Presentación da XVI Carreira Pinga Pinga | Concello de Marín

A XVI Carreira Pinga Pinga homenaxeará á atleta olímpica Julia Vaquero Sousa

9 Outubro 2026

A Carreira Pinga Pinga volverá reunir deporte e convivencia en Santo Tomé de Piñeiro este sábado, 10 de outubro, coa celebración da súa décimo sexta edición.

A proba, convertida xa nun clásico do calendario deportivo de Marín coa chegada do outono, foi presentada no Concello por representantes do Club Deportivo Pinarium, coa presenza da Comunidade de Montes de Santo Tomé de Piñeiro e do concelleiro de Deportes, Antonio Traba.

Andaina, carreiras infantís e unha nova modalidade de relevos

A programación comezará ás 16.00 horas coa saída da andaina. Cinco minutos despois, ás 16.05 horas, arrancarán as carreiras dos máis pequenos.

A partir das 17.00 horas será a quenda da carreira absoluta, da carreira inclusiva e da nova modalidade de relevos, unha das principais novidades desta edición.

Esta variedade de propostas permite participar de diferentes maneiras nunha xornada que combina competición, actividade física e convivencia. O número de inscritos nesta edición dan conta da boa acollida dunha cita que segue mobilizando a deportistas e familias arredor do atletismo.

Homenaxe a Julia Vaquero

Como cada ano, a Pinga Pinga dedicará un recoñecemento a unha fi gura destacada do deporte. Nesta edición, a homenaxe recaerá en Julia Vaquero Sousa, unha das grandes referencias do atletismo galego e español.

A fondista foi olímpica en Atlanta 1996 e mantivo o récord de España de 5.000 metros entre 1996 e 2024, cunha marca de 14 minutos, 44 segundos e 95 centésimas. A súa extensa traxectoria inclúe tamén participacións en campionatos europeos e mundiais de campo a través.

A súa vida deportiva e persoal protagoniza o libro «Chámome Julia», escrito por Isidoro Hornillos, que achega ao público a historia da persoa detrás dos resultados e dos éxitos deportivos.

Con esta homenaxe, a organización continúa a tradición de recoñecer a deportistas que deixaron pegada e de achegar os seus exemplos ás novas xeracións.

Está pasando!