Lois Rivera | SPJ

O festival Outono de Jazz regresa a Pontevedra con catro propostas a pé de rúa

23 Novembro 2026

  • A Praza da Peregrina será o escenario principal de catro concertos gratuítos ás 12:00 horas do 27 e 28 de novembro e 5 e 6 de decembro.
  • En caso de choiva, as actuacións trasladaranse ao Centro Internacional de Creatividade Maruxa Mallo.
  • A iniciativa, promovida polo Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra (SPJ) e Concello de Pontevedra, contará cos tríos liderados por Carla Martínez, Brais Lorenzo, Lois Rivera e Manu Díaz.

O edil de Cultura Demetrio Gómez presentou esta mañá acompañado de Luis Carballo, unha nova edición do festival Outono de Jazz Pontevedra que regresa para ofrecer en novembro e decembro unha programación musical centrada na calidade, a frescura e a versatilidade do jazz actual.

Organizado polo Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra (SPJ) o ciclo traerá á cidade catro propostas no formato de trío que combinan a revisión do clásico, a exploración sonora e novas composicións orixinais. Segundo o edil, “o mellor jazz galego que se pode escoitar hoxe en día, tríos de alumnado e exalumnado do SPJ que podemos atoparnos pola rúa o venres 27, sábado 28, venres 4 e sábado 5 para achegar o jazz ao público e que a xente non diga que é difícil de escoitar”.

Pola súa banda, o coordinador da programación Luis Carballo salientou que este ciclo “é a nosa aportación para levar o jazz á rúa. A xente de Pontevedra está acostumbrada a escoitar jazz de alto nivel pero seguimos aí con músicos locais, de cercanía, que medraron musicalmente en Pontevedra e que desenvolven a súa labor docente e interpretativa por Galiza e levando o jazz galego tamén internacionalmente. É preciso facerlle un pequeno recoñecemento aquí en Pontevedra e contar con eles”.

Presentación do festival Outono de Jazz 2026 | Concello de Pontevedra

Todas as actuacións terán lugar ao aire libre na Praza da Peregrina ás 12:00 horas. Ante calquera inclemencia meteorolóxica, o Centro Internacional de Creatividade Maruxa Mallo acollerá os concertos na mesma data e horario anunciados.

VEN 27/11/26 | CARLA MARTÍNEZ TRÍO

Formación integrada por Carla Martínez Castro (voz), Sunil López (piano) e Yudit Almeida (contrabaixo).

A vocalista Carla Martínez, formada no Centro de Música Moderna de Ponteareas (CEMU) e no Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra baixo a tutela de Paco Charlín, achega unha voz versátil con experiencia en citas como o festival Rock in Rio Tea.

O pianista galego-hindú Sunil López, formado no Jazzcampus de Basilea con mestres da talla de Brad Mehldau, achega a súa linguaxe persoal entre o bebop, o hardbop e o jazz contemporáneo.

A liña de contrabaixo corre a cargo da compositora cubana Yudit Almeida, licenciada na ESMAE do Porto e con traxectoria en festivais como Porta-Jazz ou Canjazz. Xuntos ofrecen unha proposta próxima e rica en matices arredor do repertorio jazzístico.

SÁB 28/11/26 | BRAIS LORENZO TRÍO

O baterista ponteareán Brais Lorenzo lidera esta formación acompañado por Manuel Cebrián á guitarra e Xurxo Estévez ao contrabaixo.

Lorenzo presentará temas do seu primeiro traballo discográfico, titulado ‘Espellos’, unha colección de sete composicións propias nadas da introspección e das súas experiencias durante a súa etapa en Barcelona.

O trío ofrecerá un concerto aberto á improvisación e á exploration sonora que combina estas composicións orixinais con standards clásicos do jazz.

SÁB 05/12/26 | LOIS RIVERA TRÍO

Liderado polo saxofonista coruñés Lois Rivera (nado en 1999 e titulado con matrícula de honra polo Conservatorio Superior de Música da Coruña), o trío compónse xunto ao contrabaixista Miguel Piñeiro e o batería Brais Villar.

Rivera, con experiencia en festivais como o 58º Jazzaldia de Donostia ou o 47º Festival Internacional de Jazz de Getxo e en formacións como a Garufa Blue Devils BigBand, aborda un repertorio que revisita os standards clásicos dende unha visión actual xunto con temas propios.

A complicidade asentada do grupo dende 2019 e a incorporación de Villar en 2021 dotan á banda dun son recoñecible e gran seguridade para a creación espontánea no escenario.

DOM 06/12/26 | MANU DÍAZ TRÍO

A xornada de peche correrá a cargo da banda formada por Manu Díaz (guitarra), Alberto Rial (contrabaixo) e Rubén Iglesias (batería).

Activos dende finais de 2019, este trío destaca por enriquecer o jazz con influencias doutros xéneros como o rock e o flamenco, ofrecendo un directo caracterizado por dinámicas extremas e unha intensa enerxía no escenario.

Está pasando!