Unha mostra do mellor jazz e blues do mundo fará da Ferraría o seu fogar coa volta do Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra

19 Xullo 2022

  • A cidade recupera o formato libre e de gran tamaño cunha serie de concertos de evidente relevancia a celebrar entre o 20 e o 24 de xullo
  • A edición deste ano amosa un firme carácter feminino grazas á presencia de tres compositoras e instrumentistas da altura de Andrea Motis, Ida Nielsen e Samantha Fish

Cumprindo 28 anos neste 2022, e logo de dous anos sen poder ser celebrado, o Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra volve a súa casa, unha praza da Ferraría que contará cun escenario preparado para acoller algúns dos nomes máis relevantes do jazz e o blues actual da man de André B. Silva (The Guit Kune Do), Andrea Motis, Jeffery Davis, Ida Nielsen e Samantha Fish.

Logo da crise sanitaria provocada pola pandemia e as lóxicas dificultades de produción que chegaron con ela, Pontevedra poderá volver gozar, entre o 20 e o 24 de xullo, dunha serie de concertos de primeiro nivel, que este ano, ademais, terán un marcado carácter feminino coa presencia de até tres mulleres na programación oficial, compositoras e instrumentistas, posuidoras dun currículo impresionante, ao traballaren no pasado con reputados artistas como Quincy Jones — no caso de Andrea Motis— ou con Prince —no caso de Ida Nielsen.

Todos os concertos serán de balde, e alén da presencia de músicos internacionais, tamén haberá melodías executadas por músicos galegos, como é o caso de The Guit Kune Do, onde Virxilio da Silva estará presente. Doutra banda, e seguindo unha xa case tradición, o jazz pola rúa chegará da man da Street Band Chivinjazz, que pasearán e tocarán polo centro da cidade ás 12:30 e ás 20:00 horas.

«Chega unha cita que xera moitísima expectación e que volve con toda a súa intensidade na 28 edición do Festival Internacional de Jazz e Blues», sinalou a concelleira de Festas, Carme da Silva, na presentación realizada esta mañá de venres. «Tivemos formatos e ocos para o jazz e o blues ao longo dos dous últimos veráns, pero en formatos máis reducidos, e quedou demostrado que podiamos ter concertos fabulosos, cos músicos locais e galegos, quedou patente a calidade musical da cidade; mais o festival é internacional, e así recuperamos ese carácter sen restricións».

«Van ser cinco días de actuacións no corazón da cidade de Pontevedra, todos comezarán ás 22.30 horas e tanto polas mañás como polas tardes gozaremos ao poder atoparnos pola rúa cos pasarrúas da Street Band Chivinjazz», comentou a edil. «En todo caso, é unha alegría estar hoxe presentando aquí este festival e ademais facelo de dúas persoas que están detrás desta cita, como son Paco Charlín e Alberto Lastres».

Charlín indicou a felicidade que sentía derivada da volta do festival, e a recuperación do seu carácter «internacional», ao tempo que definía aos artistas que neste participarán como «estrelas». Pola súa banda, Lastres incidiu na «ledicia enorme» que lle produce a recuperación da cita e «facelo no formato da praza da Ferraría, un formato que é o que merece un festival con esta historia, como é o noso».


CONCERTOS

Praza da Ferraría / 22.30 h / Entrada gratuíta

  • Mércores 20/07. JEFFERY DAVIS QUARTET
  • Xoves 21/07. ANDRÉ B. SILVA ‘THE GUIT KUNE DO’
  • Venres 22/07. ANDREA MOTIS
  • Sábado 23/07. IDA NIELSEN
  • Domingo 24/07. SAMANTHA FISH

JAZZ POLA RÚA

Do mércores 20 ao domingo 24 de xullo, ás 12:30 e ás 20:00 horas

  • STREET BAND CHIVINJAZZ


JEFFERY DAVIS QUARTET

  • Mércores 20 de xullo / Praza da Ferraría / 22.30 h / Entrada gratuíta

“…un excitante solista con unha persoalidade aberta e gañadora…”

Phill Wilson (Berklee College of Music)

Empeza a estudar música dende moi novo, empezando primeiro coa percusión, Conservatory Calouste Gulbenkian, Escola Superior de Música e Artes do Espectáculo (ESMAE), Berklee College of Music, onde neste último consegue ser un dos mellores estudantes da escola. Recibe varios recoñecementos como; The Award for Most Active Mallet Player, Academic Excellence Dean of Curriculum, IAJE (International Association for Jazz Education) The Award for Outstanding Musicianship.

Nos Estados Unidos ten a oportunidade de traballar con Alex Terrier, Dave Liebman, Dave Samuels, Gary Burton, Hal Crook, Joe Lovano, Michel Camilo, Phil Wilson, Roswel Rudd, Steve Swallow, Terrence Blanchard, Victor Mendoza. En Europa ten tocado tamén con Anders Christensen, Carlos Barretto, Daniel Bernardes, Darren Barrett, André Fernandes, Jaume Llombart, Javier Vercher, Marc Miralta, Michael Lauren, Myron Walden, Perico Sambeat, Sérgio Carolino.

Como compositor ten escrito música para Kinetix Duo; Flux Ensemble; XL Trio; Drumming – Group Percussion; Quad Quartet.

​O que fai que cada un dos seus proxectos sexan únicos é a sonoridade que consegue no vibráfono, as súas habilidades creativas como compositor e un coñecemento do jazz que revelan unha complexidade técnica, abarcando exploración e exhibición individual e colectiva do grupo. As composicións escritas por Jeffery Davis neste ensemble teñen unha gran influencia pola música de cámara, os ritmos tradicionais e a sofisticación harmónica do jazz moderno.

Formación:

  • Jeffery Davis; vibráfono
  • José Soares; saxo alto
  • Demian Cabaud; contrabaixo
  • Marcos Cavaleiro; batería


ANDRÉ B. SILVA ‘THE GUIT KUNE DO’

  • Xoves 21 de xullo / Praza da Ferraría / 22.30 h / Entrada gratuíta

Na súa máis recente aventura, o guitarrista e compositor André B. Silva, xunta cinco mestres guitarristas do Porto e da Galiza, un baixista e un baterista para proseguir a súa busca por sonoridades e lóxicas menos exploradas. O Jazz máis tradicional, depurado nos dous anos que pasou en New York, forman como a súa escrita desafía as máis dogmáticas clasificacións, apropiándose de unha série de linguaxes que moldan a moderna música popular, para as deconstruir e incorporar en orixinais.

O resultado é The Guit Kune Do, unha ode ao seu instrumento, mais tamén aos ritmos mainstream do final do século XX. As influencias do Jazz, do Funk, do Hip-Hop e do Rock están ben presentes na súa sonoridade, que tornan a utilización das cinco guitarras nun auténtico doce auditivo. Un entusiasmánte festival de música que é ao mesmo tempo enerxético e introspectivo; que agrada tanto ao público sentado que pretende viaxar nas construccións melódicas e harmónicas do grupo, como ao público de pé que se quere perder na parede sonora das cinco guitarras.

Co primeiro álbum editado en Novembro de 2020 pola consagrada Carimbo Porta-Jazz, The Guit Kune Do ten gañado o entusiasmo e o apoio de público e críticos ao longo destes últimos anos.

Resumidamente, The Guit Kune Do é un proxecto en que André B. Silva mixtura distintas influéncias con moi bo gusto e elegancia. Ademáis, as súas composicións son executadas de forma fantástica polo ensemble que reuniu, revelando unha forte química e sincronismo entre os músicos que conquistan rapidamente ao ouvinte.”

Formación:

  • André B. Silva; guitarra e composición
  • António Pedro Neves AP; guitarra eléctrica
  • Eurico Costa; guitarra eléctrica
  • Virxílio da Silva; guitarra eléctrica
  • Francisco Rua; guitarra eléctrica
  • João Próspero; baixo eléctrico
  • Diogo Silva; batería


ANDREA MOTIS

  • Venres 22 de xullo / Praza da Ferraría / 22.30 h / Entrada gratuíta

Andrea Motis (Barcelona, 9 de maio de 1995) —cantante, compositora, trompetista e saxofonista— é unha das artistas de jazz españolas de maior proxección internacional. Canta desde os tres anos, pero a súa formación musical comezou aos sete, na Escola de Música de Sant Andreu (Barcelona), integrándose pronto, aos once anos, na Sant Andreu Jazz Band. Aos doce, empezou a colaborar co seu mentor e descubridor artístico, Joan Chamorro, e protagonizou, xunto a outros mozos músicos, a película documental A film about kids and music, desenvolta a partir do exitoso experimento, ideado polo propio Chamorro, que consistía na formación dunha big band infantil integrada por alumnos da súa escola para interpretar un repertorio de jazz clásico, xunto a músicos xa consagrados como Wycliffe Gordon, Terell Staford, Jesse Davis ou Ricard Gili.

Aos catorce anos, Motis gravou o seu primeiro disco de standards, Joan Chamorro presenta Andrea Motis, ao que seguiu, en 2012, outro álbum titulado Feeling Good.

Con só dezaseis anos foi convidada por Quincy Jones para formar parte do seu grupo Quincy Jones & The Global Gumbo All Stars no Festival de Perelada, unha das citas imprescindibles dos veráns musicais en España.

Tras a importante repercusión dos seus primeiros discos, chegou o seu primeiro lanzamento mundial, Emotional Dance (2017) no selo Impulse! e, posteriormente, Do outro lado do azul (2019), en Verve, o que a converteu na primeira artista española en publicar baixo estes dous selos emblemáticos da historia do jazz.

En Emotional Dance debutou como compositora, con dous temas en inglés e outro instrumental.

En 2021 lanzou o seu terceiro disco Colors & Shadows, tamén cun importante impacto entre crítica e público.

Ao longo da súa carreira, Andrea colaborou con artistas lendarios como o xa citado Quincy Jones, e tamén con estrelas como Omara Portuondo, Milton Nascimento, Gil Goldstein, Scott Hamilton ou Yo-Yo Ma, con quen interpretou a dúo no seu último álbum “El cant dels ocells”, unha das composicións máis recoñecidas do músico catalán Pau Casals.

Deu concertos nalgúns dos certames e escenarios máis significativos do jazz mundial, como o Tokyo Jazz Festival, Jazz at Lincoln Center de Nova York, Jazz à Vienne, Blue Note Japan, Auditorio Nacional de Música de Madrid, Festival de Jazz de Barcelona ou o Palau da Música de Barcelona.
Loopholes é o novo proxecto autoeditado de Andrea Motis. Foi estreado no Festival Guitar BCN de Barcelona e no Auditorio Nacional de Música de Madrid o pasado mes de maio. Neste disco, a artista optou polo risco, explorando e mesturando sonoridades que sempre estiveron entre as súas preferencias e influencias musicais máis recoñecibles, como o funk, o jazz eléctrico e o neo-soul.

Andrea Motis conta que o seu obxectivo foi crear un son característico que dese fío ao álbum. Para iso, nutriuse de diversas inspiracións: desde os loops de Robert Glasper ou o son californiano de Jack Johnson, a Fats Waller e o seu “Honeysuckle Rose”, o blues ou, mesmo, o folclore latinoamericano, plasmado na súa persoal versión da coñecida cumbia “El Pescador”.

O álbum contou coa colaboración de Christoph Mallinger e Steph Kondert como coprodutores e foi gravado xunto a unha formación excepcional: ademais dos mencionados Mallinger (guitarra, violín e mandolina) e Kondert (baixo eléctrico), Andrea contou coa axuda do teclista xaponés, residente en Nova York, Big Yuki e coa colaboración de Gregory Hutchinson á batería, de Zé Luís Nascimento á percusión, e de Raja Kassis á guitarra.

Formación:

  • Andrea Motis; voz, trompeta
  • Christoph Mallinger; violín, mandolina, guitarra
  • Laurent Coulondre; teclados
  • Steph Kondert; baixo eléctrico
  • Miquel Asensio; batería


IDA NIELSEN

  • Sábado 23 de xullo / Praza da Ferraría / 22.30 h / Entrada gratuíta

Naceu en 1975 en Dinamarca e comezou a tocar o baixo aos dezaseis anos. Entre 1993 e 1998 estudou na prestixiosa Royal Danish Academy of Music, especializándose en baixo eléctrico, pero formándose para chegar a converterse nunha futura multiinstrumentista.

Desde sempre foi unha namorada do funk, o hip hop e o jazz, o que a levou a colaborar activamente con bandas como os belgas Zap Mama ou os daneses Michael Learns to Rock, pero sen dúbida, a súa introdución ao mundo da música mainstream e aos grandes escenarios e circuítos produciuse da man de Prince, quen a recrutou en 2010 para formar parte de The New Power Generation, a banda que o acompañaba sempre nos seus concertos e gravacións.

A oportunidade que se lle presentou era á vez complexa e esixente porque, como é sabido, nos espectáculos do Xenio de Minneapolis había compoñentes de performance, de danza,de interpretación e de coros a cargo dos integrantes da banda.

A partir de 2012, unha parte dos compoñentes de The New Power Generation, entre eles Ida Nielsen, optaron por levar adiante un proxecto persoal, formando un cuarteto de funk rock con son contundente e estética agresiva, que en certos momentos lembraban a bandas como Red Hot Chilli Peppers ou Living Colour.

Pero entre este vórtice de colaboracións, xiras e gravacións, Nielsen tamén tivo tempo para labrarse unha máis que interesante carreira en solitario, lanzando varios singles e catro álbums editados ata a data: Marmelade (2007), no que aparecía co nome artístico de Bassída (tamén foi coñecida como Bass Ida ou Ida Funkhouser); Sometimes a girl needs some sugar too (2011), Turnitup (2016), que dedicou á memoria do seu descubridor ante o gran público, Prince, tristemente falecido ese mesmo ano, e Time 2 stop worrying (bout the weird stuff) (2019).

O estilo que mostra nos seus traballos oscila entre o rhythm and blues moderno, o neosoul, o funk e o hip hop. Ademais de intérprete, é unha espléndida compositora e vocalista. O funk e o slap predominan nunha linguaxe musical moi propia e recoñecible, aínda que tamén se perciben moitos outros toques, en especial de jazz e rock, converténdoa nunha das máis importantes artistas femininas da escena musical europea actual.

Formación:

  • Ida Nielsen; baixo e voz
  • Kuku Agami; rap
  • Oliver Engqvist; voz de guitarra
  • Jacob Elvstrøm; saxofón e voz
  • Patrick Dorcean; batería e electrónica


SAMANTHA FISH

  • Domingo 24 de xullo / Praza da Ferraría / 22.30 h / Entrada gratuíta

Samantha Fish é unha cantante, compositora e guitarrista norteamericana. Naceu e creceu en Kansas City, cidade na que segue vivindo. Empezou a tocar a guitarra sendo unha adolescente, e as súas primeiras influencias foron os Rolling Stones, Tom Petty e algúns dos máis importantes bluesmen, como Stevie Ray Vaughan, Son House e Skip James, pero tamén adoitaba escoitar propostas máis eclécticas como as de Tom Waits ou Leonard Cohen.

O seu dominio absoluto da guitarra permítelle manexarse no escenario co único acompañamento dun batería e un baixista. Con esta formación, o Samantha Fish Blues Band, gravou en 2009 un primeiro álbum autoeditado, Live Bait, cuxo éxito entre o público permitiulle ser fichada polo selo especializado en blues Ruf Records, con quen publicou en 2011 o seu álbum Runaway, co que conseguiu en 2012 o Blues Music Award á mellor nova artista de blues.

En 2013, Samantha Fish gravou o seu segundo álbum en solitario, tamén con ese mesmo selo, que titulou Black Wind Howlin, logrando redondear un traballo repleto de grandes cancións de blues eléctrico do máis enerxético.

No ano 2015, lanzou Wild Heart, un álbum no que desenvolveu acentos máis intimistas, máis sustentado nas súas raíces que o precedente.

En 2019 publicou Kill or Be Kind, un traballo que recollía as súas aprendizaxes anteriores e propoñía un esbozo do que foi máis recentemente o seu último lanzamento, Faster, un disco que lanzou a súa carreira a uns límites descoñecidos. Foi producido por Martin Kierszenbaum (habitual produtor de figuras de talla mundial como Lady Gaga, Sting ou Sheryl Crow, entre outros) e contou coa participación do batería Josh Frees, que tamén o foi de bandas como Guns&Roses ou Nine Inch Nails, e do baixista Diego Navaira (The Last Bandoleros). O resultado é un traballo redondo, dotado dunha forza descomunal, apoiado en ritmos moi viscerais e cun traballo vocal profundo e á vez elegante, co que quixo trasladar ao público –nas súas propias palabras– a idea central do necesario que resulta tomar as rendas da propia vida.

Entre as súas influencias actuais máis destacadas, Samantha Fish cita sen dubidar a certos “heroes do blues do Norte do Mississippi”, como R.L. Burnside (debido a que segue vivindo na súa cidade natal Kansas City, estado de Missouri, o blues e o R&B son unha referencia constante na súa vida e na súa carreira), pero tamén menciona a outra clase de músicos, iconoclastas, rebeldes, salvaxemente innovadores e dominadores absolutos do escenario, como Prince, porque, como ela mesma di, unha das maiores alegrías de facer música é o poderoso intercambio de enerxía que consegue co público nos seus incendiarios shows en vivo.

Formación:

  • Samantha Fish; guitarra eléctrica e voz
  • Ron Johnson; baixo
  • Matt Wade; teclados
  • Sarah Tomek; batería

Está pasando!