‘Xogo de nenos’ de Miguel R. Berride | © Agarima Fest

Agarima Fest, mostra de curtas en Pontevedra

ven26xan16:00Agarima Fest, mostra de curtas en Pontevedrafestival de cine16:00 Teatro Principal de Pontevedra - Pontevedra

Detalles do Evento

Como “un espazo para a proxección e presentación de proxectos audiovisuais xerados baixo o foco da UVigo e outras escolas de cine galegas” preséntase Agarima Fest, unha mostra de curtametraxes promovida por titulados, tituladas e alumnado do campus, co apoio da Facultade de Comunicación de Pontevedra.

Coordinado pola graduada en Belas Artes Eva Iglesias e o titulado en Comunicación Audiovisual Manu Sacoga, o evento desenvolverase o venres 26 de xaneiro no Teatro Principal de Pontevedra e nel poderán verse once curtametraxes, boa parte delas nacidas como traballos académicos na Facultade de Comunicación.



Esta iniciativa é pioneira xa que non existe unha mostra de curtametraxes exclusiva de escolas audiovisuais na zona. Isto ten a intención non só de mostrar un cine descoñecido de gran calidade e pouca visibilidade como é o cine galego xove; senón tamén que funcione coma un altofalante para as xeracións máis novas.

Programado para as 16.30 horas, Agarima Fest foi promovido polo colectivo Color2Dark, integrado por titulados e tituladas das facultades de Comunicación e Belas Artes, coa colaboración das agrupacións Kasa Vella, formada tamén por estudantado do campus, e Ondamar, integrada por alumnado do CIFP Audiovisual de Vigo.



Nesta mostra poderán verse curtas nacidas como traballos académicos en Comunicación Audiovisual, como ‘Flores Blancas’, de Marcos Herrera; ‘Ángel de Plástico’, de Manu Sacoga; ‘Ágape’, de Patricia Villalón e Víctor Couto; ‘Solpor’, de Susana Alba, ou ‘Xogo de Nenos’, unha curta dirixida por Miguel Romero Berride, premiada recentemente no III Concurso A Canteira-Augal. Coa participación de alumnado e egresados nos equipos técnicos de todas as curtas, esta mostra completarase coas proxeccións de ‘Tara’, de Rebeca Tella e Daniel Filloy; ‘Excoriación’, de Eva Iglesias, ‘Despois de ti’, de Paula Pereira; ‘Un abrazo es un mundo entero’, de Manu Sacoga, ‘Lixo’, de Óscar Silva e Pablo Martínez, e ‘Tan só o demo lembra’, de Dani Iglesias.

Con entrada libre, aínda que será posible reservar unha praza a través das redes sociais, esta mostra completarase cun coloquio cos directores e directoras, previsto para as 20.15 horas.



Vocación de continuidade

“A nosa intención é celebrar este evento anualmente, para poder servir de escaparate para o talento galego novo”, sinalan desde a organización dun evento ao que avogan por dar continuidade, “sempre co protagonismo do estudantado de Comunicación e Belas Artes e en colaboración con outras escolas audiovisuais”.

Nesta primeira edición, o evento conta coa colaboración da Facultade de Comunicación, desde a que poñen en valor o impulso “deste tipo de iniciativas por parte do alumnado, posto que axudan a visualizar os seus traballos, sacándoos da contorna da facultade”, ao mesmo tempo que lles achegan unha formación práctica en materia de “organización e produción de eventos”, como destaca o vicedecano de Comunicación, Paulino Pérez.

Hora

(Venres) 16:00

Localización

Teatro Principal de Pontevedra

Rúa Paio Gómez Charino, 6, 36002 Pontevedra

Está pasando!