Presentación de Bainadal 2026-2027 | Concello de Baiona

Baiona presenta unha programación de Nadal para toda a familia con novas propostas de lecer, cultura e entretemento

25 Novembro 2026

O Tren de Nadal, Baiona Gaming, as badaladas infantís e unha ampla oferta de actividades familiares serán algúns dos grandes atractivos dunha programación que busca encher de ilusión as rúas e parroquias do municipio.


O Concello de Baiona presentou a programación Bainadal 2026-2027, unha completa proposta de actividades que volverá converter o municipio nun punto de encontro durante as festas do Nadal.

Un programa variado e pensado para todos os públicos, que combina tradición, cultura, música, espectáculos, actividades infantís e novas alternativas de lecer para a mocidade, co obxectivo de que tanto la veciñanza como as persoas que visiten Baiona poidan desfrutar destas datas tan especiais.

O alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, acompañado pola concelleira de Festexos e representantes da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona (ACEBA), deu a coñecer unha programación que aposta pola participación, a convivencia e a dinamización da actividade social e económica do municipio.

O aceso do Nadal dará comezo ás celebracións

A primeira gran cita será este xoves 26 de novembro, ás 19.30 horas, na Praza do Concello, co aceso oficial da iluminación de Nadal. Un ano máis, Baiona contará con máis dun millón de luces LED, alén de elementos decorativos singulares, photocalls, figuras tridimensionais transitables e espazos de gran formato distribuídos por diferentes puntos do municipio.

A xornada comezará ás 18.00 horas coa animación infantil O Elefante Máxico cos seus domadores, que percorrerá as rúas da vila, e continuará, tras o aceso, coa actuación de Antonio Barros.

Este ano, os grandes protagonistas do aceso serán os nenos e nenas de entre 2 e 3 anos da Escola Infantil A Galiña Azul, que participarán neste momento tan especial para dar oficialmente a benvida ao Nadal en Baiona.

O Tren de Nadal, unha das grandes novidades destas festas

Entre as propostas máis salientables desta edición atópase a chegada do Tren de Nadal, que abrirá as súas portas o 21 de decembro no Parque da Palma e permanecerá en funcionamento ata o 6 de xaneiro, Día de Reis. Unha nova atracción pensada especialmente para os máis pequenos e para desfrutar en familia, que será totalmente gratuíta.

A programación infantil complétase con numerosas propostas, entre las que destacan a recepción de Papá Noel e o taller de chapas de Nadal, o percorrido de Papá Noel polas parroquias, os espectáculos de Peter Punk e do Mago Teto, a Festa Infantil de Inchables no Pavillón Municipal de Deportes e os talleres creativos de Nadal.

Outra das citas máis especiais será a celebración das Badaladas de Prefin de Ano infantís, o domingo 27 de decembro, con Mickey e Minnie e a actuación musical de Terapia de Grupo Kids, unha iniciativa coa que o Concello quere ofrecer aos máis pequenos a oportunidade de vivir a súa propia despedida do ano.

Baiona Gaming: unha aposta polo lecer xuvenil

A mocidade tamén terá un espazo protagonista nesta programación coa nova actividade Baiona Gaming, que se celebrará o domingo 13 de decembro durante toda a xornada, en quendas de mañá e tarde.

A proposta incluirá torneos de videoxogos como Mario Kart e Brawl Stars, alén de sesións guiadas de xogos de mesa. As persoas participantes poderán optar a premios consistentes en cheques de compras, nunha iniciativa que busca ofrecer alternativas de lecer, encontro e participación adaptadas aos intereses da mocidade.

Tradición, música e cultura para vivir o Nadal

BaiNadal contará tamén cunha ampla oferta cultural e musical. No Multiúsos de Sabarís poderá visitarse, desde o 11 de decembro ata o 5 de xaneiro, a exposición de Beléns e Microbeléns.

Ademais, do 19 de decembro ao 7 de xaneiro estará dispoñible o Espazo Vintage de máquinas recreativas, con propostas como Pacman, pinball, simulador de coche e futbolín, entre outras, e celebrarase o III Torneo de Futbolín de Nadal.

Os mercados tamén terán un lugar salientable, co Mercado Artesanal de Nadal os días 5 e 6 de decembro na praza do Concello, onde se ofrecerán talleres artesanais, e co mercado ‘Sabarís anda revolto’, o sábado 12 de decembro.

A música tradicional estará presente co Encontro Nacional de Bandas de Música, que contará coa Banda de Música de Infiesto (Asturias) e a Agrupación Musical de Belesar, así como coas actuacións das rondallas de Pontellas e Airiños da Lagoa de Baíña e diferentes concertos de panxoliñas benéficas.

A programación musical e cultural completarase coas actuacións de Los del Barro e A Polémica Banda dos Bechuchos, o concerto de Nadal da Escola de Música Son Beat e unha das propostas máis novas desta edición: o concerto tardeo de ‘La Clandestina‘, de Tonichi & Pacheco, que terá lugar o 24 de decembro, ás 18.00 horas, nos Xardíns da Casa da Navegación.

Badaladas, concertos e a tradicional Cabalgata de Reis

As celebracións para despedir o ano e recibir o 2027 incluirán as Badaladas de Prefin de Ano, o sábado 26 de decembro, coa colaboración de ACEBA, un pasarruas da rondalla Airiños da Lagoa de Baíña o domingo 27 e o concerto do grupo de cordas e voz Baiona Bay, o 2 de xaneiro.

O broche de ouro chegará o martes 5 de xaneiro con la tradicional Gran Cabalgata de Reyes Magos, que percorrerá as rúas de Baiona e culminará coa recepción das súas Maxestades, os Reis Meigos de Oriente na Praza do Concello.

Un Nadal participativo que aposta polo comercio local

O alcalde destacou tamén a importancia da implicación da veciñanza na celebración do Nadal, especialmente a través da IV edición do Concurso de Decoración de Adornos de Nadal con materiais de refugallo, que nesta ocasión contará con 13 participantes; un exemplo magnífico de creatividade local, participación e que contribúe a encher Baiona de ilusión e ambiente festivo ao mesmo tempo que promove a concienciación ambiental.

O Alcalde subliñou que BaiNadal non pretende ser unicamente unha programación organizada desde o Concello, senón unha celebración compartida na que a veciñanza, os centros educativos, as asociacións, os colectivos e o comercio local teñan un papel activo.

Neste sentido, a programación busca tamén dinamizar as rúas, apoiar o comercio e a hostalería e favorecer que Baiona manteña a súa actividade durante toda a campaña de Nadal.

O Concello agradece a colaboración das administracións e entidades que contribúen a facer posible esta programación, especialmente á Xunta de Galicia e la Deputación de Pontevedra, a través de iniciativas como FalaRedes, da Rede de Dinamización Lingüística e o programa +Escénicas, así como o traballo dos servizos municipais, das distintas concellarías, das asociacións, dos colectivos e do tecido comercial e empresarial.

Con BaiNadal 2026-2027, Baiona prepárase para vivir un Nadal cheo de luz, música, tradición e diversión, cunha programación deseñada para compartir, participar e, sobre todo, desfrutar en familia.

Está pasando!