio.

Está pasando!