O Ateneo Santa Cecilia dedica a Manuel Torres a segunda edición do seu Concurso Audiovisual

11 Setembro 2026

Tras o éxito da primeira convocatoria, o Ateneo Santa Cecilia volve apostar polo cine e celebra a II edición do seu concurso audiovisual, dedicado este ano a Manuel Torres.

O obxectivo desta iniciativa é poñer en valor o legado do artista marinense e reivindicar a súa importancia histórica e fundamental na cultura do municipio.

O certame está dirixido ao alumnado de ESO e Bacharelato dos centros educativos de Marín, que poderá participar de xeito individual ou en grupo. Admítense calquera dos seguintes formatos creativos: curtametraxes, representacións teatrais, monólogos, sketches, animacións, vídeos do proceso de creación duns carteis ou collages… coa única condición de que a temática xire arredor da figura ou obra de Manuel Torres.

As pezas deben ter unha duración de entre 3 e 5 minutos, presentar formato MP4 e poden ser gravadas con cámara de vídeo, teléfono móbil ou calquera outro dispositivo.

O prazo de entrega remata o venres 13 de novembro ás 20:00 horas e as vías de presentación son:

  • Presencial: Na sede do Ateneo Santa Cecilia (Rúa do Forno, 42 – baixo), de luns a venres de 18:00 a 20:30 horas.
  • Correo electrónico: ateneosantacecilia@gmail.com

O fallo do xurado, a proxección de todas as pezas participantes e a entrega de premios terán lugar o xoves 26 de novembro ás 19:00 horas no auditorio do IES Illa de Tambo.

Está pasando!