Fotograma de ‘As augas’

‘As augas’, primeira longametraxe de Ledicia Sola, abrirá o festival Novos Cinemas

19 Novembro 2026

‘As augas’ inaugurará o festival o 8 de decembro en Afundación, mentres que ‘Todo é cárcere’, premiada no FIDMarseille e na Seminci, pechará a 11ª edición o día 12 nos cines de Pontevedra (Cinexpo)


A 11ª edición de Novos Cinemas abrirá e pechará a súa programación con dúas películas galegas que representan momentos distintos da creación cinematográfica.

‘As augas’, primeira longametraxe de Ledicia Sola, inaugurará o Festival Internacional de Cinema de Pontevedra, mentres que ‘Todo é cárcere’, o novo traballo de Eloy Enciso, será a película de clausura. A elección reúne o debut dunha cineasta cunha extensa traxectoria nas artes escénicas e o regreso dun director estreitamente vinculado á historia do festival, cuxa última obra vén de recibir importantes recoñecementos internacionais.

A inauguración celebrarase o 8 de decembro, ás 21.00 horas, en Afundación, mentres que a clausura terá lugar o 12 de decembro, ás 20.00 horas, nos cines de Pontevedra (Cinexpo), que acollerán esta sesión ante a falta de dispoñibilidade do teatro nesta edición.

Fotograma de ‘As augas’

Ledicia Sola inaugura o festival con ‘As augas’

Tras o seu paso pola Seminci e Cineuropa, ‘As augas’ chegará a Novos Cinemas como primeira longametraxe da actriz, guionista e directora Ledicia Sola.

A película conta a historia de Nora, que atravesa unha crise persoal e regresa ao manancial da súa infancia coa esperanza de atopar nas súas augas unha forma de curación. Acompañada polas súas amigas Antía e Marta, emprenderá unha viaxe que acabará por transformar as súas vidas e levalas a construír unha nova idea de familia.

Formada na RESAD, Ledicia Sola desenvolveu unha ampla carreira no teatro, no cinema e na televisión. Gañadora do Premio Mestre Mateo pola súa interpretación en ‘Os fenómenos’ e finalista por ‘Malencolía’, mantén unha estreita relación coa creación escénica independente, onde combina a escritura, a dirección e a interpretación.

Con ‘As augas’, traslada esa experiencia á dirección cinematográfica e sitúa a amizade, os coidados e os vínculos afectivos no centro do seu primeiro filme.

Fotograma de ‘Todo é cárcere’

Eloy Enciso regresa a Novos Cinemas con ‘Todo é cárcere’

A clausura estará protagonizada por ‘Todo é cárcere’, a nova película de Eloy Enciso, distinguida co premio á mellor película no FIDMarseille e co Premio DOC. España na Seminci. O cineasta galego, que xa participou en anteriores edicións de Novos Cinemas, regresa a Pontevedra tras o paso do filme por festivais como ABYCINE e Cineuropa.

A película segue a Isa, unha fotógrafa que percorre o país documentando espazos vinculados á represión franquista. A través da súa investigación emerxe a historia de Carmen e Ángel, dous amantes separados pola guerra, ata que unha morte familiar obriga a protagonista a interromper a viaxe e afrontar unha herdanza pendente.

Producida por Filmika Galaika e Umbracle Cine, ‘Todo é cárcere’ combina ficción e documental para achegarse á memoria dos vencidos, dando continuidade á exploración das relacións entre cinema, historia e memoria que caracteriza a filmografía de Enciso.

As entradas estarán dispoñibles en Ataquilla a partir do venres 27 de novembro.

Novos Cinemas está organizado pola Asociación Cultural e Cinematográfica Novos Cinemas e producido por Matriuska Producciones. Conta co financiamento do Concello de Pontevedra, a Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia (AGADIC) e o Ministerio de Cultura (ICAA).

Está pasando!