O Concello de Cangas presenta a programación completa das Festas do Cristo 2026

5 Agosto 2026

O Concello de Cangas presenta a programación completa das Festas do Cristo 2026, que se celebrarán do 21 ao 31 de agosto cun programa que volverá converter a vila nun dos grandes puntos de encontro do verán no Morrazo.

Tras o primeiro avance presentado nas últimas semanas, o cartel musical queda agora completado coa incorporación de Baiuca, Bala, Arrhythmia e Os Vacalouras, ao tempo que se dá a coñecer o conxunto de actividades, espectáculos e actos que marcarán once días de celebración. As novas incorporacións completan unha programación musical construída desde linguaxes moi diferentes.

Baiuca achega unha das propostas de electrónica de raíz con maior proxección da escena ibérica; Bala incorpora ao cartel un dos nomes galegos de maior percorrido internacional dentro do rock; Arrhythmia abre unha nova etapa mantendo a súa mestura de metal, electrónica, rap e rock; e Os Vacalouras reivindican o espírito bravú desde o punk, a gaita, a tradición galega e a retranca.

Estes catro nomes súmanse a Grande Amore, Rebeliom do Inframundo, Nadie González, Nékrora, Alana, Nacho · Faia · Lar, A Gramola Gominola e A Duendeneta, configurando unha programación na que conviven a electrónica, o rock, o punk, o rap, a música tradicional, as propostas familiares e as sesións festivas. Un percorrido por diferentes formas de entender a música que reforza a identidade plural das Festas do Cristo e a súa capacidade para reunir públicos de idades e intereses moi diversos.

A música de verbena volverá ocupar tamén un lugar destacado nesta edición coa presenza de Nueva Fuerza, Saudade, ASSIA, Gran Parada e Claxxon Tour. As orquestras compartirán protagonismo cos concertos e coas sesións festivas, mantendo esa convivencia entre formatos, públicos e xeracións que define as noites do Cristo. A programación incluirá tamén a I Varada de Gamelas na praia da Congorza, cunha exhibición de remo, navegación e actividades arredor do patrimonio natural e mariñeiro da zona

Entre as citas máis simbólicas deste ano estará a actuación da Banda de Música Belas Artes no Palco de Música da Alameda, precisamente cando tanto a formación como o propio palco cumpren cen anos. A coincidencia dos dous centenarios converte o concerto nun encontro entre música, memoria e patrimonio local arredor dunha entidade profundamente vinculada á vida cultural de Cangas.

As crianzas contarán igualmente cunha oferta propia, con A Gramola Gominola, Teatro Calavera e o espectáculo ‘A festa da Iguana’, e Dani Blanco (Diáspora Escena) con ‘As almofadas soñadoras’. Música, teatro, humor, monicreques, maxia, circo, narración oral e propostas participativas compoñen un bloque pensado para que o público cativo non sexa un mero acompañante, senón que tamén atope o seu lugar nas festas.

Ao longo dos once días volverán ocupar as rúas os cabezudos, os pasarrúas, o folclore e as entidades culturais da vila. O Festival Tromentelo abrirá a programación cunha xornada propia, mentres que a comparsa de cabezudos da A. C. Lembranzas da Ría, o pasarrúas cos Pataghulhos, o Festival Folclórico País de San Roque e ‘Así Canta Cangas: V Memorial Tucho Perete’ reforzarán a presenza do tecido asociativo e das expresións tradicionais vinculadas á historia do Cristo.

Os actos arredor do Cristo do Consolo e da Virxe do Carme manterán, pola súa parte, o seu peso dentro da celebración: a tirada de fogos, o pregón, a Queima de Damas e Galáns, a misa solemne, a procesión, o canto do Himno do Cristo, a Salve Mariñeira e o espectáculo pirotécnico.

No Día do Carme celebrarase ademais a homenaxe á Virxe do Carme e ás xentes do mar, organizada pola Cofradía da Misericordia Gremio de Mareantes coa colaboración do Concello de Cangas, cun acto que volverá poñer no centro a cultura mariñeira e a memoria das persoas vinculadas ao mar.

A imaxe das Festas do Cristo 2026, obra de Iago Comedeiro, seguirá acompañando toda a comunicación desta edición cunha proposta visual alegre, festiva e construída a partir de elementos recoñecibles da identidade canguesa.

O Reloxo de Guitián, o mar, o Facho, os fogos artificiais, o Palco da Alameda Vella, os cabezudos, o sol da bandeira de Cangas, a danza de Darbo, a serea do Galeón, a caracola de Donón e a música tradicional forman parte dun cartel no que as cores da vila tamén teñen un papel protagonista.

A mesma mirada percorre a liña audiovisual arredor das festas, con testemuños de veciñas e veciños, oficios, comercios e localizacións recoñecibles de Cangas. A proposta gráfica e as pezas audiovisuais comparten así unha mesma idea: contar as Festas do Cristo desde os lugares, os símbolos e as persoas que forman parte delas.

A programación por días é a seguinte:

VENRES 21

  • 21:30 h. Acendido de luces. Naves de Ojea
  • 22:00 h. Festival Tromentelo. Naves de Ojea
  • 00:30 h. A Duendeneta. Naves de Ojea

SÁBADO 22

  • 11:00 h. Comparsa de cabezudos coa A.C. Lembranzas da Ría. Saída dende a Casa da Xuventude
  • 12:00. Tirada de fogos, pregón e Queima de Damas e Galáns. Praza do Concello
  • 22:00 h. Festival folclórico Pais de San Roque. Xardíns de Andrea – Parque da Palma
  • 22:00 h. Verbena coa orquestra Nueva Fuerza. Rúa Vicenti
  • 23:30 h. Nadie González. Naves de Ojea
  • 00:45 h. Rebeliom do Inframundo. Naves de Ojea

DOMINGO 23

  • 20:00 h. A Gramola Gominola. Naves de Ojea
  • 22:00 h. Os Vacalouras. Naves de Ojea
  • 23:15 h. Nékrora. Naves de Ojea

LUNS 24

  • 19:30 h. Ruada Pataghulhos. Eirado do Costal
  • 22:00 h. A Duendeneta. Naves de Ojea

MARTES 25

  • 12:00 h. Ruada. Saída dende a Praza do Concello
  • 20:30 h. Festival ‘Así Canta Cangas’. Eirado do Costal
  • 22:00 h. Nacho · Faia · Lar. Naves de Ojea
  • 23:20 h. Alana. Naves de Ojea

MÉRCORES 26

  • 20:30 h. Festival Así Canta Cangas. Eirado do Costal
  • 22:00 h. A Duendeneta. Naves de Ojea

XOVES 27

  • 19:00 h. Espectáculo familiar ‘Teatro Calavera’. Eirado do Costal
  • 22:00 h. Verbena coa orquestra Saudade. Rúa Castelao
  • 23:30 h. A Duendeneta. Naves de Ojea

VENRES 28

  • 12:00 h. Ruada. Saída dende a Praza do Concello
  • 22:00 h. Arrhythmia. Naves de Ojea
  • 23:15 h. Bala. Naves de Ojea

SÁBADO 29

  • 11:00-19:30 h. I Varada de Gamelas. Porto de Cangas – Praia da Congorza
  • 11:00 h. Comparsa de Cabezudos coa A.C. Lembranzas da Ría. Saída dende a Casa da Xuventude
  • 19:30 h. ‘As almofadas soñadoras’. Dani Blanco. Eirado do Costal
  • 22:00 h. Grande Amore. Naves de Ojea
  • 23:30 h. Verbena coa orquestra Assia. Rúa Castelao

DOMINGO 30

  • 10:00 h. Salva de Bombas
  • 10:30 h. Ruada da Banda de Música Belas Artes. Saída dende a Praza do Concello
  • 11:30 h. Misa solemne. Excolexiata de Santiago de Cangas
  • 12:30 h. Concerto da Banda de Música Belas Artes. Palco da Música
  • 20:00 h. Procesión en honra do Cristo do Consolo e da Virxe do Carme, con canto do himno do cristo e salve mariñeira. Excolexiata de Santiago de Cangas
  • 23:00 h. Gran espectáculo pirotécnico
  • 23:30 h. Verbena coa orquestra Gran Parada. Rúa Castelao

LUNS 30

  • 10:00 h. Salva de Bombas
  • 11:30 h. Misa solemne. Excolexiata de Santiago de Cangas
  • 22:00 h. Baiuca. Naves de Ojea
  • 23:30 h. Verbena coa orquestra Claxxon Tour. Rúa Castelao
Está pasando!