Anabel Gulías na presentación do ‘Pasaporte Feroz’ | Concello de Pontevedra

‘Pasaportes Feroces’ para premiar a fidelidade do público ás actividades previas á gala de xaneiro

4 Novembro 2026

  • A concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, presentou a iniciativa que ofrecerá 10 pases dobres para a cea oficial e 10 pases dobres para a bancada VIP da gala
  • A xornalista, escritora e activista cultural Maruja Torres recibirá o galardón de honra e contará cun ciclo de cinema específico na cidade

O Concello de Pontevedra pon en marcha a partir do vindeiro 6 de novembro o ‘Pasaporte Feroz’, unha iniciativa deseñada para recoñecer e agradecer a participación constante da cidadanía nas proxeccións e actividades previas dos Premios Feroz.

Segundo destacou a concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, a resposta e implicación do público pontevedrés nas actividades que se desenvolven desde outubro ata xaneiro constitúe un feito diferencial e o verdadeiro segredo do éxito da celebración dos premios na cidade. Para participar, as persoas maiores de 16 anos poderán retirar este documento persoal e intransferíbel na caseta de turismo, onde deberán cubrir os seus datos persoais.

O funcionamento do pasaporte baséase nun sistema de selado por cada actividade á que se asista. As persoas participantes poderán acumular máis dun pasaporte, os cales deberán entregarse todos xuntos na Oficina de Turismo até o 11 de xaneiro de 2027. Comezarán a ser repartidos na proxección prevista para pasado maña, venres 6 de novembro, de ‘Cerdita’.

Os premios outorgaranse en función do número de selos reunidos:

  • 10 pases dobres para a cea oficial dos Premios Feroz para as dez persoas que máis selos teñan acumulados.
  • 10 pases dobres para a bancada VIP que se instalará na gala no Pazo da Cultura para as dez persoas seguintes con maior número de selos.

En caso de empate no número de selos, o criterio determinante será o momento exacto da entrega do pasaporte na oficina de turismo. As bases completas da convocatoria poden consultarse aquí.

PREMIO FEROZ DE HONRA 2027 A MARUJA TORRES

Na mesma liña de recoñecemento cultural, Anabel Gulías fixo público que a xornalista, escritora e activista cultural Maruja Torres foi galardoada co Premio Feroz de Honra 2027.

A concelleira subliñou a vinculación histórica da autora co cinema desde os seus inicios na revista Fotogramas, así como o seu traballo en crónicas de festivais, diarios de rodaxe, crítica literaria, guións e interpretacións punctuais.

Con motivo deste galardón, o Concello de Pontevedra xunto coa directiva organizadora dos Feroz organizará un ciclo de cinema específico centrado na figura e traxectoria de Maruja Torres.

Está pasando!