Inauguración do Nadal en Poio 2025 | Concello de Poio

O Nadal chega a Poio o domingo 6 de decembro cunha ampla e potente programación familiar

21 Novembro 2026

  • O mercado de Nadal en Combarro xa funcionará desde o sábado, día 5, con postos de artesanía, agasallos e gastronomía.
  • Los Cantajuegos e Uxía Lambona e a Banda Molona, propostas do Nadal en Poio no que tamén se inclúen xornadas de maxia e a gala ‘Nadal por Arte de Maxia’.
  • A programación completa do Nadal en Poio desvelarase nos próximos días.

O Concello de Poio xa ten data para inaugurar o seu Nadal. Será o domingo, 6 de decembro, pola tarde na Praza do Mosteiro, cunha cita na que non faltarán música, moita animación, conta atrás para o acendido das luces pero, sobre todo, moitas sorpresas para os asistentes.

Con todo, desde o sábado 5 xa abrirá o Mercadillo de Nadal que a Asociación Leucoíña instala na Praza da Chousa, en Combarro, coa colaboración do Concello de Poio. Ata o 5 de xaneiro, os visitantes poderán atopar nel postos de artesanía, decoración de Nadal, agasallos e gastronomía.

O Nadal en Poio estase convertendo xa en referente dentro e fóra do municipio, e estano conseguindo apostando por un contido con personalidade, atractivo, inclusivo e de calidade, que contribúe a dinamizar a actividade social, cultural e comercial en todas as parroquias, pero tamén grazas á colaboración e participación de moitas persoas e colectivos que permitirán converter estas festas en especiais e inesquecibles para nenos e maiores.

De feito, xa hai expectación entre veciños e axencias de viaxe de toda Galicia, que estes días están contactando coas oficinas municipais para confirmar a data do inicio do Nadal en Poio e programar así as súas visitas. Un interese que confirma que estas iniciativas permiten fomentar o turismo de proximidade e o consumo, apoiar o comercio e a hostalería, xerar emprego e encher de vida o municipio.

UN NADAL CON CONTIDO, PARTICIPACIÓN E IDENTIDADE PROPIA

Poio volverá apostar este Nadal por unha programación ampla, atractiva e pensada para gozar en familia. O Concello adianta algunhas das propostas que formarán parte dunha programación que incluirá actuacións, actividades e obradoiros gratuítos para todas as idades.

Entre as citas destacadas figuran os concertos de Uxía Lambona e a Banda Molona e de Los Cantajuegos, que regresan a Poio, nesta ocasión, co espectáculo ‘Las Aventuras de Coco y Pepa’.

A oferta completarase con varias propostas de maxia: ‘A Maxia no Nadal’, do Mago Paco, e a gala ‘Nadal por Arte de Maxia’, na que participarán Samuel Moreno, Lara Doiro e Roberto Lolo.

Estas actuacións son só un adianto dunha programación máis ampla, que comezará o 6 de decembro coa chegada do Nadal á Praza do Mosteiro e a inauguración de todas as Aldeas de Nadal localizadas por diferentes espazos e lugares do municipio. Unhas aldeas que, nos últimos anos convertéronse en auténticos lugares de encontro para as familias.

As Aldeas de Nadal estarán situadas, un ano máis, na contorna dos muíños de Samieira, no parque de Lourido, no Adro de San Salvador, na Praza da Chousa de Combarro, no porto de Raxó, na Praza da Granxa de Campelo e na contorna da Igrexa de San Martiño, mentres que a carpa Poio Máxico volverá instalarse na Seca, converténdose en outro dos puntos centrais da programación.

A programación prolongarase ata o 6 de xaneiro, coa cabalgata de despedida dos Reis Magos de Oriente.

Nos últimos anos, Poio consolidouse como un destino de referencia para o público familiar durante o Nadal. O obxectivo é ofrecer unha programación de calidade para públicos de todas as idades e facilitar que todas as familias poidan gozar dela. Por iso, todas as actuacións serán gratuítas.

UXÍA LAMBONA E A BANDA MOLONA, O SÁBADO 19 DE DECEMBRO

Unha das formacións infantís e familiares máis recoñecidas de Galicia, Uxía Lambona e a Banda Molona ofrecerá un espectáculo participativo e cheo de enerxía. O grupo revisa cancións tradicionais galegas e presenta temas propios a ritmo de ska, rock, reggae ou rap, convidando a persoas de todas as idades a cantar, bailar e gozar da música en galego.

A banda está formada por Pali, ao baixo; Ñoc, á batería; Diego, á gaita e á frauta; Serghaño, á guitarra; Roscón, ao acordeón, e Uxía, á voz e á animación. A actuación será o sábado 19 de decembro na carpa Poio Máxico.

A MAXIA NO NADAL, CO MAGO PACO, O VENRES 25 DE DECEMBRO

O Mago Paco traerá á carpa Poio Máxico o Día de Nadal, 25 de decembro, un espectáculo familiar inspirado nos días máis máxicos do ano. Aparicións imposibles, desaparicións e moito humor convidarán o público a participar e a descubrir a maxia en directo.

O artista combina ilusionismo con outras disciplinas escénicas, como o teatro, o clown e os monicreques, para crear propostas dinámicas pensadas para gozar en familia.

‘NADAL POR ARTE DE MAXIA’, O SÁBADO 2 DE XANEIRO

A gala ‘Nadal por Arte de Maxia’ reunirá o sábado 2 de xaneiro a tres artistas con estilos propios: Samuel Moreno, Lara Doiro e Roberto Lolo.

Semifinalista de Got Talent, Moreno achega unha proposta actual na que combina humor, música, tecnoloxía e participación do público. Lara Doiro, unha das figuras emerxentes da maxia galega, destaca pola súa frescura e creatividade. Roberto Lolo, mago, actor e showman, suma á gala o seu sentido do humor, a improvisación e a capacidade para conectar cos espectadores.

As tres maneiras de entender a maxia únense nun espectáculo cheo de sorpresas e diversión, no que o público poderá deixarse sorprender e ver como o imposible parece facerse realidade.

LOS CANTAJUEGOS PRESENTAN ‘LAS AVENTURAS DE COCO Y PEPA’ O DOMINGO 3 DE XANEIRO

O recoñecido grupo de música infantil Los Cantajuegos volven a Poio pero, nesta ocasión, co espectáculo ‘Las Aventuras de Coco y Pepa’, que promete converterse noutro éxito de público e de participación.
O público poderá cantar, bailar e xogar cos personaxes de sempre ao ritmo dos grandes éxitos de CantaJuego.

O Concello de Poio presentará a programación do Nadal nos próximos días, aínda que xa adianta que volverá ser ampla, participativa, itinerante, con actuacións gratuítas e pensadas para todos os públicos, e con propostas para encher de vida todas as parroquias.

Está pasando!