Presentación de Momento Calma Conversas 2026 | Concello de Pontevedra

Pontevedra acollerá Momento Calma Conversas, un encontro en formato reducido para falar de menopausa sen tabús

9 Novembro 2026

O próximo sábado 21 de novembro, Pontevedra acollerá Momento Calma Conversas, un encontro de pequeno formato que dará continuidade ao primeiro Foro da Muller e o Benestar na Perimenopausa e Menopausa, celebrado na cidade en novembro de 2025. Esta nova cita servirá de antesala á próxima edición de Momento Calma en 2027.

Baixo o lema «Vivir con Calma. Un diálogo sen tabús», a iniciativa que foi presentada esta mañá por Ana Fernández de Momento Calma e a Concelleira Anabel Gulías, busca visibilizar esta etapa vital, sensibilizar sobre a súa importancia e abordar as principais necesidades das mulleres desde diferentes perspectivas da saúde, a sexualidade e o benestar emocional.

O encontro contará coa participación da doutora Laura González, especialista en Xinecoloxía e Obstetricia e experta en menopausa; Raquel Graña, psicóloga e sexóloga; e Isa Villanueva, comunicadora e creadora de contido especializada en beleza, benestar e estilo de vida. A conversa estará moderada pola actriz e comunicadora Lucía Veiga, presidenta da Academia Galega do Audiovisual.

A diferenza dos formatos tradicionais de conferencias, Momento Calma Conversas aposta por unha xornada dinámica e participativa, na que as asistentes terán un papel protagonista. Tras unha primeira conversa entre as participantes, abrirase o espazo «Agora falamos todas», no que o público poderá compartir preguntas, experiencias, reflexións e inquietudes nun ambiente próximo e sen tabús.

A xornada terá lugar no Espazo Cinco Urracas, nos soportais da Ferrería, entre as 10:30 e as 13:30 horas e rematará cun encontro informal arredor dun café, pensado para favorecer a conexión e o intercambio de experiencias entre mulleres e profesionais.

O Concello de Pontevedra participa como entidade Patrocinadora Principal desta edición, apoiando unha iniciativa que contribúe a dar visibilidade á saúde e ao benestar das mulleres, promover o acceso á información e abrir espazos de diálogo e participación arredor dunha etapa vital que aínda precisa de maior recoñecemento social.

Con esta nova iniciativa, Momento Calma continúa consolidándose como unha plataforma de coñecemento, conversa, comunidade e experiencias arredor da perimenopausa e a menopausa, mantendo a Pontevedra como un dos seus principais puntos de encontro.

A participación é gratuíta e limitada a 50 prazas, con inscrición previa, que pode realizarse a través da web momentocalma.es

Está pasando!