Os filmes ‘Disturbios’ e ‘Xente en domingo’ pecharán a tempada do Cineclube Pontevedra

1 Xuño 2023

O Cineclube Pontevedra despide a tempada no Teatro Principal coa proxección dun dos seus filmes favoritos da pasada edición de Novos Cinemas: ‘Disturbios’ (2022), do suízo Cyril Schäublin. Aproveitarán a ocasión para acompañalo de ‘Xente en domingo’ (1930), de Robert Siomak e Edgar G. Ulmer, que será a escolla para o Luns de Filmoteca.

A proxección destes dous filmes un ao carón do outro é unha proposta do propio Cyril Schäublin para a iniciativa Tándem, da distribuidora Lost & Found, concibida como unha carta branca a cineastas con filmes en estrea, que escollen un filme do pasado que influíra na súa obra.

As dúas sesións proxectaranse subtituladas en galego.


LUNS 5  | 20:30 | TEATRO PRINCIPAL DE PONTEVEDRA

‘Xente en domingo’.Menschen am Sonntag’. Robert Siodmak e Edgar G. Ulmer, 1930, Alemaña, 75 min.

No Berlín de entreguerras, os cidadáns aturan a semana á espera do descanso dominical. Un grupo de amigos prepara unha xornada de pícnic na que non faltarán  bromas, mergullos, coqueteos e rivalidades amorosas.

Con vocación de retrato documental, aínda que cunha mínima ficción construída con actores non profesionais, ‘Xente en domingo’ destila beleza, modernidade e frescura en cada plano. Os responsables: uns novísimos e aínda descoñecidos Siodmak, Ulmer, Zinnemann e Billy Wilder (no guión) antes do seu exilio americano.


MARTES 6 | 20:30 | TEATRO PRINCIPAL DE PONTEVEDRA

‘Disturbios’.Unrueh’. Cyril Schäublin, 2022, Suíza, 93 min.

As novas tecnoloxías están a transformar unha cidade reloxeira do século XIX en Suíza. Josephine, unha moza traballadora dunha fábrica, produce a roda de disturbios, que xira no corazón do reloxo mecánico. Exposta a novas formas de organizar o diñeiro, o tempo e o traballo, involúcrase no movemento local dos reloxeiros anarquistas, onde coñece o viaxeiro ruso Piotr Kropotkin.



Cineclube Pontevedra é unha asociación sen ánimo de lucro cuxo funcionamento e financiamento depende fundamentalmente das achegas económicas que realizan periodicamente as súas socias e socios, cara a quen están dirixidas as súas actividades. Asóciate!

Está pasando!