A proxección de ‘Decorado’, de Alberto Vázquez abre a programación da XXI Semana de Cine de Cangas

3 Outubro 2026

A XXI Semana de Cine de Cangas botou a andar este venres no Auditorio Municipal de Cangas coa proxección de ‘Decorado’, a longametraxe de animación do director galego Alberto Vázquez.

A sesión abriu unha programación de oito días de cinema galego, estatal e internacional que se prolongarán ata o vindeiro 9 de outubro e nos que o Cineclub Cangas volve converter o Auditorio nun lugar para descubrir películas e compartilas en pantalla grande.

A película inaugural permitiu achegar ao público o particular universo creativo de Alberto Vázquez. ‘Decorado’ é o resultado dun proceso de máis dunha década que comezou cunha serie de pequenas historias de banda deseñada creadas e publicadas por el mesmo.

Aquelas microhistorias converténdose primeiro na curtametraxe ‘Decorado’, estreada no Festival de Cannes, presente tamén en Annecy e gañadora dun premio Goya. O proxecto continuou despois o seu percorrido ata dar lugar á actual longametraxe.

SESIÓN DOBRE ESTE SÁBADO

Tras a inauguración, Cinemas Ocultos continúa o sábado con dúas novas proxeccións. Ás 18:00 horas, proxectarase ‘Un barco no xardín’, de Jean-François Laguionie, nunha sesión dirixida especialmente ao público infantil e familiar. Ás 21:00 horas chegará ‘Jone, ás veces’, de Sara Fantova, unha das novas autorías presentes na selección desta XXI Semana de Cine de Cangas.

A primeira fin de semana de Cinemas Ocultos completarase o domingo 4 de outubro ás 21:00 horas con ‘Tótem’, da directora mexicana Lila Avilés.

CELEBRAR O CINEMA COMPARTIDO

Baixo o lema ‘Celebracións’, Cinemas Ocultos reivindica nesta edición a sala de cinema como espazo de encontro, descubrimento e experiencia colectiva. A programación combina animación, novas autorías e cinematografías de diferentes procedencias, mantendo unha aposta especial pola creación audiovisual galega.

Ata o 9 de outubro, a programación continuará con filmes de Milagros Mumenthaler, Gonzaga Manso, Cyril Aris ou Ángel Santos, ademais das propostas que protagonizan esta primeira fin de semana. A programación oficial inclúe unha proxección diaria ás 21:00 horas ata o venres 9.

A XXI edición volverá reservar un espazo propio ao cinema galego e ao formato curto con Galicia en Curta, que reunirá seis propostas recentes do audiovisual galego. Cinemas Ocultos reforzará tamén o seu traballo coa creación de novos públicos a través de Escolas ao Cine.

Promovido pola Asociación Cívico-Cultural Xiria, o Cineclub Cangas mantén a súa aposta por achegar ao público películas que non sempre atopan espazo nos circuítos comerciais e por favorecer o encontro arredor do cinema.

Está pasando!