Luis López na presentación da programación de Nadal | © Deputación de Pontevedra

Arranca a programación de Nadal da Deputación de Pontevedra co acendido do alumeado das súas sedes

1 Decembro 2023

Co lema “No Nadal, tendamos pontes de agarimo, respecto e solidariedade” o Goberno de Luis López deseñou unha ampla axenda de actividades con dúas sedes centrais: o Museo de Pontevedra e o castelo de Soutomaior


Chega o Nadal á Deputación de Pontevedra co acendido simultáneo do alumeado das súas sedes e unha chocolatada aberta á cidadanía no Pazo provincial, este venres ás 19:00 horas. Así o confirmou o presidente provincial, Luis López, quen aproveitou a rolda de prensa previa á Xunta de Goberno para avanzar a ampla axenda de actividades da institución para estas datas e que, co lema “No Nadal, tendamos pontes de agarimo, respecto e solidariedade”, terá o Museo de Pontevedra e o castelo de Soutomaior como escenarios principais. “Queremos espallar, desde hoxe mesmo, os nosos mellores desexos para toda a cidadanía de Pontevedra e compartir momentos únicos coas familias da nosa provincia”, asegurou o presidente.

Ademais do alumeado e da chocolatada coa que a Deputación de Pontevedra lles dará inicio ás actividades, o Goberno de Luis López preparou un completo programa de Nadal que inclúe visitas teatralizadas, video mapping e un xogo de escapismo no castelo de Soutomaior; e exposicións, un ciclo de cinema infantil, recitais e un obradoiro de ilustración no Museo de Pontevedra. “Unha programación ampla, para todos os públicos, coa que no Nadal tendemos pontes de agarimo, respecto e solidariedade, e coa que construímos momentos de felicidade; é o noso obxectivo sempre pero máis, se cabe, nestas datas que veñen por diante”, explicou o mandatario.



Alumeado de Nadal

Luis López detallou que preto de 250.000 luces alumearán as edificacións que a Deputación ten na provincia desde este venres. O Pazo provincial lucirá cortinas luminosas, tiras led nos arcos da fachada e rosetóns, do mesmo xeito que o fará o Edificio Administrativo. Ademais, iluminaranse os xardíns do exterior do Pazo con cordóns de luces sobre as ramas do magnolio e grilandas de cor branca nas árbores que limitan coa avenida Montero Ríos. Pola súa banda, o palacete das Mendoza contará con cortinas luminosas e cun cordón led na árbore-escultura da fachada principal, e o Centro Príncipe Felipe estará decorado con estruturas luminosas con forma de árbore e luces led nos elementos vexetais existentes, así como estrelas folerpas con luz.

O Museo de Pontevedra tamén contará con decoración e luces de Nadal. No exterior do Edificio Castelao iluminaranse as árbores, a zona acristalada, tanto da fachada principal coma dos espazos interiores, e o xardín inglés. Ademais, iluminarase o claustro do Edificio Sarmiento e decorarase o interior do Edificio Fernández López.

En canto a Vigo, a sede de Eduardo Chao lucirá cortinas luminosas led na súa contorna e un cono luminoso tipo árbore con motivos natalicios na entrada do edificio. Ademais, os castelos de Soutomaior e Sobroso tamén se encherán de luz polo Nadal. As torres da homenaxe de ambos os recintos, así como a do Conde de Soutomaior, contarán con cortinas luminosas led. No caso deste último castelo, tamén se alumeará a Galería de Damas, a muralla exterior, a construción principal e os seus xardíns.

Programación de Nadal no castelo de Soutomaior

Ademais das visitas teatralizadas, que terán lugar do 6 ao 10 de decembro, ás 11:30 e ás 16.30 horas, con trinta prazas por quenda, este ano, tal e como explicou o presidente Luis López, súmanselle dúas grandes novidades á programación de Nadal do castelo de Soutomaior: un espectáculo de video mapping e un xogo de escapismo.

O video mapping será un espectáculo gratuíto de luz e son proxectado na torre da homenaxe do castelo. Terá unha duración de seis minutos e haberá pases continuos desde o atardecer ata as 21:00 horas. A cidadanía interesada poderao facer, de xeito gratuíto, entre o 22 de decembro e o 4 de xaneiro, excepto os días 24, 25 e 31 de decembro e o 1 de xaneiro, que coinciden coas datas de peche do castelo de Soutomaior.

No que respecta ao xogo de escapismo, aberto a maiores de 8 anos, trátase de “vivir en primeira persoa o asedio ao castelo de Soutomaior”. Para iso, tal e como informou o presidente, as persoas participantes, nun tempo máximo de 60 minutos, terán que resolver probas e pistas en grupos para axudar a Pedro Madruga a parar os irmandiños. A actividade terá lugar os días 21, 22, 23, 26, 28, 29 e 30 de decembro, e o 3 e o 4 de xaneiro, con seis pases ao día desde as 11:00 ata as 14:00 horas e das 16:00 ás 19:00 horas.

Tanto para participar nas visitas teatralizadas coma no xogo de escapismo cómpre adquirir a entrada (8 €) en www.castelodesoutomaior.com.



Programación de Nadal no Museo de Pontevedra

No Museo de Pontevedra o programa inclúe, segundo explicou Luis López, “unha intensa axenda de actividades con exposicións, recitais de música e danza, cinema e obradoiros de ilustración. Todo de balde”.

No caso das exposicións, estarán activas dúas durante o Nadal: “Campo de sementes 2”, a obra plástica de profesorado e antigo alumnado da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, comisariada por Xosé Manuel Buxán e que se pode visitar ata o 28 de xaneiro, e “Mar e a pantasma das treboadas”, aberta ata o 7 de xaneiro e que inclúe as doce ilustracións orixinais que realizou Xavier Magalhães para o libro escrito por Clara do Roxo.

Esta oferta expositiva completarase con tres recitais: a III Gala de Lírica, con alumnado do Conservatorio Manuel Quiroga de Pontevedra (o 12 de decembro, ás 18:30 horas), o concerto de Nadal do alumnado da Academia Gaia de Pontevedra (o 15 de decembro, ás 18:00 horas) e o recital de danza clásica do alumnado de Vaganova de Pontevedra (o 23 de decembro, ás 18:30 horas).

Tamén haberá un ciclo de cinema infantil centrado na animación feita en Galicia, que terá lugar os xoves e os venres de Nadal (21, 22, 28 e 29 de decembro, e 4 e 5 de xaneiro), ás 18:00 horas, e a través del as familias poderán gozar do talento galego con filmes coma ‘O bosque animado’, ‘Donkey Xote’ ou ‘A Galiña Turuleca’.


Está pasando!