Presentación da 11ª edición de Novos Cinemas | Novos Cinemas

A undécima edición de Novos Cinemas reúne en Pontevedra as novas voces do cinema internacional

27 Novembro 2026

  • O festival celebrará a súa undécima edición do 8 ao 13 de decembro con 18 películas en competición, catorce nacionalidades representadas e dúas estreas internacionais
  • O cinema galego protagonizará a apertura e a clausura dunha edición que acollerá o primeiro foco dedicado a Rodrigo Areias en España
  • As entradas estarán á venda desde este venres, 27 de novembro, a través de Ataquilla

Novos Cinemas presentou na Facultade de Comunicación da Universidade de Vigo, a programación da súa undécima edición, que se celebrará do 8 ao 13 de decembro co lema ‘Outras miradas, outros mundos’. O festival segue centrado nas primeiras e segundas longametraxes de cineastas de todo o mundo e no cinema con menor presenza nos circuítos comerciais.

O cinema galego marca os dous extremos da programación. ‘As augas’, primeira longametraxe de Ledicia Sola, inaugurará o festival o 8 de decembro no Auditorio de Afundación. A clausura oficial será o sábado 12 con ‘Todo é cárcere’, de Eloy Enciso, premio á mellor película no FIDMarseille e Premio DOC. España na Seminci. As proxeccións continuarán ata o domingo 13.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), Jacobo Sutil, definiu Novos Cinemas como “un proxecto especial, con protagonismo na inauguración e clausura para a produción galega, un xeito de reforzar a dinámica do sector”.

SECCIÓN OFICIAL, LATEXOS E CERES

O director artístico de Novos Cinemas, Suso Novás, presentou a programación completa e as películas en competición, que son 18. As trece longametraxes de Sección Oficial e Layexos representan catorce nacionalidades. ‘Todo va mal’ e ‘Sophia Setembro 1963’ terán en Pontevedra a súa estrea internacional; outros cinco títulos estrearanse en España e seis en Galicia.

Entre as películas seleccionadas figuran ‘The Half-Finished Heaven’, de Huizhi Liu, Mención Especial do Xurado no FIDMarseille; ‘An Incomplete Calendar’, de Sanaz Sohrabi, premiada en Cinéma du Réel e en Olhar de Cinema, e ‘Dream of Another Summer’, de Irene Bartolomé, premio Next:Wave de CPH:DOX.

A galega Helena Girón e o canario Samuel M. Delgado estrearán en Galicia a súa segunda longametraxe, ‘Las islas afortunadas’, despois do seu paso polo Festival Internacional de Cinema de Toronto (TIFF), a Viennale e a Sección Oficial da Seminci.

Completan a competición as cinco curtametraxes de Ceres, a sección dedicada ao cinema realizado no ámbito académico, procedentes de centros de formación de España e Portugal, e entre os que está a Facultade de Comunicación da UVigo.

Fóra de competición, o cineasta e produtor portugués Rodrigo Areias protagoniza o primeiro foco que se lle dedica en España, coas estreas galegas de ‘Estrada de Palha’ e ‘A Pedra Sonha Dar Flor’. A carta branca ao festival ecuatoriano Cámara Lúcida reúne unha escolma de curtas seleccionada polo seu director artístico e de programación, Francisco Álvarez Ríos.

CINEXPO, SEDE PRINCIPAL

Co Teatro Principal pechado temporalmente por obras, Cinexpo será a principal sede das proxeccións. O Auditorio de Afundación acollerá a inauguración e a Facultade de Comunicación da UVigo, as sesións de Latexos e Ceres.

A tenente de alcalde de Pontevedra, Eva Villaverde, subliñou que Novos Cinemas “é unha cita imprescindible no calendario de Pontevedra» e destacou o valor para a cidade dun festival «que non teme arriscar, que aposta pola creatividade e a diversidade” de Cultura (ICAA).

FORMACIÓN E ACTIVIDADE PROFESIONAL

Novos Cinemas mantén a colaboración coa Universidade de Vigo e coa ECAM na súa programación formativa, que inclúe Encontros, Aula+Novos e Terra#LAB, o laboratorio de desenvolvemento cinematográfico que nesta edición traballará con catro proxectos galegos.

O director de Área do campus CREA de Pontevedra da Universidade de Vigo, Alberto Dafonte Gómez, destacou a ambición das propostas do festival e a ampla oferta formativa dirixida ao alumnado do campus. Jacobo Sutil salientou tamén o traballo do festival na formación e o papel da Universidade, e lembrou AUGAL, o programa que a AGADIC desenvolve coa universidade.

Nas mesmas datas, Matriuska Producciones organiza Ágora, o seu encontro profesional, que terá lugar do 9 ao 11 de decembro co patrocinio da Deputación de Pontevedra. Coincidirá co Fórum Luso Galego de Creatividade e Coprodución 2026, organizado pola AGADIC, e as persoas participantes no foro están convidadas ás actividades de ÁGORA do venres 11.

O deputado de Cultura, Xuventude, Desenvolvemento Rural e Reto Demográfico da Deputación de Pontevedra, Jorge Cubela, sinalou que “Pontevedra quere ser a provincia dos festivais e seguir sumando novas sinerxías culturais e defender a industria audiovisual, que está a vivir o seu mellor momento”.

As entradas estarán á venda a través de Ataquilla. A programación completa do festival pode consultarse en novoscinemas.com.

Novos Cinemas – Festival Internacional de Cinema de Pontevedra está organizado pola Asociación Cultural e Cinematográfica Novos Cinemas e producido por Matriuska Producciones. Conta co financiamento do Concello de Pontevedra, a Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia (AGADIC), o Ministerio de Cultura (ICAA) e Universidade de Uvigo a través do Campus CREA.

Está pasando!