Presentación do Nadal 2026 en Redondela | Concello de Redondela

Troula Animación acenderá o Nadal en Redondela e Chapela co espectáculo ‘O sorriso de Lúa’

20 Novembro 2026

  • O acendido das luces de Nadal será o venres 27 ás 20:00 horas na praza do Concello de Redondela e o sábado 28 na Alameda Rosalía de Chapela.
  • Un espectacular desfile de Troula Animación coa fantasía ‘O sorriso de Lúa’ dará paso á conta atrás. A programación incorpora por primeira vez un Circo de Nadal e unha gran festa de Fin de Ano coa Orquestra Kubo.
  • A alcaldesa, Digna Rivas, destacou que o acendido marca o inicio dunhas datas moi especiais “pensadas para toda a veciñanza e para apoiar o dinamismo económico do municipio”.

O Concello de Redondela dará o pistoletazo de saída oficial ás festas do Nadal a vindeira semana con dous actos multitudinarios de acendido do alumeado que encherán de luz, música e maxia tanto o centro da vila como Chapela. En ambos os dous casos, o público poderá gozar do espectáculo itinerante ‘O sorriso de Lúa’, da compañía Troula Animación.

A primeira cita terá lugar o venres 27 de novembro en Redondela. A celebración comezará ás 19:00 horas co pasarrúas de Troula Animación, que partirá desde a Praza de Ribadavia para percorrer as rúas do centro coa montaxe ‘O sorriso de Lúa’. A continuación, ás 20:00 horas, celebrarase o acto oficial de acendido das luces na Praza do Concello.

Ao día seguinte, o sábado 28 de novembro, a festa trasladarase a Chapela. A xornada arrincará ás 19:00 horas cun novo pase do espectáculo ‘O sorriso de Lúa’ a cargo de Troula Animación, que culminará co acendido oficial do alumeado na Alameda Rosalía de Castro.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, destacou que o acendido marca o inicio dunhas datas moi especiais pensadas para toda a veciñanza e para apoiar o dinamismo económico do municipio. “Queremos que Redondela e Chapela brillen con luz propia e que as nosas rúas sexan un punto de encontro cheo de ilusión para as familias, ao tempo que impulsamos a actividade do noso comercio e da hostalaría local”, sinalou a rexedora.

Un Circo de Nadal e Fin de Ano coa Orquestra Kubo, grandes novidades

Ademais do tradicional acendido, o goberno local vén de avanzar as principais novidades dunha programación deseñada para dinamizar o municipio durante todas as vacacións.

Unha das grandes apostas desta edición será o Circo de Nadal, xestionado polo propio Concello. Redondela contará por primeira vez cunha gran carpa que estará instalada no Campo da Feira entre o 24 de decembro e o 3 de xaneiro. “Será un espazo de encontro con galas de circo, espectáculos infantís, humor e actuacións de artistas consagrados para todos os públicos”, sinala Digna Rivas.

Outra das novidades é a Gran Festa de Fin de Ano. O municipio dará a benvida ao 2027 por todo o alto cunha gran verbena tras a tradicional toma das uvas. O evento contará coa actuación da Orquestra Kubo, considerada unha das mellores formacións musicais de Galicia, para que a veciñanza e visitantes poidan prolongar a celebración da Noitevella.

A concelleira de Cultura, Rita Pérez, puxo en valor o salto de calidade e a variedade da programación deste ano. “Apostamos por propostas novidosas e de primeiro nivel, como o noso primeiro Circo de Nadal ou a gran festa de Fin de Ano coa Orquestra Kubo, para ofrecer alternativas culturais e de lecer pensadas para todos os públicos sen ter que saír de Redondela”, explicou a edil.

O Ciclo Interparroquial Infantil trasládase ao primeiro trimestre de 2027

Por outra banda, o Concello informou de que o Ciclo Interparroquial Infantil gaña peso e entidade propia dentro da axenda cultural. Debido ao grande éxito de participación rexistrado nas edicións anteriores, esta iniciativa trasladarase ao primeiro trimestre de 2027 co obxectivo de reforzar a súa programación e garantir que as actividades cheguen a todas as parroquias do municipio.

Está pasando!