Orquesta Kubo

As orquestras Capitol e Kubo, primeiras confirmacións para as festas de Santa Rita de Vilagarcía

16 Abril 2026

  • O xénero da verbena volverá estar presente este ano nas festas de Santa Rita, e farao con dúas das mellores orquestras de Galicia: Kubo e Capitol.
  • As formacións amenizarán as veladas do xoves 21 e do venres 22 de maio respectivamente, con sendas actuacións na avenida da Mariña. Dous grandes espectáculos de diferente rango para cumprir cos gustos de todo tipo de espectadores.

Kubo é unha formación do novo estilo, que combina a interpretación de temas musicais con vistosas coreografías a cargo do seu corpo de baile. Non se definen como orquestra, senón como un grupo que mantén a esencia da verbena “dende outro punto de vista”. Creada hai 10 anos en Pontevedra, a agrupación está integrada por cinco cantantes (mulleres e homes), cinco bailaríns e bailarinas, e seis músicos. O espectáculo do 21 de maio comezará ás 22:30 horas.

A orquestra Capitol, de Santiago, celebra este ano o seu 40 aniversario. Cunha estrutura máis tradicional, composta por catro cantantes (voces masculinas e femininas) e nove músicos, o seu repertorio inclúe un amplo abano de xéneros, con temas de actualidade que animan ao baile. A calidade musical é a principal característica da formación que conta con varios traballos discográficos. A súa actuación do día de Santa Rita, será ás 21:30 horas, para enlazar co remate da procesión.

Con esta proposta, a Concellería de Cultura de Vilagarcía de Arousa, que dirixe Sonia Outón, segue apostando polo sector musical galego da verbena e por manter a tradición das nosas festas populares. Nas vindeiras semanas darase a coñecer o contido íntegro do programa das celebracións na honra de Santa Rita 2026.

Está pasando!