Presentación do ‘Nadalízate’ 2026 | Concello de Vilagarcía de Arousa

Vilagarcía presenta 45 días de propostas lúdicas, culturais e de dinamización para as festas máis entrañables do ano

21 Novembro 2026

  • Vilagarcía está a piques de entrar na época máis entrañable do ano, o Nadal, e o Concello xa ten todo listo para que a veciñanza poida gozar por todo o alto destas esperadas festas.
  • O ‘Nadalízate’, nome co que a cidade personaliza a programación destas datas dende hai anos, comprense unha ampla axenda de actividades, con actos lúdicos e culturais para todo tipo de público, que se celebrarán entre o 27 de novembro e o 10 de decembro
  • E por suposto, contará con propostas de animación e dinamización da actividade económica.

O alcalde, Alberto Varela, salientou que o Nadal de Vilagarcía é unha celebración singular, con eventos e actos propios que non se fan en ningún outro lugar, e que, ademais, conta cunha das programacións máis variadas e extensas de Galicia. “Son 45 días nos que haberá actividades e dinamización, e nos que queremos que toda a cidadanía se empape de alegría e se contaxie da ilusión con que os nenos e nenas viven estas máxicas datas”.

8.000 metros de parque de atraccións cuberto e con pista de xeo natural

Aínda que xa o día 26 de novembro haberá no Auditorio a representación do ballet ‘O lago dos cisnes’ por parte da International Ballet Company, a programación municipal propiamente dita comeza ao día seguinte coa inauguración do Fexturrón.

O maior parque baixo cuberto do Nadal (8.000 metros cadrados) volverá contar cunha pista de patinaxe con xeo natural, ademais doutras 15 atraccións, espectáculos e animación ata o 10 de xaneiro. O rexedor referiuse ao éxito de público que ten o e vento cada ano, tendo superado os 50.0000 visitantes na pasada edición.

A multitudinaria festa de prendido da árbore da Praza de Galicia e do resto iluminación decorativa celebrarase, como estaba previsto dende hai meses, o sábado 28 de novembro. Como xa ven sendo habitual, contarase coa visita de Papa Noel e das personaxes do Nadal vilagarciá, os elfos Rodelfo e Adelfa. Varela lembrou o momento especial que se vive dende neste evento cando se canta o que xa é o himno oficial da celebración, o “En Vilagarcía xa é Nadal”.

En relación á iluminación de rúas, o rexedor comentou que “mentres hai a quen lle parece excesivo o gasto que facemos, o certo é que a veciñanza pide máis, e resulta imposible chegar a todos os lugares do municipio con recursos que temos”. Malia todo, Varela lembrou que o Concello complementa a decoración eléctrica de noite cos xardíns efémeros en distintos puntos da cidade, que tamén contribúen a crear ambiente e que as rúas luzan tamén polo día. Neste punto, asegurou que haberá algunhas sorpresas con novos elementos decorativos.

Despois do éxito da pasada edición, a Aldea e o Mercado de Nadal regresan á rúa Clara Campoamor do 18 de decembro ao 5 de xaneiro. Repetirá a ambientación inspirada no ‘Christmas Carol’ de Charles Dickens e incluirá actuacións e dinamización que se estenderá a outras rúas comerciais e zonas hostaleiras.

O concelleiro de Promoción Económica e Xuventude, Álvaro Carou, engadiu que as actividades infantís da Aldea de Nadal (obradoiros de cociña Nadalchef e espectáculos) desenvolveranse este ano no Salón García.

Seguindo a liña de descentralización da oferta cultural que segue o goberno local, celebrarase outra edición do Nadal nas Parroquias. Nesta ocasión, os espectáculos infantís representaranse en 14 centros socioculturais do municipio.

A cativada tamén poderá asistir aos contacontos e obradoiros que se van celebrar na Biblioteca Municipal no marco do programa ‘Entre libros anda o conto’.

Ademais da decoración e ambientación de rúa, co obxectivo contribuír a incentivar o gasto no comercio e na hostalaría locais, á vez que axudar ás economías domésticas a aforrar un pouco nas compras de Nadal, o Concello reedita os bonos ‘Son da Casa!’ A nova campaña abrirase o 1 de decembro e terá as mesmas características que as anteriores.

Dentro desta liña de apoio ao sector comercial e como incentivo, tamén se convocou unha nova edición do Concurso de Escaparates de Nadal, con premios en metálico para as tres mellores propostas. E para dinamizar a Praza de Abastos, a maiores da decoración específica das instalacións, o mercado público será escenario de obradoiros de cociña e de decoración de mesas de Nadal.

O ano volverá entrar de forma anticipada en Vilagarcía cunha multitudinaria Festa da Toma das Uvas no mediodía do 31 de decembro, unha celebración que, dende hai un tempo, se ven alargando cun animado e concorrido “tardeo” nas zonas de viños da cidade, como advertiu o rexedor.

A concelleira de Cultura, Sonia Outón, fixo especial fincapé na Cabalgata de Reis, un evento máxico para a cativada e a poboación adulta na que o seu departamento pon especial atención e cariño. Os preparativos xa se iniciaron hai case dous meses dada a loxística que precisa un dos eventos máis importantes de Galicia, no que participan cada ano arredor de 500 persoas.

A edil avanzou que en poucos días abrirase o prazo para que os nenos e nenas que desexen ir a bordo das carrozas reais poidan inscribirse. Os colectivos que conforman o séquito que acompaña aos Reis xa está organizado.

Por último, atendendo ás necesidades de conciliación das familias durante as vacacións escolares, a concellería de Xuventude organiza un campamento urbano de Nadal.

Está pasando!