Presentación de Ambienta 2026 | Concello de Pontevedra

A 9ª edición da Mostra Internacional de Cinema LGTBIQ+ de Pontevedra ‘Ambienta’ celebrarase na Facultade de Belas Artes

17 Abril 2026

  • A colaboración da Universidade de Vigo na cesión deste espazo posibilitou a celebración do festival que haitualmente ten lugar no Teatro Principal, pechado por obras.
  • O evento terá lugar os días 7, 14, 21, 28 e 29 con entrada libre e contará entre a súa variada programación con 4 longametraxes, 3 curtas e un videoclip.
  • Cineclube Pontevedra, FIC Bueu, Avante LGTBIQ+ Pontevedra, Pinto e Maragota e Feroz colaboran activamente na selección da programación que achegará entre os seus filmes, dúas estreas absolutas en Galicia: ‘Nueve Lunas’ e ‘Ivan and Hadoum’
  • Figuras coma Samanta Hudson, Xoán Forneas ‘O Xoán’ ou Tania Media e Alba Loureiro, autoras de ‘Pasando los días’, participaran nos diferentes encontros.
  • A festa de clausura terá lugar en ‘La Verbena’ coa música de DJ Beti de la Church o venres 29 a partir das 22.00h.

O edil de Cultura Demetrio Gómez presentou a que será a 9ª edición de Ambienta, a Mostra Internacional de Cinema LGTBIQ+ de Pontevedra, que terá lugar os días 7, 14, 21, 28 e 29 de maio. Estivo acompañado da vicerreitora do Campus de Pontevedra, Eva Lantarón, en representación da Universidade de Vigo que, coa cesión do Salón de Actos de Belas Artes facilitou a celebración do evento logo do peche do Teatro Principal.

Lantarón salientou que esta colaboración “é o xeito que temos de devolver a xenerosidade do Concello coas cesións do Teatro Principal para acoller parte da nosa programación, como é o Concerto de Primavera que tiña lugar no momento do suceso ou a Miteu que se vai celebrar a próxima semana no Pazo da Cultura. Somos institucións irmás, damos apoio cando máis preciso é.

Ante a adversidade a cultura non se detén e a nosa universidade sempre será acubillo para ela. Este ano acolleremos a mellor produción audiovisual queer, que encaixa perfectamente cos valores do noso Campus Crea. Cremos nun cinema que, como a educación, remexe conciencias e celebra as nosas realidades”.

O edil Demetrio Gómez, logo de agradecer “esta cesión sen a cal teriamos grandes problemas para celebrar Ambienta” apuntou que “Ambienta é un proxecto que achega mediante o audiovisual unha reflexión sobre as situacións que vive o colectivo na súa vida cotiá e que este ano ano dá un salto espectacular e convértese nun festival de primeira orde que quere reclamar o seu espazo xa non só en Pontevedra, senón na programación de todo o país e eu diría incluso de fóra das fronteiras de Galicia”.

“Este ano recibimos no Ambienta unhas cantas personalidades que lle van dar prestixio: Tania Medina e Alba Loureiro creadoras de ‘Contando los días’ que se vai proxectar o 7 de maio cun posterior coloquio con Eva Mejuto. O día 21 logo de ver ‘Ivan and Hadom’, estrea absoluta en Galica que vén de gañar na Berlinale o ‘Teddy Award’, o premio de cine queer máis destacado do mundo, teremos un encontro con Samanta Hudson que é case unha pontevedresa máis. O día 29, o único venres, para clausurar o festival temos a nosa estrela Xoán Forenas ‘O Xoán’ que vén presentar ese días das curtas o seu videoclip e co que imos ter unha actuación para presentar os seus temas ao vivo na propia facultade de Belas Artes”.

O edil destacou unha selección de películas que “boísima que facemos en colaboración co Cineclube, Fic Bueu, Avante Pontevedra, Pinto e Maragota e os Feroz. Ven coma sempre a través das numerosas seccións habituais das que estamos orgullosísimos : un Ambienta Clásico seleccionado polo Cineclube Pontevedra para ver películas clasicas onde se tratan temas LGTBI, temos un Ambienta Estrea, Ambienta en curta seleccionado polo FIC Bueu, Ambienta Encontro para xerar diálogo e debate a partir destas propostas audiovisuais”.

Entre a numerosa programación o edil salientou as “dúas estreas absolutas en Galicia, que aínda non pasaron polas salas comerciais: ‘Ivan and Hadoum’ o 21 de maio e ‘Nueve lunas’ o día 28. O día 7, ‘Contando los días’, unha serie nun novo formato a través de 34 reels autoconclusivos de instagram, nomeada como mellor webserie nos Mestre Mateo e Mellor creación en novos formatos dos premios ODA.

Na sección clásica teremos o xoves 14 ‘Mi querida señorita’ de Jaime deArmiñán. Unha peli de 1972 nomeada Mellor película de fala non inglesa nos Oscar (1973). Este é un fantástico momento para revisar este filme que nestes días estrea nova versión con guión de Alana S.Portero e Los Javis como produtores.

A clausura do festival terá lugar o venres 28 coa proxección de 3 curtas chegadas de 3 países distintos: ‘Algo novo que contar’ (Galiza), ‘Hello stranger’ (Canadá) e ‘Bloomer’ (Suecia). Despois da actuación de O Xoán coa presentación do seu videoclip, a festa ‘Ambientazo’ terá lugar en La Verbena coa DJ Beti de la Church.

Está pasando!