Presentación de ‘Con voz de muller’ | Concello de Pontevedra

‘Con voz de muller’, un ciclo de dez espectáculos protagonizados integramente por mulleres

27 Xullo 2026

  • O edil de Festas, Demetrio Gómez, presentou un programa que encherá a Praza da Ferrería e as rúas da cidade dende o mércores 29 de xullo ata o domingo 2 de agosto
  • O ciclo inclúe artistas como Queralt Lahoz, Aida Tarrío con Raúl Refree, As Cirqueiras ou Tres Pesos, xunto con cinco pasarrúas diarios e os monólogos de Sobria e Serena

O concelleiro de Festas de Pontevedra, Demetrio Gómez, presentou esta mañá en rolda de prensa a nova iniciativa cultural ‘Con voz de muller’, un programa concibido para loitar contra a fenda de xénero na cultura. Segundo explicou o edil, aínda que as festas son para divertirse, “non podemos esquecer que as mulleres en xeral están infrarrepresentadas nos palcos, nas artes, nos teatros e moitas veces ademais aparecen en roles secundarios”.

Para darlle a volta a esta situación, o Concello de Pontevedra deseñou unha programación ininterrompida que arrincará este mércores 29 e estenderase ata o domingo 2, ofrecendo un total de dez espectáculos protagonizados integramente por mulleres. A oferta dividirase en dous formatos: cinco grandes actuacións na Praza da Ferrería, sempre ás 22:30 horas, e cinco pasarrúas diarios destinados a tódolos públicos.

Da tradición á música urbana

O escenario principal da Praza da Ferrería acollerá propostas moi variadas, abrindo por todo o alto o mércores 29 co espectáculo ‘Gala i Ovidio’, unha proposta conformada por Raúl Refree e Aida Tarrío (das Tanxugueiras) que lles rinde homenaxe aos fillos de Rosalía de Castro, mesturando cantos tradicionais e electrónica.

O xoves 30, a perspectiva de xénero e o humor tomarán o relevo da man de Sobria e Serena co seu espectáculo ‘Meigas’. As humoristas Arancha, Areus e Jazmín Abuín, coñecidas polo seu éxito nas redes sociais (TikTok e Instagram) e a súa bagaxe teatral, ofrecerán monólogos sucesivos.

O venres 31 será a quenda de Queralt Lahoz, cualificada por Gómez como “unha das sensacións musicais máis emocionantes que podía haber hoxe en día” grazas á súa impoñente voz e a súa particular mestura de sons latinos, folclore e música urbana.

A fin de semana comezará o sábado 1 de agosto coa música tradicional do grupo Tres Pesos, liderado por Felisa Segade. Finalmente, o domingo 2 pechará o ciclo o espectáculo ‘As Cirqueiras’, unha gala de circo de elenco 100 % feminino que combinará números aéreos, danza, música e humor para transmitir unha forte mensaxe de “apoderamento e de sororidade”.

A ledicia dos pasarrúas

Demetrio Gómez fixo fincapé no esforzo realizado para encher as rúas de Pontevedra de “música e ledicia” a través de cinco pasarrúas diferentes. A programación de rúa será a seguinte:

  • Mércores 29: O grupo Troula traerá o seu espectáculo “Psicodelia”, enchendo a cidade de zancudos, xigantes e marionetas para toda a familia.
  • Xoves 30: O grupo pontevedrés Cafuné ofrecerá a súa particular revisión da nosa tradición.
  • Venres 31: As Pandereteiras do Ronsel, chegadas dende Poio, farán gozar ao público da música máis tradicional.
  • Sábado 1: O coro pontevedrés ‘Happy Singers’, dirixido por Bonnie Cooper, sorprenderá coa interpretación de grandes éxitos dos anos 80 e cancións de ABBA.
  • Domingo 2: O peche de rúa estará a cargo de “Áureas”, unha actuación musical festiva que rememora as charangas dos anos 20, formada por cinco mulleres procedentes de Galicia, Brasil, Polonia e Arxentina, que interpretarán pezas bailables de comezos do século XX.

A reivindicación da música tradicional

A presentación contou tamén coa intervención de Felisa Segade, integrante de Tres Pesos, quen debullou os detalles do seu concerto baseado na recollida do patrimonio oral das nosas avoas e bisavoas.

Segade reivindicou a importancia da voz feminina e da pandeireta (xunto coa gaita), lembrando que as pandeireteiras non son unha tendencia pasaxeira: “non é unha moda, é algo que leva en Galicia durante moitísimo tempo”. Prometeu ademais un concerto moi enfocado ao baile, pechando o acto cunha demostración vocal en directo.

Está pasando!