Presentación da XIII Festa do Viño de Vilaboa 2026 | Concello de Vilaboa

Vilaboa celebrará a XIII Festa do Viño os días 8, 9 e 10 de maio cun guiño especial aos produtos do mar

24 Abril 2026

  • A xornada “Entre mareas e cepas” reunirá voces científicas e profesionais para analizar o futuro do marisqueo e da viticultura
  • As pregoeiras desta edición serán ‘Sobria y Serena’, o dúo formado por Jazmín Abuín e Arantxa Treus
  • A Festa do Viño 2026 contará coa participación de cinco viticultores e tres adegas do municipio, ademais de postos de artesanía e gastronomía

A adega Os Areeiros acolleu esta mañá a presentación da Festa do Viño de Vilaboa 2026, que se celebrará en Riomaior os días 8, 9 e 10 de maio.

O alcalde, César Poza, e a concelleira de Promoción Económica, Carmen Gallego, explicaron que esta edición incorpora un guiño especial aos produtos do mar, despois de que o sector marisqueiro renunciase este ano ao seu evento propio pola situación de precariedade que atravesa. Ambos coincidiron en que é necesario “acompañar ao sector e facer visible un momento especialmente delicado para as familias que viven do mar”.

A programación abrirase o venres 8 de maio ás 17:00 horas na Casa da Cultura de Riomaior coa xornada “Entre mareas e cepas”, un encontro que busca poñer en diálogo dous piares da economía local: o marisqueo e a acuicultura de mexillón, por unha banda, e a viticultura, pola outra.

A primeira das mesas abordará a situación actual dos cultivos de bivalvos e os seus retos de futuro, coa participación de Elsa Vázquez Otero, catedrática da Universidade de Vigo; José M. Fernández Babarro, científico do IIM-CSIC; e José Manuel Parada Encisa, consultor en pesca artesanal e marisqueo. A sesión incluirá cun coloquio aberto ao público.

A segunda mesa centrarase na innovación e sustentabilidade do viñedo, reunindo profesionais da enxeñaría agrícola, da investigación e da produción vitivinícola. Intervirán Juan Carlos Vázquez Abal, técnico da EVEGA; Tamara Canle García e Ángela Yusta Álvaro, de Paco & Lola; e Cristina Carrera, asesora técnica en viticultura. A xornada pechará ás 19:00 horas, momento no que se abrirán as casetas da festa.

A Festa do Viño 2026 contará coa participación de cinco viticultores e tres adegas do municipio, ademais de postos de artesanía e gastronomía que completarán a oferta durante toda a fin de semana. Entre as propostas culinarias destacan o Bar O Chancho, a Pulpería Selecta, Ostras Tito e a Pastelería Os Laranxos. A organización tamén programou actividades para público familiar, con inchables, obradoiros e xogos tradicionais ao longo do sábado e do domingo.

As pregoeiras desta edición serán ‘Sobria y Serena’, o dúo formado por Jazmín Abuín e Arantxa Treus, que darán inicio oficial á festa cun pregón marcado polo humor e a retranca. O sábado pola tarde celebrarase un showcooking a cargo de Chicolino Eventos, no que se elaborarán en directo dúas receitas que unen mar e viño: un pinchiño de vieira mariñada con viño de Vilaboa e un tiradito de lubina en salsa verde.

A música volverá ter un papel destacado ao longo da fin de semana. O venres actuarán as bandas de música de Bueu e de Vilaboa. O sábado, a Mekánica Rolling Band animará o mediodía e o grupo A Roda será o encargado da actuación nocturna. O domingo pechará a programación Mallou, nun concerto previsto para o mediodía.

As casetas permanecerán abertas o venres de 19:00 a 00:00 horas; o sábado de 11:00 a 17:00 e de 19:00 a 00:00 horas; e o domingo de 11:00 a 17:00 horas. As copas terán un prezo de 3 euros en concepto de depósito, que será devolto ao entregar a copa co seu tícket.

A organización destaca que esta edición pretende reforzar a identidade de Vilaboa como territorio que vive do mar e da terra, e que aposta por poñer en valor ambos sectores nun momento no que a colaboración e o apoio institucional resultan fundamentais.

Está pasando!