Afundación programa 17 espectáculos en Pontevedra nos últimos meses do ano, cun concerto de James Rhodes e o tributo a ABBA entre as propostas

16 Setembro 2026

A programación de espectáculos do Auditorio da Sede de Afundación en Pontevedra para o que resta de ano comeza con humor e solidariedade e despídese, xa no Nadal, con maxia e ilusión familiar.

A Obra Social de ABANCA programa en total 17 espectáculos antes de fin de ano. O cálculo non inclúe a programación de abono de música clásica. As entradas xa se atopan á venda en Ataquilla.com.

Inaugura a programación unha cita xa consolidada coa solidariedade: o 18 de setembro, o cómico Carlos Blanco presentará o seu espectáculo ‘A penúltima’ na XIII Gala Benéfica do Día Mundial do Alzhéimer, organizada a prol da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e Outras Demencias da Provincia de Pontevedra (AFAPO).

Unha semana despois, comeza a segunda parte da Tempada de Abonos de Teatro de Afundación na cidade neste 2026. O actor e director Carles Sans, coñecido por ser parte do grupo cómico Tricicle presenta na cidade o seu monólogo ‘Por fin me voy’ o 25 de setembro.

O programa de abono complétano o 27 de novembro a obra ‘Bernarda’, galardoada nos premios María Casares, e ‘Dulcinea’, con Paloma San Basilio, que chega ao Auditorio da Sede de Afundación o 11 de decembro. ‘Bernarda’ é un retrato da vida de dúas xeracións de mulleres galegas durante a transición española. En ‘Dulcinea’, Paloma San Basilio pregúntase se ten sentido seguir defendendo soños imposibles nun mundo sen ideais.

A oferta escénica e teatral complétase con ‘Escándalo en redacción’, unha comedia protagonizada por Xoán Carlos Mexuto e Iria Ares; a obra de suspense ‘Misery’, baseada na novela homónima de Stephen King e que ten por protagonista feminina a Carmen Conesa (13 de novembro), e o musical ‘Meigas, habelas hainas’, programado para o 14 de novembro.

Xosé A. Touriñán presenta o seu aclamado show ‘Moi Animal’ o 17 de outubro en dobre sesión: ás 18:30 e ás 21:00 horas. Seis días despois, o 23, é a quenda de Miguel Lago co monólogo ‘Miserable II’. O humor e a improvisación volverán ao escenario o 21 de novembro con ‘Coaches de choque’, a comedia improvisada de Oswaldo Digón e Rafa Durán.

A danza clásica contará cun peso senlleiro esta tempada con dúas das pezas máis representativas da historia do ballet: ‘O lago dos cisnes’, interpretado polo prestixioso Ballet de Kiev o 15 de outubro, e ‘A bela durminte’, da man da International Ballet Company o 28 de novembro.

Completan a programación dous espectáculos de maxia e unha nova versión teatral do conto ‘Carapuchiña Vermella’, que poderá verse o 12 de decembro.

O ilusionismo estará presente coa Gala Máxica Abraioscopio o 20 de setembro. Tres meses despois, o 20 de decembro, o Auditorio da Sede de Afundación en Pontevedra despide o ano cunha proposta que comeza a ser un clásico do Nadal na cidade: o X Galicia Magic Fest, que ofrecerá dúas funcións, ás 18:00 e ás 20:30 horas, creado e dirixido polo pontevedrés Pedro Volta, volverá congregar na cidade estrelas mundiais da arte da maxia.

Está pasando!