As Bibliotecas Municipais de Redondela festexan o ‘Día das Bibliotecas’

22 Outubro 2024

Cada 24 de outubro celébrase en España o ‘Día das Bibliotecas’, celebración creada en 1997 pola Asociación Española de Amigos del Libro Infantil y Juvenil en recordo da destrución da Biblioteca de Saraievo, incendiada en 1992 durante o conflito balcánico.

A esta conmemoración fóronse sumando, xa dende hai algún tempo, o Ministerio de Cultura e mais todas as administracións autonómicas do Estado. A Dirección General del Libro, del Cómic y de la Lectura, a través da Subdirección General de Coordinación Bibliotecaria, impulsa cada ano a celebración deste día.

Como cada ano as Bibliotecas Municipais de Redondela fan súa esta festa, coa que desexan que as persoas usuarias dos seus servizos, e tamén os veciños e veciñas da contorna, aprecien, valoren, usen e reivindiquen as bibliotecas.

LIBROS ORFOS

Neste 2024 a proposta das Bibliotecas Municipais de Redondela ten un ton nostálxico arredor da colección das bibliotecas. Porque… usuarios e usuarias: que hai máis triste para unha biblioteca que ter libros que (case) ninguén le?… que ter documentos que (case) ninguén leva prestados?

Moitos deles son libros bos e interesantes, e queremos darlles unha segunda oportunidade. Así que durante a vindeira quincena, desde o luns 21 e ata o venres 31 de outubro propóñennos rescatar estas lecturas magníficas e que vos acheguedes a elas. A estes libros deron en chamarlles “libros orfos, porque son libros que buscan lector(a)s, que buscan ser apadriñados.

Achegádevos polas bibliotecas e deixádevos sorprender pola sección máis vintage da súa colección, que emerxe como Ave Fénix para ser acollida polas vosas mentes devoradoras de boas historias.

AGASALLO DE MARCAPÁXINAS ORIXINAIS

Ademais, durante estes días, os préstamos nas bibliotecas levarán un pequeno agasallo. As persoas que usen este servizo no mostrador levarán como obsequio un orixinal marcapáxinas, deseñado especialmente para esta conmemoración polo persoal do Obradoiro de Emprego de deseño gráfico do Concello de Redondela.

Tamén vos deixamos aquí esta ligazón para que poidades descargar o deseño por se queredes imprimilos en casa.

Está pasando!