Alberto Varela e Sonia Outón | © Concello de Vilagarcía

Santa Rita bailará ao son das mellores orquestras de Galicia e no ambiente máis romeiro

10 Maio 2023

  • O alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela, e a concelleira de Cultura, Sonia Outón, compareceron o pasado xoves 4 de maio no Concello para presentar o programa das festas de Santa Rita, marcadas este ano pola presenza de tres das mellores orquestras de Galicia e co ambiente romeiro que caracteriza a esta celebración
  • O programa a desenvolver o 19 ao 22 de maio inclúe actividades de ocio e lecer para todo tipo de públicos e gustos: cine infantil, Feira Celta, concerto do grupo Revolver, actuación da Banda de Música, pasacalles dos grupos de gaitas, deporte e todo o ambiente desta romaría urbana que se desenvolve na contorna de Vista Alegre

Aínda que o programa oficial ábrese o venres 19 de maio, o ambiente festivo xa se comezará a notar a partir do sábado anterior, o sábado 13, coa instalación das atraccións de feira e postos ambulantes na zona do Ramal e no Parque Miguel Hernández, e coa actuación ese mesmo día do grupo Tolemia’s Consort, unha formación composta por veciños de Vilagarcía que ofrecerán un concerto de música sacra e temas contemporáneos acompañados ao piano por Goretti Domínguez. O concerto será na igrexa de Vista Alegre a partir das 21:00 horas.

E xa o venres 19 comezan as festas propiamente ditas. A verbena desa xornada estará amenizada pola orquestra Capitol e a do día 21, véspera do día grande, pola formación que hoxe ocupa o número 1 no ránking de Galicia: a París de Noia. O martes 23 pechará Olympus.

O sábado 20 será o día do concerto gratuíto no parque da Xunqueira co grupo Revolver, unha banda referente do pop rock nacionais dende os anos 90 e que lidera Carlos Goñi.

A Feira Celta instalarase no Parque da Xunqueira do 19 ao 22 de maio para ambientar a zona anexa a Vista Alegre recreando a estética dos pobos que antigamente habitaron estes lares, e que teñen no Castro de Alobre unha das súas mostras. Postos de artesanía e comida, música, animación e obradoiros son algunhas das actividades que amenizarán esta feira durante as catro xornadas, sempre baixo un coidado gusto pola estética celta, como sinalou a concelleira.

Ao longo dos días de festas as gaitas soarán polas rúas de Vilagarcía en horario de mañá e tarde coa participación dos grupos Brisas do Río Ulla, Os Trasnos de Guillán, Mocedade da Torre 83, Santa Plácida de Rubiáns, Os Xirifeiros, o grupo de gaitas Nosa Señora da Xunqueira e Airiños de Carril.

O Festivaliño On The Road, o programa de curtametraxes infantís, desenvolverase os días 21 e 22 de maio entre a Rúa Baldosa e Valentín Viqueira, dende onde realizará as súas proxeccións a bordo da caravana cinematográfica.

E a Banda de Música de Vilagarcía, todo un clásico nas festas de Santa Rita, actuará o domingo 21 no novo espazo peonil da rúa Arcebispo Lago para ofrecer un dos concertos do ciclo Ágora Vermú, para o cal a formación ten preparado un animado programa.

As festas complétanse no apartado deportivo co II Torneo Santa Rita Rugby 7. que se desenvolverá o sábado 20 no estadio municipal de atletismo baixo a organización de Os Ingleses Rugby Club e a colaboración da Fundación de Deportes. E o sábado 27 tamén terá lugar en augas arousás o Trofeo Santa Rita da clase cruceiros de vela.

E como é tradición nesta celebración, as festas na honra de Santa Rita complétanse co apartado relixioso no que, ademais das misas ao longo de toda a xornada do día 22, contará co seu momento álxido coa celebración da multitudinaria procesión ese mesmo día pola tarde.

O alcalde dixo que “as festas de Santa Rita, xunto coas de San Roque, son as dúas celebracións de maior tradición e máis esperadas do ano, uns festexos moi nosos e que vivimos dun xeito moi especial”.

En canto ás festas de maio, Varela destacou o aspecto que as converte en algo singular e único: “esa perfecta combinación entre a tradición, a romaría popular, que en Vilagarcía se enmarca no medio da cidade, e a festa no seu sentido máis amplo”.

Pola súa banda, a concelleira de Cultura lembrou que as de Santa Rita son unhas festas que tamén atraen a milleiros de persoas dos municipios veciños “aos que tamén invitamos a celebrar estes días con nós e aos que recibiremos gustosamente”.


Está pasando!