O alcalde con varios concelleiros no arranque de Pontedetapas | Concello de Pontevedra

Trinta e dous establecementos hostaleiros da cidade de Pontevedra participan na nova edición de Pontedetapas

4 Novembro 2026

  • 20 tapas tradicionais, 11 tapas creativas e 10 cócteles competirán no certame que se desenvolverá durante dezanove días, do mércores 4 ao domingo 22 de novembro
  • Cos seus votos, o público escollerá a Tapa Pontevedra e un xurado profesional outorgará os Premios do Xurado

Hoxe comeza unha nova edición de Pontedetapas, o concurso gastronómico organizado polo Concello de Pontevedra, no que participan 32 establecementos hostaleiros da cidade con 20 tapas tradicionais, 11 creativas e 10 cócteles.

O certame desenvolverase ata o domingo 22 de novembro co obxectivo de dinamizar a restauración local, fomentar o turismo de proximidade e contribuír á desestacionalización do sector.

Con motivo do inicio desta edición, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, realizaron un percorrido por tres dos locais participantes para coñecer algunhas das propostas gastronómicas deste ano: Brotes Wine Bar Stores, coa súa tapa creativa; Casa Verdún, coa súa proposta tradicional; e Umami Poke Restobar, na categoría de cóctel.

‘TAPA PONTEVEDRA’

As persoas que degusten as propostas a concurso poderán votar para elixir a ‘Tapa Pontevedra’, a creación máis valorada polo público, que representará á cidade no certame ‘Sete cidades, sete sabores’, promovido por Turismo de Galicia.

Pola súa banda, un xurado profesional avaliará as elaboracións e decidirá os premios ás mellores tapas tradicional e creativa, así como ao mellor cóctel. O fallo darase a coñecer nun acto público ao remate do concurso.

Cos seus votos, o público poderá optar a premios directos: catro vales de 250 euros cada un, para gastar nos establecementos participantes. Dous sortearanse entre os cupóns de papel depositados nas urnas habilitadas nos locais e os outros dous entre as votacións realizadas a través da aplicación oficial de Pontedetapas.

Outra das iniciativas que se mantén nesta edición é o Pasaporte Pontedetapas. As dez primeiras persoas que consigan selalo en todos os establecementos participantes —ou, no seu defecto, reunir o maior número posible de selos— e o entreguen na Oficina Municipal de Turismo antes do 27 de novembro de 2026 recibirán un agasallo seguro: unha cea para dúas persoas, valorada en 60 euros, a elixir entre todos os locais do concurso.

OUTROS PREMIOS

A empresa Hijos de Rivera colabora unha vez máis no certame coa concesión dun premio especial á mellor maridaxe dunha tapa con caña de Estrella Galicia. O establecemento gañador recibirá o equivalente ao peso da súa persoa propietaria en produtos da compañía. Ademais, entre o público sortearase unha experiencia para dúas persoas en MEGA, o museo de Estrella Galicia dedicado a descubrir, comprender e celebrar a cultura cervexeira.

Pontedetapas aposta tamén pola inclusión e por ofrecer alternativas para diferentes necesidades alimentarias. Nesta edición, 11 das elaboracións a concurso están certificadas como aptas para persoas celíacas. O establecemento gañador desta categoría recibirá un premio de 150 euros, outorgado e financiado pola Asociación de Celíacos de Galicia (ACEGA).

Os prezos das elaboracións variarán en función do día da semana: 4 euros de luns a xoves e 4,50 euros de venres a domingo para as tapas, mentres que os cócteles terán un prezo único de 6 euros.

Está pasando!