Paquita Salas | Estudios Buendía

A programación dos Premios Feroz 2027 arranca cun maratón de series e coloquios abertos ao público

22 Setembro 2026

  • A Facultade de Comunicación será a sede das actividades previas dos Premios Feroz nesta edición 2026-2027 debido ás obras do Teatro Principal.
  • O ciclo inclúe a proxección de cinco producións audiovisuais e encontros cos seus creadores e protagonistas.

O salón de actos da Facultade de Comunicación do Campus de Pontevedra será a sede das actividades previas dos Premios Feroz 2027, que arrancarán o día 10 de outubro cun maratón de series e coloquios abertos ao público.

A programación do mes inclúe a proxección de tempadas completas de cinco producións de recoñecido éxito.

Debido ás obras de remodelación do Teatro Principal, o salón de actos da facultade adaptouse cun equipamento de proxección de calidade para acoller todas as sesións. Esta solución permite afondar na colaboración entre a cidade e a Universidade de Vigo.

As sesións celebraranse os días 10, 16, 17, 25 e 31 de outubro ás 18:00 horas, agás a xornada inaugural que comezará ás 17:00 horas:

  • 10 de outubro: Proxección da primeira tempada de ‘Vida perfecta’ e posterior coloquio coa actriz Celia Freijeiro.
  • 16 de outubro: Proxección de ‘Autodefensa’ e encontro coa súa creadora e protagonista Berta Prieto.
  • 17 de outubro: Proxección da primeira tempada de ‘Paquita Salas’, creada por Javier Ambrossi e Javier Calvo.
  • 25 de outubro: Proxección de ‘Fácil’ acompañada dunha conversa coa actriz Coria Castillo.
  • 31 de outubro: Proxección da primeira tempada de ‘Cardo’ e coloquio coa creadora e actriz Ana Rujas e a co-creadora Claudia Costafreda.

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, puxo en valor a intensa interrelación coas facultades do campus e destacou a capacidade de facer da necesidade virtude ao trasladar as proxeccións á universidade mentres o teatro permanece pechado. Así mesmo, remarcou a aposta continuada pola cultura nunha cidade que se converte na única en acoller os Feroz por terceiro ano consecutivo.

Pola súa banda, a vicerreitora do Campus de Pontevedra, Marián Fernández, salientou o valor de abrir as instalacións universitarias á cidadanía grazas ás sinerxías co Concello, destacando ademais o retorno formativo que supón para o alumnado de Comunicación participar na organización e desenvolvemento destes eventos.

RESERVA DE ENTRADAS

As entradas son de balde e pódense retirar desde sete días antes de cada pase na Oficina de Turismo da Praza de España, cun máximo de catro localidades por persoa. Tamén se habilitará a reserva en liña a través do sitio web apuntate.pontevedra.gal. cun número limitado de entradas.

A gala da décimo cuarta edición dos Premios Feroz celebrarase o vindeiro 23 de xaneiro de 2027 no Pazo da Cultura.

Está pasando!